As falas de Xálima e a súa relación coa lingua galega.
Notas sobre o “descubrimento” do “galego” de Cáceres
Francisco Fernández Rei
Instituto da Lingua Galega
da Universidade de
Santiago de Compostela
1. INTRODUCCIÓN
Antes de dar lectura ó meu relatorio permítaseme que
dea os meus parabéns ós organizadores e ós patrocinadores deste histórico Congreso sobre A Fala do val de Xálima,
á Junta de Extremadura, á Unión Europea. Iniciativa Interreg II, a ADISGATA, á
Universidad de Extremadura e dun xeito moi especial á Asociación Cultural Fala i Cultura, que desde a súa
constitución en agosto de 1991 moito leva feito pola plena recuperación e
normalización da lingua deste val da Serra de Gata.Asemade quero manifestar
publicamente o meu agradecemento ós membros do Comité Científico por me
invitaren a tratar da lingua duns lugares que ata hoxe coñecía,
fundamentalmente, a través dos traballos de Leite e de Cintra e de varios dos
relatores presentes neste Congreso, os colegas e bos amigos Carrasco, Costas,
Gargallo e Maia.
Eu nunca
estivera nestes “tres lugaris” da Serra de Gata nin nada publicara ó respecto,
fóra dunha curta recensión dos Sonetos
valverdeiros de López Lajas (Fernández Rei 1998), editados por Costas. Xa
que logo, non son investigador destas falas, pero si me considero un modesto
divulgador da súa existencia, porque desde que as “descubrín” a comezos dos 90
a situación (socio)lingüística destes lugares de Estremadura tiveron sempre un
apartado nas miñas clases de Lingüística Románica e de Sociolingüística
Románica e nos cursos de doutoramento sobre tipoloxía e estardardoloxía
románica que impartín na Universidade de Santiago de Compostela. Disto poden
dar fe os 15 estudiantes da Universidade de Santiago aquí presentes invitados
polos organizadores, que están a descubrir que realmente existe este “galego”
de Estremadura.
En Galicia uso sempre a denominación “galego” de
Cáceres –coa palabra galego entre comiñas ou entre aspas—, e non “portugués” de
Cáceres porque da xa abundante bibliografía existente parece claro que estas
falas, pertencentes sen dúbida ningunha ó tronco galaico-portugués,
lingüisticamente teñen moito máis que ver coas falas galegas (e portuguesas
septentrionais) que co portugués estándar (e falares portugueses veciños).
Ó non existir unha denominación unitaria para a
lingua dos tres lugares, no título do meu relatorio preferín o emprego do nome Xálima (“As falas de Xálima”), sen saber
que tamén o usaban os organizadores na portada do tríptico de solicitude de
inscrición do Congreso, por ser Xálima termo
propio do val, concretamente dos lugares de San Martín e das Ellas, tal como
pode verse en Gargallo
(1996a: 334):
Xálima (pronunciado con [S]) es el nombre que lagarteiros
y mañegos dan a la montaña más alta de la zona, en cuya ladera reposa San
Martín (...). Y Xálima es,
probablemente, la referencia orográfica más emblemática, en lo alto de la
sierra, para las tres poblaciones. Si bien son los naturales de San Martín, los
mañegos, los más próximos a Xálima,
los más identificados con la mítica montaña, también la reconocen en Eljas y en
Valverde. Pero en el habla de Valverde, bastante más castellanizada que las
otras dos, se la nombra Jálama, como
en castellano. La misma montaña que en el vecino Portugal llaman Xalma.
Xa que logo, empregarei un termo xeográfico
“tradicional”, aínda sabendo que son os mañegos os que máis se identifican con
ese monte Xálima, sobre todo pola
tradición filolóxica da denominación de Xálima[1]
e das súas variantes Xalma na lingüística
portuguesa[2]
e Jálama en lingüistas españois[3]).Por
ser esta a miña primeira contribución ó estudio do “galego” de Cáceres non me
atrevín a usar no título do relatorio algunha das denominacións totalmente
innovadoras propostas por Costas nestes anos como son ribeira Trevellana, Val do
Río Ellas e valego[4].
Espero que no debate deste relatorio se trate este tema, como denominar
xenericamente o valverdeiro, o lagarteiro e o mañego.
No meu
relatorio vou falar primeiro de como en Galicia “descubrimos” estas falas
“galegas” nos anos 90; logo centrareime nas particularidades lingüísticas do
val, tanto nos trazos comúns ós actuais falares galegos e portugueses como os
trazos propios destas falas, para o que me basearei, fundamentalmnete, nos
modernos traballos de Azevedo Maia, Gargallo e Costas; e como remate tratarei
de situar estas falas verbo do galego e do portugués modernos.
2. O “DESCUBRIMENTO
INESPERADO” DO FALAR “ESSENCIALMENTE GALEGO” DA REXIÓN DE XÁLIMA
2.1.O meu “descubrimento”
destas falas
Sendo estudiante da materia de Dialectoloxía Española, alá polo curso
1973-74, foi cando souben, estudiando o manual de Zamora Vicente, que nesta
parte de Estremadura se falaba portugués, pois na introducción do longo
capítulo sobre o leonés, ó trata-los lindeiros deste o ilustre académico dicía:
En
Salamanca, los límites coinciden en general con la frontera política, excepto
el enclave de La Alamedilla (partido de Ciudad Rodrigo), que habla portugués.
Análoga entrada se verifica en dos zonas de la provincia de Cáceres: en el
ángulo noroeste, donde son portugueses Valverde del Fresno, Eljas y San Martín
de Trevejo, y, nuevamente más al sur, en Cedillo y Herrera de Alcántara. Una
nueva entrada hace el portugués en la comarca de Olivenza, en tierras de Badajoz[5]
E como nunca
estivera nestes lugares nin na zona portuguesa veciña nin nunca oíra falar a
ninguén da rexión de Xálima, durante moitos anos pensei que aquí se falaba unha
variedade portuguesa, sen máis, con algunhas solucións próximas ó portugués
setentrional (e ó galego), polo que vagamente lembraba da lectura da excelente
monografía de Maia (1977).
Cando en 1991 no programa Sitio distinto de Antón Reixa houbo un monográfico sobre “falas
raras”, un deses falantes “raros” era un home dunha zona de Estremadura,
concretamente de Valverde del Fresno, na estrema con Portugal. Cando vin ese
programa, moito me chamou a atención o falar dese estremeño, pois eu agardaba
falar portugués se cadra“raro”, pero portugués; pero aquilo parecesíame, de
entrada, máis ó galego que tiña escoitado nas Portelas de Zamora ca a unha
variedade portuguesa. Non me chocaraa o emprego de formas como muto ou plurais en –is (zagais, sg. zagal), pero si a total ausencia de sibilantes
sonoras e de vocais nasais. E aquilo non me cadraba coa lembranza que tiña da
lectura do manual de Zamora Vicente de que alí se falaba portugués, a non ser
que se tratara dun portugués “raro” demais. E sei de moita outra xente que
quedou impresionada do falar “raro” daquel valverdeiro do programa de Reixa,
pola moita similitude que tiña co galego moderno.
Xa practicamente esquecera aquel falar “raro” de
Estremadura cando nunha das pausas das sesións do Atlas Linguistique Roman nos outeiros belgas próximos a Malmedy, en
novembro de 1991, paseando co colega e bo amigo Enrique Gargallo, preguntoume
se vira ese programa de Reixa e qué me parecía o que falaba o estremeño. Eu
ignoraba que el andase a estudiar estes falares e creo que neses días por Bélxica
non me dixo que estivese preparando ningún traballo sobre eles. Por iso a miña
sorpresa foi ben grande cando a finais de xaneiro (ou comezos de febreiro) de
1992 recibín o texto mecanografiado dun relatorio de Gargallo (1992), sobre o
hibridismo e a vitalidade “en las hablas fronterizas (con Portugal) del Valle
del Jálama (provincia de Cáceres)”, texto lido nos primeiros días de xaneiro e
1992 no XX Romance Linguistics Seminar
celebrado en Cambridge.
Comezaba falando o autor de que as tres falas dese val
“de hecho muy similares, descansan sustancialmente en una base constitutiva de
tipo gallego-portugués (boas noitis; ceu; chegar;
fieitu), lo cual parece explicarse
por el origen de los primitivos repobladores de la zona (acaso en parte,
también, de extracción astur-leonesa occidental)”. E engadía Gargallo, que o
secular proceso de castelanización á que foi sometido este recanto estremeño “a
pesar de su aislamiento de Castilla-León y del resto de Extremadura hace pocos
años, dificulta, a mi modo de ver, la consideración como dialecto portugués de
dicho enclave lingüístico”.
O sintético e didáctico estudio lingüístico deste
relatorio tiña como anexo varias redaccións feitas á man por estudiantes de EXB
dos “lugaris” estudiados. Levei ese texto á clase de Lingüística Románica, lin
as redaccións sen indicar de onde eran para que os meus estudiantes tratasen de
localizalas no territorio galego, de lles pareceren galegos os textos que
acababan de escoitar: non dubidou ningún en dicir que eran do galego oriental,
algún dixo que se cadra eran da área do galego de Asturias; pero a maioría
sinalaron que debían ser das Portelas de Zamora.
Neses mesmos días en
que eu realmente estaba a “descubrir”, gracias a Gargallo, que existía o
“galego” da Estremadura española, ou para dicilo en palabras de Cintra (1959:
535), cando eu andaba a descubrir “o falar também essencialmente galego da
região de Xalma” fun dar unha conferencia a Vigo para falar do Atlas Lingüístico Galego. No coloquio
fixen algunha referencia ó relatorio de Gargallo de Cambridge e manifestei alí
que esa zona de Estremadura me parecía, salvando as distancias, unha especie de
Alguero galego, que de facer unha
nova rede de puntos dun atlas lingüístico un debería corresponder a esa zona. O
organizador do acto, o escritor Méndez Ferrín, comentou que Jesús Vicente
Chamorro, fiscal do Tribunal Supremo, que era de Valverde do Fresno
(precisamente de onde era o falante “raro” do programa Sitio distinto) usara a súa fala nalgún acto en Galicia, despois de
disculparse por non saber galego; pero parece ser que os asistentes non tiñan
problema para entender a fala “rara” dese valverdeiro.
O
impacto que me producira o texto de Gargallo de 1992 levoume a ver e oír de
novo aquel programa de Reixa e sobre todo a ler (nalgún caso reler) a
bibiliografía dos lingüistas portugueses sobre as falas da região de Xalma (Leite 1927, 1933; Cintra 1959, 1974; Maia 1977),
de lingüistas alemáns (Fink 1929) e españois (Viudas Camarasa 1982). E anos
despois puiden oír falar directamente do tema a Gargallo en Miranda do Douro e
en Cáceres (Gargallo 1994,1996a) e a Costas e a alumnos seus da Asociación
“Alén do Val” en Cáceres (Costas 1996, López Moldes et alii 1996, Sóñora Abuín et
alii 1996).
E
remato xa estas notas sobre o meu “descubrimento”, agradecéndolle ó amigo
Gargallo toda a información lingüística e a bibliografía que sobre o Val de
Xálima me forneceu a comezos dos 90. Foi tamén el quen realmente me “descubriu”
por eses mesmos anos que existía o aranés e o catalán de Aragón, dos que só
coñecía algún trazo lingüístico. Moita da información da situación
sociolingüística da variedade occitana do Val de Arán (uns 5.000 falantes, máis
ou menos coma os de Xálima) e da variedade da Franja del ponent (máis de 40.000) que manexei veume a través del.
2.2. O impacto en Galicia
dese “descubrimento”
A finais de febreiro
ou comezos de marzo de 1992, nunha sesión do Seminario de Lingua Galega de COU
do que formaba parte Costas González, comentei a posible existencia dunha
variedade de galego en Cáceres, sobre todo a partir do texto de Gargallo
(1992). Mes e pico despois, á volta de Semana Santa, Costas apareceu en
Santiago con varias horas de gravación daquel “galego” de Estremadura, que el
mesmo veu gravar a estes “tres lugaris”, das que me regalou unha copia. Tamén
me fixo o galano dunha manchea de follas por el escritas á man, con
características lingüísticas destas falas, que ampliaban considerablemente a
sintética caracterización de Gargallo (1992), á vez que matizaba algúns
fenómenos da monografía de Maia (1977), follas que constituían o esbozo dun
traballo que publicou a finais dese ano (Costas 1992b).
Pedinlle a Costas que escribise un artigo para a
revista A Trabe de Ouro para dar a
coñecer desde Galicia a situación sociolingüística desa zona de Cáceres, artigo
que se publicou en setembro de 1992 (Costas 1992a) e que constitúe a primeira
publicación en Galicia, e en galego, sobre a orixe e a vitalidade social do
falar “essencialmente galego” de Cáceres. Desde aquela Costas converteuse en
Galicia no infatigable difusor e no principal investigador e coñecedor do
“galego” do Val do Río Ellas ou valego, termo que prefire ós tradicionais de
Xálima e Xalma, como se ve en diversas publicacións súas destes anos (Costas
1992b, 1996, 1998, 1999).
2.2.1.O “descubrimento” en
abril-maio de 1992
En abril de 1992 Costas é entrevistado na Radio
Galega por Xusto López Carril e a primeiros de maio en diferentes medios
escritos galegos recóllense declaracións tamén de Costas sobre a existencia do valverdeiro,
do lagarteiro e do mañego e sobre o tremendo orgullo e grande autoestima da
maioría deses 5.000 falantes cara á súa variedade lingüística, tan próxima ó
galego moderno en moitos aspectos.
Cando a primeiros de maio de 1992 se presentaron os
Premios da Crítica Galicia, a prensa escrita falou da existencia de estremeños
que falan galego. Así, El Correo Gallego
do mércores 6 de maio de 1992 (p. 35), na ampla información deses Premios, nun
recadro baixo o titular “‘Benvida’ ás 5.000 persoas dun Val extremeño que falan
galego” fálase do “descubrimento” de Costas. A información do Correo remataba deste xeito:
Os
organizadores do certamen dan a “benvida” a estes”irmáns na lingua”
descoñecidos ata hoxe, “para que o voso exemplo sirva para tanto ‘patufo
desleigado’ de cómo uns descendentes de galegos manteñen a fala logo de tantos
séculos de afastamento do país”.
Outro xornal, Diario
16 de Galicia, tamén do 6 de maio de 1992, na cabeceira da p. 44 tiña o
seguinte titular: “Cinco mil persoas falan un dialecto galego en Extremadura.
Presentada en Santiago a XV edición dos Premios da Crítica Galicia 1992”.
Terminaba a información con estas palabras:
Mais
a intervención que levantou máis interés foi a de Henrique Costas que ven de
realizar unha viaxe de traballo por terras extremeñas, concretamente por tres
concellos da provincia de Cáceres (Valverde do Fresno, As Ellas e San Martín de
Trevello) nos que a maioría dos seus cinco mil veciños falan habitualmente unha
variedade lingüística da familia do galego-portugués, moi directamente
emparentada con algúns dialectos surorientais do galego.
Atá
o de agora pensábase que dita lingua era unha variedade máis dos falares
portugueses que se dan noutros concellos extremeños e salmantinos que pasaron a
dominio español no século pasado tralo breve episodio da Guerra dos Laranxos
entre España e Portugal.
Días despois o semanario A Nosa Terra, no nº 522, de 14 de maio de 1992 (p. 26), na crónica
do fallo dos Premios da Crítica de 1992 terminaba referíndose á presencia dun
representante dos falares da rexión de Xálima na Cea dos devanditos Premios:
Pero
a maior novidade desta XV edición foi a preséncia dun representante de 5.000
veciños que viven nos concellos extremeños de Valverde do Fresno, As Ellas e
San Martiño de Trevello que falan unha língua da família galego-portuguesa,
emparentada directamente con alguns dialectos Sul-orientais galegos.
O inesperado
“descubrimento” da fala dos “tres lugaris” tamén se tratou en publicacións de
difusión restrinxido, como no boletín ’17
de Maio’. Día das Letras Galegas de 1992, editado pola Asociación de
Veciños ‘Os Tilos’, do concello coruñés de Teo estremeiro co de Santiago. Nese
boletín Xosé María Lema publica o artigo “Valverde, As Ellas e Trevello: tres
concellos de Estremadura que teñen unha variante do galego como lingua propia
(Breve noticia dun descubrimento inesperado)” (pp. 7-11).
O autor desta “breve
noticia” empezaba referíndose ó mencionado programa de Reixa na TVG:
Hai uns meses, na Televisión de
Galicia, Antón Reixa entrevistaba no seu lembrado programa Sitio distinto a un home de mediana idade procedente de Valverde
del Fresno, unha vila de Estremadura lindeira con terras portuguesass. Aquel
estremeño de pura cepa, do que non acordo o nome, entendía perfectamente ó
entrevistador e respondía ás preguntas deste nunha fala que se asemellaba moito
á nosa. Calquera de nós aseguraría que aquel home de terras tan lonxanas e tan
distintas ás nosas se estaba a expresar no noso mesmo idioma ¿Como era iso
posible?
Logo Lema daba
interesante información (socio)lingüística dos falares de Xálima (“fugaces
notas que agora se publican neste boletín case en verdadeira primicia, en
espera de que moi axiña a prensa galega se faga eco”), notas fornecidas
fundamentalmente por Costas González. As “fugaces notas”, que realmente
contiñan algunhas das primicias de que Costas (1992a) informaría no artigo de
setembro de A Trabe de Ouro,
remataban cunha referencia á presencia de xente de Xálima na Cea dos Premios da
Crítica celebrada en Vigo:
Unha representación destes tres
concellos estremeños acudiu o sábado 9 de maio á Cea das Letras en Vigo. Un
deles pronunciou unhas palabras de afecto no seu idioma nativo e recibiu o
aplauso unánime dos asistentes como premio exemplar á defensa da súa identidade
cultural e lingüística. O exemplo que nos dan ben o merece.
2.2.2. O ronsel do
“descubrimento”
Desde maio de 1992
ata maio de 1999 os diferentes medios seguiron informando do “descubrimento” do
“galego” de Cáceres, á vez que se impartiron conferencias en diferentes ámbitos
sobre a situación sociolingüística da rexión de Xalma. E case sempre, dun xeito
ou doutro, o infatigable Costas andaba polo medio. Sen ánimo de exhaustividade,
sirvan como mostra do ronsel deste “descubrimento” os seguintes feitos:
- O xornal El
Correo Gallego do mércores 4 de agosto de 1993 publicou unha reportaxe que
ocupaba toda a p. 35, co título“Val de Xâlima: un ‘sangrilash’ en Cáceres para
a lingua galega. Unhas nove mil persoas falan un dialecto do galego-portugués”,
aclarando que no Val de Xâlima hai 5.000 falantes e o resto na emigración.
Entre outra información dábanse os resultados dun inquérito sociolingüístico
baixo o titular “Todos queren que a ‘fala’ estea na escola”.
-
En 1993 creouse na Escola de Maxisterio de Pontevedra, promovida por Costas, a
“Asociación Alén do Val de
Investigación Lingüística e Cultural”, que editou para o ano 1994 o Primeiro calendario no galego do Val do
Ellas (Extremadura) e que realizou diversas investigacións, algunhas delas
presentadas no I Congreso Internacional
Luso-Español de Lingua y Cultura en la Frontera /I Congreso Internacional
Luso-Espanhol de Língua e Cultura na Fronteira (Cáceres, 1/ 3 decembro
1994)[6].
-
Con motivo do IV Congresso da AGAL (Vigo 28.10/1.11 1993), Gargallo, que xa
tiña descubertas as falas de Xálima cando moitos galegos empezamos co
“descubrimento” veu a Galicia para falar do valverdeiro, do lagarteiro e do
mañego (Gargallo 1996b).
-
Nas Xornadas sobre a normalización das
outras linguas hispánicas (9 /17 marzo 1994), celebradas na Facultade de
Filoloxía da Universidade de Santiago Costas impartiu unha conferencia sobrea
situación sociolingüística do Val do río Ellas. E nalgunha outra ocasión desprazouse
a Compostela para volver a falar do tema.
O martes 26 de abril
de 1994 a escritora María Xosé Queizán publicaba no xornal Faro de Vigo o artigo “A Fala de Xálima”, que empezaba cunha
fermosa descrición dese verde val[7]:
No extremo noreste da provincia de Cáceres encontramos un agachado val, protexido por altas montañas de Castela asi como do territorio extremeño. Desde a estética paisaxística galega, é a rexión máis bonita de Extremadura. Parece que reencontramos a nosa terra nese canto milagrosamente verde (cando se chega da estepa abulense), con amable vexetación, arboredass, ríos, clima suave e cultivos mediterráneos.
Referíase
logo á fala de Xálima, para rematar referíndose á importancia da fala como
signo identitario e á reclamación de medidas polos seus propios falantes para a
protección e normalización desa variedade lingüística:
Por iso, conscientes de que a sociedade actual amenaza a conservación da lingua
e de que hai unha tendencia á disminución do seu uso (entre os veciños de máis de 40 anos e os menores de 20, o uso descendeu 6.25%), reclaman por unanimidade medidas para protexela, que se institucionalice na vida local e no ensino escolar e se leve a cabo un programa de normalización lingüística e gramatical.
Sen dúbida é unha boa lección para tanta xente de nós, despreocupada pola nosa lingua, o interese que mostran pola conservación dese primitivo galego que non conta con textos escritos. Teñen só literatura oral, contos populares, poesías , coplas e refráns. E, desde aquí deberíamos axudar nesa conservación.
- O domingo 13 de marzo de 1994, en hora nocturna de
máxima audiencia, o programa Informes TVG
da Televisión de Galicia estaba todo el dedicado á fala de Xálima. O xornal
La Voz de Galicia dese mesmo día (p.
77) resaltaba na sección “Guieiro da TVG” esa emisión, co titular: “Informes TVG: en Extremadura también se
habla gallego”. Entre outra información, A. C. P. dicía o seguinte:
Informes TVG (...) centra hoy su tiempo de emisión en un pequeño
valle al norte de Cáceres, en el que viven unos 5.000 habitantes que mantienen
viva una lengua arcaica muy semejante al gallego medieval. Los lingüistas
atribuyen la existencia de la misma a la repoblación de estos territorios
conquistados a los moros allá por los siglos XII y XIII. La mayoría de los
colonos procedían de Galicia, y a lo largo de 700 años mantuvieron esta
variedad idiomática.
En 1997 nun libro de 1º de Bacharelato de Lengua castellana y literatura, de editorial
e autores non galegos, na unidade 4 “Las lenguas de España y sus variedades
dialectales. El bilingüismo” (pp- 48-61), no apartado do galego (pp. 58-9) hai
un mapa do territorio lingüístico ó que se engade o “alguero” de Cáceres e unha
brevísima información sobre estas falas. O mapa vai precedido do seguinte
texto:
Se
habla gallego en las cuatro provincias gallegas, la franja occidental de
Asturias, la región leonesa del Bierzo, la comarca de Sanabria al noroeste de
Zamora y en los ayuntamientos de Valverde do fresno, As Ellas y San Martiño de
Trevello al noroeste de Cáceres.
E no apartado
“Dialectos del gallego” fálase dos tres bloques existentes (occidental, central
y oriental), ó que se engade o seguinte:
Por otra parte, el habla de los
ayuntamientos extremeños de Valverde do fresno, As ella y San Martiño de
Trevello emplean formas como cancións y verán y se individualizan por registrar
el diptongo ei en lugar del gallego eu: ei, mei, sei, bebei, por eu “yo”; meu
“mío”, seu “suyo”, bebeu “bebió”, etc...[8]
E a proba de que non decaeu o interese sobre o tema
en Galicia é a recente publicación en La
Voz de Galicia dunha ampla reportaxe no suplemento de Los domingos de la Voz, baixo o titular “El gallego extremeño.
Xálima, el valle orgulloso” (4.4.99, pp. 1-4), acompañado con fotos diversas
onde se ve o uso do “galego” no rotulado de rúas, algunha praza e
establecemento comercial. O autor do texto e fotos, J. R. Alonso de la Torre, é
un profesor estremeño afincado en Galicia.
A ampla reportaxe ten debaixo do titular este
encabezamento:
¿Qué
país es éste donde las gentes tienen la tez, el pelo y los ojos más claros que
aceitunados; donde las familias se apellidan Estévez, Gundín, Frades o Fandiño;
donde los bosques de carballos descienden mansos e imponentes por las laderas,
los niños comen bican y dicen herba, horta
y merda y los mayores van al bar ‘A Tasca’, viven en la Plaza da
Constitución y parecen más retorcidos y desconfiados que sus vecinos de los
pueblos cercanos?
O semanario A Nosa Terra no nº 883 de 20 de maio de
1999, na p. 26 comezaba con estas palabras a información sobre a celebración do
Congreso de ‘A Fala’.
Os días 20 e 21 de Maio
celébrase o congreso sobre A Fala nos
concellos do Noroeste extremeño Valverdi du Fresnu, As Ellas e San Martin de
Trevellu, no val de Xálima. A Fala é
unha modalidade lingüística do bloque galaico-portugués que apresenta un grande
paralelismo co galego actual pero con influéncia do extremeño e do asturiano. A
sua conservación con conta non nengun apoio institucional, de ai a importáncia
que os organizadores dan a este congreso, que inauguran os alcaldes da zona.
3.
TRAZOS GALEGOS DAS FALAS DE
XÁLIMA[9]
3.1.Trazos comúns á xeneralidade
das falas galegas
Entre os trazos lingüísticos
caracterizadores da rexión de Xálima uns son comúns á xeneralidade dos actuais
falares galegos e portugueses, como a ausencia de ditongo en formas como porta, nosa, boa, ovu e
queru, herba; castelu, mocela[10];
a presencia de ditongos decrecentes oi,
ei en palabras como noiti, oito, dereitu, maeira “madeira” e noutras como oitru “outro”, poicu “pouco” [11] e ei “eu”, mei “meu”; o mantemento de F-
latino (fariña, fornu, fome), sen que se
rexistre a aspiración propia das falas salmantinas e cacereñas próximas; a
perda de –L- e de –N- (ceu, moíñu/muñu “muíño”; coellu, ceal “cear”) e a
reducción das xeminadas –LL- e –NN- (aquela,
martelu; anu, cabana); resultado [´] dos grupos –LJ-, -K’L- e –G’L- (allo, abella, tella)[12];
e artigo o(s), a(s).
Outros fenómenos propios dos falares de Xálima son
caracterizadores das falas galegas e do portugués setentrional, particularmente
trasmontanos, fronte ó portugués estándar (e as falas centro-meridionais).
Entre estes fenómenos está a inexistencia da oposición fonolóxica entre a
bilabial /b/ e a labiodental /v/ (chavi, bo viñu, con betacismo nos dous casos);
mantemento da africada prepalatal [tS] en formas como chocallu, chover, sen a desafricación característica do portugués padrón (e
centro-meridional); terminación –eu,
-eea en formas como cheu, centeu e avea, vea no canto de cheio, centeio e aveia, veia dos falares
portugueses veciños[13];
terminación –o [u] na P3 dos perfectos fortes (disso/dixo; feio/fido/ fizo “fixo”; pujo/puso “puxo”; quijo/quisso “quixo”)[14];
radical fag- de formas verbais como fago faga,
fagas[15];
a forma impersoal hai de haber[16];
e radical viñ- no tema de perfecto de
vir (viñe, viñestes, viño... viñera...)[17].
Ademais existen fenómenos
da rexión de Xálima que son propios do galego fronte ó portugués, incluídos os
falares setentrionais. É o caso da ausencia de fonemas vocálicos nasais e a
existencia do fonema nasal velar nas formas do artigo indeterminado unha e compostos algunha, ningunh (e
variante niñunha), así como en unhus, que convive con uns en Valverde e con us nas Ellas e San Martín[18]; do alomorfo lo(s), la(s) en sintagmas como agarra-lo
cabalo, propio da maioría dos falares galegos[19]
e das contraccións ó, ós resultantes do encontro da
preposición a e o artigo, xerais en
galego[20].
3.2. Xálima, “maqueta” do
galego dialectal
Segundo Costas (1992b: 86), as falas desta rexión de
Cáceres constitúen unha maqueta da dialectoloxía galega:
Diciamos
que estas falas supoñen –na nosa opinión- unha maqueta de moitos fenómenos
fonéticos, morfolóxicos e léxicos que se dan a maior ou menor escala por todo o
noso territorio lingüístico, e, máis concretamente, as semellanzas e
paralelismos son ben evidentes coas falas bercianas, zamoranas e do leste de
Ourense”.
Paréceme ben
atinada esta idea de estarmos diante dunha maqueta do mapa dialectal galego,
como pode comprobarse cos seguintes fenómenos.
3.2.1. Fonética
No que respecta ás sibilantes, en Valverde hai un
sistema semellante ó dos falares galegos non seseantes, que é o maioritario no
galego oral: /S/ deixal, xugu (e nalgúns casos /S/ > /x/ jovis “xoves”, ajudal “axudar”), /s/ sete, casa e /T/ doci, quinci.
Nas Ellas e en San Martín
hai un sistema arcaico de sibilantes que lembra, en certo modo, o de falares
galegos da Limia Baixa ourensá e o de Hermisende nas Portelas de Zamora. Así,
consérvase a distinción entre as palatais fricativas sonora [Z] de genti, jovis, ajual “axudar”, jinja “guindilla” e a xorda [S] de axín “pemento”, caixa,
oposición característica do portugués moderno fronte ó galego; e tamén se
conservan distincións medievais entre xordas e sonoras dento-alveolares, como
ocorre entre [s] de seti, passal e [z] de casa, coisa ou entre [T] de ceu, forza e [d] / [D] de quindi, naridis (sg. narí)[21].
A interdental [T] desaparece sempre en
posición implosiva final nos tres lugares: de,
ve, cru, capá, formas de
singular correspondentes a decis, vecis, crucis, capacis en
Valverde e a dedis, vedis, crudis, capadis nas Ellas
e en San Martín (Costas 1992b: 96). O fenómeno xa fora salientado por Maia
(200-1) ó referirse conxuntamente á perda de –s (ou –z) final de
palabra, que “por vezes, desaparece por completo, mesmo em casos em que –s funciona como morfema de plural.
Exemplos: dé “dez” (Elj., S. Mart.), ôa bê ‘uma vez’ (Elj., S. Mart., Valv. del F.), ôa bô ‘uma voz’ (Elj.), tu cai ‘cais’ (2ª pes. do pres. do indicativo de cair) (Valv. del F.)”[22].
Maia considera que a presencia deste fenómeno lingüístico se explica
“certamente, por influência dos vizinhos falares espanhóis da Extremadura, onde
é um facto corrente”. Posiblemente conviña xebra-los casos (esporádicos) de
aspiración e perda de –s, fenómeno
sen dúbida estremeño e andaluz, da constante perda da interdental. No galego zamorano
de Porto e en puntos espallados de Ourense rexístranse formas sen –z [T](vo, no, cru[23],
capá, rapá).
Hai
solucións de Xálima que son características do galego oriental, particularmente
de puntos do Bierzo e das Portelas de Zamora, así como de zonas de Ourense
próximas. É o caso de formas como cutelo,
escutar, truta e luta (Costas
1992b: 89), solución semellante á portuguesa e non á do galego estándar (e
maioritario no galego oral) coitelo, escoitar, troita, loita. E o mesmo ocorre coa terminación –ai por -ade en verdai, cidai / ciai[24].
3.2.2. Morfoloxía nominal e pronominal
No plural
das palabras oxítonas rematadas en –n,
tal como sinala Costas (1992b: 92) rexístrase
a solución –ns do galego occidental
(e do galego estándar) en Valverde (ladróns,
razóns, folgazáns) e a solución –s do galego central nas Ellas e en San
Martín (lairós, radós, folgazás. Estas formacións de plural á galega (e non á
portuguesa), que non son descoñecidas dalgúns falares trasmontanos[25],
xa foran salientadas por Maia (1977: 216-7):
Em Valverde del Fresno, às formas do singular em –on correspondem formas de plural em –ons, à semelhança do que acontece no
galego occidental: ratóN, pl. ratóNs; copetóN, pl. copetóNs; botóN, pl. botóNs.
Nas Eljas, onde as formas de singular terminam em –ó, as de plural terminam em –ós, tal como acontece no centro e noroeste da Galiza: jamó, pl. jamós, limó, pl. limós, botó, pl. botós , etc.
Em San Martín de Trevejo, no singular encontram-se formas em –ón a que correspondem no plural formas en –ôs: tragóN, pl. tragôs; pulmóN, pulmôs, etc. O falar de San Martín de Trevejo ocupa, pois, uma posição intermédia, poderíamos dizer de transição, entre o falar de Valverde del Fresno e o das Eljas. Esporadicamente registei uma forma de singular em –ô a que corresponde uma forma de plural em –ôs: tapô, tapôs.
Nas palabras polisílabas en –l a solución xeral é –is en Xálima (animais, papeis, candís, españois, azuis/aduis), como en portugués e galego estándar, aínda que no galego dialectal esta solución só é propia de falas orientais. Nos monosílabos a solución é –les (males, meles, soles). Así e todo, rexístrase cuais nun texto valverdeiro de comezos de século (Costas 1992b: 91)[26].
Nas terminacións –ANU, -ANA a solución de singular
dos tres concellos é –án, como no
galego occidental (verán, man; miñán,
ran). Sen embargo no plural en
Valverde a solución é a do galego occidental (veráns, mans; miñáns, rans), mentres que nas Ellas e en San Martín o resultado de –ANAS (miñás, ras) coincide co galego centro-oriental e o de –ANOS (verás, mas) só se rexistra nalgúns falares de transición entre o galego
occidental e o central[27].
Nos pronomes átonos non hai a distinción te e che
propia da maioría das falas galegas (e do galego estándar). O teísmo de Xálima,
que é propio do portugués e mais de falas galegas do Baixo Miño e dá área das
Portelas de Zamora, ten un correlato nas formas sen palatalizar le, les.
Tal como sinala Costas (1992b: 101) “isto ocorre exactamente igual no
galego-zamorano e nalgunhas falas do nordeste portugués onde non se deu
palatalización ningunha dos dativos te e
le > che e lle”.
Nos demostrativos as formas neutras estan
hipercaracterizadas, como en portugués e en áreas do galego: isto/aquisto,
iso/aquiso, aquilo. As formas aquisto,
aquiso rexístranse en xente maior
(Costas 1992b: 102).
3.2.3. Morfoloxía verbal
Nas
desinencias verbais rexístranse solucións comúns ó portugués, que en galego
unhas veces son propias da xeneralidade das falas occidentais (a vocal temática
e en (tu) comeste(s) “comiches”) e outras veces sono dalgunhas
falas occidentais dalgunhas orientais (o sufixo número-persoal –ste(s) da P2 dos perfectos).
Na P5, agás nos perfectos, o sufixo número-persoal é –is (sois,
dis “ides”, cantais, chegabais), como
en moitas falas do galego oriental e en portugués (Costas 1992b: 105).
Tamén hai algún fenómeno propio de Xálima que é
característico dalgunhas falas occidentais galegas e do portugués dialectal,
pero non dos estándares galego e portugués. É o caso da terminación í na P1 dos perfectos en –ar de formas como agarrí “agarrei”, chorí “chorei”,
semellantes ós agarrín, chorín do galego da Ría da Arousa e da
Ría de Pontevedra. Esta solución non é descoñecida dos falares do Ribatejo, da
Beira Baixa e mesmo da raia trasmontana[28].
A forma fel[29] “facer” das Ellas e San Martín é
semellante a fer dalgún punto do
galego de Asturias; e o mesmo pasa con trel
“traer” de San Martín, que corresponde a trer
tamén da Terra Navia-Eo asturiana[30].
A presencia dun radical regularizado oiv-/uiv-
de oivir/uivir en todo o presente de ind. (oibu, oibis, oibi, uibimus, uibís, oibin) e do presente de subx. (oiba, oibas...) é semellante ó que pasa nas falas do sur de Ourense, das
Portelas de Zamora e nalgunhas meridionais de Pontevedra, onde se rexistra ouvir e ouvo, ouves... ouva, ouvas..(Fernández rei 1990: 101)[31]
3.2.4. Léxico
Na análise do vocabulario
de Sabugal, Xálima e Alamedilla Maia (1977: 498) salientaba o mantemento na
rexión dun elevado número de arcaísmos, moitos deles comúns a falares de
“além-fronteiras”, á vez que sinalaba as grandes afinidades léxicas co galego,
co astur-leonés e co trasmontano:
São também muito
numerosas as afinidades entre o léxico da região explorada e o de outras zonas
peninsulares, de conhecido carácter conservador: o galego, os idiomas
asturo-leoneses e o falar trasmontano em geral e, de uma maneira particular, os
falares da faixa trasmontana fronteiriça”.
Hai moitos vocábulos de Xálima e da zona portuguesa fronteiriza
que non se rexistran na zona trasmontana, pero presentan formas afíns en leonés
e asturiano. E moi “expressivas são também as afinidades lexicais como o
galego”. E verbo disto cita formas como a donezinha
(e variantes como denozinha) de
Xálima[32]
e o arcaísmo fieito de Valverde e de
San Martín, “mantido noutras zonas conservadoras de Portugal e na Galiza”[33]
. Outras formas que cita Maia (1977: 502) afíns ó galego son mai en Valverde, e poñer de Valv. e poñel de
San Martín .
Podería engadirse algunha outra como almozal de Valverde e almodal das Ellas, do vocabulario de
Maia (1977: 287), que corresponden a almorzar
da maioría das falas galegas para referirse á acción de “tomar o pequeno
almoço”. Nos falares trasmontanos Santos (1967: 290) rexistrou almo(r)ço en Vinhais, en puntos de
Bragança e no mirandés para esa primeira comida do día, de igual xeito que
existe almorzar con esa significación
en asturiano.
Maia sinala para a rexión de Xálima a existencia de
arcaísmos como migrá “granada” (port.
romã) migreira e migradeira
para a árbore (port. romãzeira e romeira)[34],
formas que non se rexistran en galego moderno, en parte porque esa árbore en
Galicia é un exotismo. De tódolos xeitos, no canto da forma castelá usada
normalmente en galego, ben se podería reintroduci-la migrá (e a migreira) tan
viva no “galego” de Cáceres.
Segundo
Costas (1996: 369), no inventario léxico é onde máis se aprecia o carácter
arcaico e arraiano das falas do val do Ellas, “de sitio distinto rodeado de portugués
beirao e castelán aleonesado”. E é no léxico onde se pode apreciar igualmente a
“maqueta” dialectal do galego:
“Con
todo, percíbese perfectamente a orixe galega (ou galego-portuguesa) de boa
parte dos nomes comúns, dándose a coincidencia que nun espacio xeograficamente
tan reducido coexisten plenamente vivos sinónimos de distribución dialectal por
toda Galicia: estadunchu-funqueiru, cerdeira-cereixeira, sobreira-carrasqueira, chíchari-ervilla, dinusiña-doniña, etc.,
etc...; son ben presentes tamén arcaísmos do tipo mu-múa, argolas, ou o
verbo estoxar [‘aforrar], etc”.
Logo refírese Costas ós cambios semánticos en moito
do vocabulario de Xálima:
pero
o máis normal para un galegófono, desde o punto de vista semántico, son os
cambios parciais de significado que sufriron moitas palabas, así, sobrau ou palleira é a traducción do noso faiado (mesmo nas casas modernas), boiga e cortellu son sinónimos, a xeira
é unha extensión pequena de terra (a que se dá labrado nun día), o alén é calquera campo situado algo
lonxe, xaneira é a primeira cría dun
animal (mesmo onde se perdeu o nome do mes e foi sustituído por eneru), encoirarse é o usado para espirse, lambón dise dunha persoa malvada, o xabri é só a masa para facer muros, etc., etc.[35]
4. TRAZOS NON GALEGOS DAS FALAS DE XÁLIMA
4.1. Trazos propios do
castelán
Na rexión de Xálima son de emprego xeral fenómenos
morfosintácticos que, de entrada, parecen castelanismos. É o caso da anteposición
dos pronome átonos, que segundo Maia (1977: 272) “são quase sempre proclíticos:
a mandorim ‘mandaram-na’ (Elj.), a ponhemos ‘pomo-la’ (S. Mart.), o querim ‘querem-no’ (S. Mart.), a levam ‘levam-na’ (Valv. del F.)”.
Verbo deste fenómeno Costas (1992b: 102) sinala que a lingua do val do río
Ellas se arreda do galego, portugués e astur-leonés, e se acaroa co castelán,
brasileiro e –relativamente- co galego medieval.
E tamén debe ser por castelanismo o uso do auxiliar haber para forma-lo pretérito perfecto (ha comprau “compraches”, has uiviu “oíches”; há bindo “veu”), co mesmo valor do tempo en castelán, ó igual có
uso deste auxiliar para o pluscuamperfecto de indicativo (había dau “dera”, había dito “dixera”)[36].
Segundo Costas (1992b: 103) é “moi probable que sexa un castelanismo que
prendeu doadamente debido a que existían xa unhas formas arcaicas, unha base,
propicias para a súa adopción plena”[37].
No terreo da fonética Gargallo (1999: 32) sinala a
existencia de numerosos castelanismos con [x] nos tres concellos da rexión de
Xálima: fijarsi, juniu, juliu, vilgin “virxe”[38].
Por outra parte, a existencia dun sistema vocálico de cinco fonemas /a/, /e/,
/i/, /o/, /u/, sen a oposición fonolóxica /E/ - /e/, /O/ -/o/[39], característica do galego e
do portugués é un dos trazos que Gargallo
(1999: 31) inclúe entre os de continuidade xeográfica co castelán común de
Estremadura e/ou da primitiva zona leonesa, ó igual cá neutralización r/l implosivo (idil/idel “dicir”, fel/ficel “facer”),
o betacismo e o “yeísmo”.
É fenómeno xeral a penetración brutal de castelanismos na fala dos máis novos, dos máis escolarizados –descoñecedores parciais dos traballos rurais, oficios tradicionais, léxico da flora e da fauna, etc. etc.- así, non é de estrañar que escasísimos menores de vintecinco anos non soubesen dicir como lles chamaban os seus avós á abubilla, á nutria, á golondrina, á árbore que dá ciruelas ou mesmo ó dedo meñique. Ninguén se avergoña de falar valverdeiro, mañego ou lagarteiro, pero todos son perfectamente conscientes de que os novos xa non utilizan os nomes bubela ou galu do campu ou popa, nin lundria ou lundra, nin anduriña, nin ameixeira, nin deu minguichi. A escola está conseguindo un dos seus obxectivos: borrar, varrer, as peculiaridades lingüísticas, desnaturaliza-las falas autóctonas: uniformar pouco a pouco en castelán.
4.2. Trazos astur-leoneses
Na fonética dáse en todo o val o paso -e > -i (alboroqui, mercolis “mércores”, jobis “xoves”), como no dominio
astur-leonés, pero en ningunha parte ten este fenómeno a xeneralización da
rexión de Xálima (Maia 1977: 159-60). Tamén é común ó astur-leonés o paso de -o > -u (comerciu, cestu), fenómeno que se rexistra en
portugués.
Outros leonesismos afectan a parte do val, como ocorre coa presencia da velar xorda [x] en formas como lon[x]i “lonxe”, a[x]udal “axudar” ou [x]ovis “xoves” de Valverde (Costas 1992b: 95-6), ou coa terminació