"ASPECTOS SOCIOLINGÜÍSTICOS
DAS FALAS DO VAL DO RÍO ELLAS (CÁCERES)"
UNIVERSIDADE
DE VIGO (GALICIA)
1.-
Limiar.
2.-
Autoconsideración e conciencia lingüística.
3.-
Os usos lingüísticos.
4.-
O futuro: o estatuto legal.
1.- Limiar
Foi Leite de Vasconcelos o primeiro en abordar seriamente
o estudio das falas dos tres lugaris, do Val de Xalma ou do Val do Río Ellas,
ou como lles queiramos chamar ó valverdeiro e mañego-lagarteiro. Leite cría
firmemente na lusitanidade destas falas e rexeitaba a hipótese, formulada por
el mesmo, da "conexión" galega para explica-la orixe destas falas,
negou a galeguidade destas falas por prexuízo ideolóxico.
Para
Onís, discípulo de Menéndez Pidal, é evidente que esta fala non é leonesa, e así
o afirmaba xa nunha carta[1]
redactada en mañego e dirixida ó seu mestre, con data de 3 de agosto de 1910,
na que lle di, entre outras cousas:
“Con istu que vos escribu poeis formal idea da fala Sanmartiñega que desde logu ten que queal fora do nosu dialectu leones porque nun hay sombra de diptongación en niñuna das formas de istu. Creu que poyu afirmal istu con toa a seguriai.”
Agás Cintra e Maia, a maioría dos autores falaron dunha
“lingua ponte” ou “cruce” (sic) entre portugués e asturiano oriental[2].
Nos diversos estudios sobre dialectoloxía española e portuguesa sempre as falas
do Val do Ellas figuraban dentro do ámbito lingüístico portugués e, duns
autores a outros, limitábanse a repetir que no noroeste de Cáceres, os
concellos de “Valverde del Fresno, Eljas y San Martín de Trevejo” eran de fala
portuguesa. Agora outros pensamos de
maneira un pouco distinta.
De entrada digamos que en Valverde, As Ellas e San
Martín, as falas locais son medio de comunicación oral habitual e maioritario
dos seus habitantes. Pero, con todo e falaren normalmente case tódolos naturais
deste val nalgunha das súas variantes, o que constatan os propios nativos é que
nos últimos trinta anos tense producido unha avalancha brutal de castelanismos
na fala dos máis novos, debido sobre todo á escolarización obrigatoria (en
castelán), o incremento de relacións comerciais pola mellora das comunicacións,
os medios de comunicación, a administración, a igrexa, etc. Os máis novos son
descoñecedores parciais dos traballos e oficios tradicionais, de moito léxico da flora e da fauna, etc, polo que
non é de estrañar que castelanismos do tipo bubilla,
nutria, gulundrina, lombrí de terra, cirueleiru ou deu miñiqui, estean presentes na fala dos máis novos en lugar dos
tradicionais bubela~popa~galu do campu,
lundria, anduriña, miñica, ameixeira ou
deu minguichi. A escola unicamente en castelán está a conseguir un dos seus
obxectivos: varre-las peculiaridades lingüísticas das falas autóctonas,
uniformizar pouco a pouco en castelán. A xeración intermedia tende a imita-los
fillos, xa escolarizados, e caen no coñecemento pasivo de moita
eco-terminoloxía, coñecemento que non transmiten senón é por descoido. A
xeración máis vella é imperturbable nos seus hábitos lingüísticos, é a xeración
á que recorremos para o mellor coñecemento destas falas, pois a meirande parte
dos anciáns teñen unha deficiente escolarización, é dicir: castelanización, e
desde sempre son monolingües nalgunha das súas variedades. A transmisión
xeracional está garantida, o que non o está é a calidade de lingua transmitida.
1.- Autoconsideración e conciencia lingüística dos falantes.
Estándomos perante unha comunidade de individuos
historicamente ágrafa na súa lingua desde o século XIII debido á presencia do castelán
oficial, non é sorprendente acharmos textos escritos en valego só a partir de
primeiros do presente século. O motivo que levou unha serie de naturais valegos
a empregaren as falas en contos, poemas e pequenas obras teatrais foi
simplemente o costumismo, o folclorismo, un amor á terra e ás tradicións locais
que ía máis alá do puro sentimentalismo.
Sabemos por Leite que o primeiro natural do val en
escribir na súa fala foi o mañego José Pérez Vidal, que publicou un conto
costumista en 1910 nunha revista estremeña[3]; xa antes, segundo o propio
Leite (1933: 213), este mesmo autor escribira un diálogo rústico sobre un tema
rural nun xornal portugués, diálogo que o filólogo portugués dá por perdido.
Contos populares escritos en mañego van saíndo publicados en revistas do val e
en xornais portugueses polos anos trinta[4]. Por esta mesma época
comeza a escribir sainetes populares a valverdeira Isabel López Lajas[5]. Esta muller, seglar
consagrada á educación e ó catolicismo, escribiu seis sainetes de carácter moralizante
en valverdeiro, con máis valor filolóxico ca literario -son os primeiros textos
escritos en valverdeiro, se ben hai frases e palabras soltas nos libros do
Concello dos séculos XVI e XVII. Dun dos sainetes, do diálogo entre dúas
comadres, entresacamos esta idea:
C.- Cro que vanin a sacal unha comedia coa nosa
fala, comadri. Será pa rilse un rato á nosa custa.
X.- Non veis que comu temus esta fala galega,
quedrán guasealse.
Desde mediados dos anos setenta o mañego Domingo Frades
Gaspar vén publicando, en tiradas reducidas, mecanografadas e fotocopiadas,
libretos de poesía (Versus de un verán,
1977), estudios históricos (As Ellas y o
sei castelu, 1980) e mesmo breves estudios filolóxicos (Algu sobre a nossa fala, 1 e 2, 1975),
ou a súa obra máis recente, Vamus a falal
(1994), análise descritiva da fala do val á que engade noticias históricas e
unha ambigua proposta ortográfica de tendencia foneticista. Xunto a Frades, e
nos últimos dez anos, temos que mencionar tamén a Severino López, lagarteiro, que
compón historias rimadas de temas humorísticos, etnográficos e paisaxísticos, e
tamén foi o primeiro en publicar un libro en lagarteiro, Topónimus d´As Ellas i rimas en lagar-teiru (1994). Ambrosio López,
irmán de Severino e catedrático de inglés e alemán en Xixón, foi así mesmo
autor de diversos poemas inéditos; unha das súas últimas composi-cións é o
himno oficial das Ellas, en colaboración co seu irmán Severino. Á parte destes
tres, algúns máis son os valegos que veñen publicando nas súas falas en revistas
comarcais extremeñas, e mesmo na prensa diaria extremeña (o valverdeiro Antonio
Corredera, o lagarteiro Fernando López Noche e o mañego Juan Carlos Márquez
Durán). Fóra deles, o pobo máis sinxelo redacta tamén na súa fala as cousas
máis cotiás: hai herbolarios valverdeiros, receitarios de cociña, diarios
particulares, etc. É interesan-tísimo o diario inédito do valverdeiro David
Carrasco, escrito nunha fala preciosa e popular, no que narra os seus recordos
da infancia na aldea, costumes, festas, etc. Deste diario foi de onde tomámo-la
existencia do posesivo distributivo caunsei,
caunsúa, que nunca antes toparamos na fala, pero do que despois nos
aseguraron que xa está practica-mente desaparecido.
Ademais, no Val veñen usando a fala en carteis, anuncios
de diversa índole, carteis e rótulos luminosos de festas, etc, desde o máis
negro franquismo. Co adveni-mento da democracia estes usos vanse extendendo -a
golpe de iniciativas persoais- a outros ámbitos, por exemplo na rotulación dos
letreiros das rúas[6], nomes de estable-cementos
comerciais, etc. Anos atrás existiu unha emisora de radio, Radio Valverde, que
emitía media hora diaria en valverdeiro, sobre cinco de programación case
exclusiva-mente musical. Úsase tamén a fala en pegatinas turísticas ou en rotulación
de productos gastronómicos propios (feito polo que mantiveron un duro
contencioso coas autoridades autonómicas). Máis recentemente debemos falar da
aparición da revista A Nosa Fala, da
que só saíu un número, que pretendía se-lo voceiro da Asociación Fala i
Cultura. Anos máis tarde viu a luz a revista trimestral lagarteira Anduriña, da que polo de agora se levan
editados cinco números. Anduriña está
impulsada conxuntamente por Fala i
Cultura e polo colectivo Amigus d’As
Ellas i du sei castelu. Verbo da ortografía empre-gada para escribir nas
tres modalidades, digamos que se ensaiaron múltiplas solucións, case todas elas
con base no galego ou no castelán e algunha con base portuguesa[7], pero sempre dunha maneira
moi irregular para o vocalismo átono (codiña~cudiña,
piquenu~-pequeno, cumía~comía, figuiriña~figueiriña, etc) e para as
realizacións das sibilantes, grafía sh
para [S], [z1], [Z], grafía xi~xj para /S/, etc.
2.- A recuperación da lingua
A recuperación e dignificación da fala ten un fito senlleiro
na constitución, o 3 de agosto de 1.991 en As Ellas da Asociación Fala i Cultura do Val do Ríu Ellas, entidade que promove
a recuperación e normalización absoluta da lingua nos tres concellos do Val. É
significativo tamén que nos seus estatutos fundacionais figure a catalogación
da súa lingua como galego de Estremadura.
Fala i Cultura asumiu como tarefa
inmediata a recollida de léxico patrimonial dos tres lugares, a elaboración
dunha pequena gramática e unha normativa bastante elástica, a recuperación
toponímica, a introducción da fala nas escolas, a posta en funcionamento dunha
emisora de radio, a fundación de bibliotecas sobre temas galegos e do Val -que
contan na actualidade con máis de mil títulos galegos e portugueses-, a
celebración tódolos anos do "Día da Fala" -que leva cebrándose desde
aquela con gran éxito e asistencia de grupos de música tradicional e
cantautores galegos convidados expresamente, etc, etc. Todo isto vai indo
adiante sen ningún apoio institucional máis que o chamado "Manifesto dos
Alcaldes" (3 de agosto de 1993), un manifesto asinado polos alcaldes dos
tres concellos nos que demandaban das autoridades provinciais e autonómicas a
adopción de medidas inmediatas para a conservación da fala, “o respetu i aixúa que a Constitución i o
Estatuto d’Autonomía d’Extremadura contenin sobri defensa do Patrimoniu
Cultural dos lugaris, animandu a to o vidindariu a mantel i sustel o mismu con
orgullu i poel alimental, desde as nosas reídis, un Patrimoniu pa disfruti de
tos.”
Hai cinco anos había unha vaga promesa das autoridades
educativas para que nas escolas do val se comezase a ensinar unha materia
denominada "A Fala" ou "Galego de Estremadura", impartida
por mestres da directiva de Fala i
Cultura que exercen docen-cia nesas escolas. Ata o de agora non houbo
posibilidade material de levar isto a cabo, de maneira que as aulas sobre as
falas só tiveron lugar mediante cursiños abertos a toda a poboación fóra do
horario escolar. O problema que se presenta é o seguinte: ata agora a lingua non
tivo rixidez ortográfica nin gramatical, nin nada polo estilo, porque non facía
falla unha norma, cada un escribía como lle petaba. Se a lingua entra na escola
precisa unha regulación mínima para podela escribir da maneira máis unificada
posible, faise necesaria unha normativa. Ten algunha razón o profesor Gargallo
Gil (1993) cando afirma que se non fose polo valverdeiro podíase intentar
introduci-las grafías históricas portuguesas (ou galego-portuguesas), pero hai
moitas obxeccións a ela: a) os valver-deiros, sen sibilantes sonoras, son o 60
% dos falantes e Valverde é o centro comercial, económico, cultural, social,
etc; b) mesmo onde pronuncian sonoras estas son alófonos e non fonemas (e amais
a tendencia ó enxordecemento é imparable); c) os falantes do Val teñen
conciencia clara de o seu non ser portugués; d) hai fonemas inexistentes en
portu-gués (/N/, /T/), o inventario de sufixos é lixeiramente
distinto, os paradigmas verbais irregulares difiren sensiblemente dos
portugueses, etc. Todo isto xa é do coñecemento dos responsables da
normalización no Val, as boas xentes de Fala
i Cultura, pero tampouco están dispostos a asumi-la normativa oficial
galega que, aínda parecéndolles máis próxima, coidan que non se pode aplicar
"a machada". O que si é certa é a vontade de poñeren en marcha un
proceso inmediato de recuperación oficial do que fala máis do 90 % da poboación
do Val do Ellas. Polo de pronto van aceptando propostas de deter-minados
estudiosos locais, falantes nativos residentes fóra pero interesados no tema.
Hai vontade nos falantes e hai un grupo que empurra sen présa e sen pausa, pero
o tempo e os tempos corren en contra das falas.
3.- Os usos lingüísticos
As primeiras enquisas sobre usos lingüísticos que
coñecemos son as que levou a cabo J.L. Martín Galindo en San Martín de Trebello
e que deu a publicar na revista Alcántara[8] e que deitaba unhas porcentaxes altamente significativas a favor do uso do mañego:
¿Falas mañego? Si: 97 % (-20
anos: 94 %)
¿Que lingua usas
habitualmente? Mañego: 96 % (-20 anos: 91 %)
¿Que lingua usas con
valverdeiros e lagarteiros? Mañego: 95 % (-20 anos: 87,5 %)
¿Debe protexerse fronte ó
castelán? Si: 98 %
¿Os pais débenlla falar ós
fillos? Si: 97,5 %
¿No concello -bandos,
plenos, etc-? Si: 91 %
¿Debe ter unha gramática e unha
normativa? Si: 97 %
¿Débese impartir nas
escolas? Si: 97,5 %
¿Falabas ben o castelán
antes de ir á escola? Non: 54 %
É un dialecto castelán: 13 %
É un dialecto portugués: 20
%
É unha lingua autóctona: 67
%
Posteriormente, un grupo de persoas integrantes da
Asociación Alén do Val, de Pontevedra, realizaron tamén unha enquisa
sociolingüística no ano 1994[9] a cerca de douscentos
falantes pero xa dos tres lugares. Os resultados foron moi semellantes, aínda
que tamén se introducían outras moitas preguntas (procedencia dos pais, lingua
dos pais, ámbitos de uso da lingua, lingua familiar, etc, etc), introducíndose
as variantes de sexo, idade, saídas e estadías fóra do val e formación escolar
recibida. Esta enquisa de Alén do Val foi posteriormente perfeccionada
estendendo o número de persoas que responderon á enquisa a 320.
Sociolingüisticamente,
das enquisas que fixemos hai catro anos no val (entrevistamos trescentas vinte
persoas sobre unha poboación total de case cinco mil individuos) podemos
resumir algúns datos interesantes: reside moi pouca xente fóranea no val, os
que figuran como nacidos fóra son maiormente fillos de valegos nacidos na
emigración. Practicamente todo o mundo sabe falar nalgunha das tres variantes,
agás os moradores chegados recentemente de fóra do Val: saben falar nalgunha
das variedades o 100% dos residentes nas Ellas e San Martiño e o 97% dos
residentes en Valverde, o 3% restante corresponde a mestres, funcionarios,
policía, etc, de orixe foránea. O 80%
dos valegos aprendeu o castelán no medio escolar, e o 20 % restante
aprendeuno na emigra-ción ou no servicio militar. Agás os maiores de 60 anos,
todos afirman falar un castelán "máis correcto" có que falan os seus
veciños salmantinos e cacereños (quizais porque non aspiran o -s implosivo). Aínda que case toda a
poboación entende o portugués e o español, só algo menos da metade, un 43 %, di
poder expresarse en portugués, aínda que habitualmente non o fan "porque
nos entendemos ben" (esta porcentaxe baixa moitísimo nas camadas novas) e
todos din poderse expresar en español, aínda que as camadas máis vellas
recoñecen que con certas dificultades. O 100 % di entender perfectamente o
galego (contan anécdotas de cando coinciden con galegos na emigración ou no
servicio militar e se fan pasar por galegos sen problema ningún). Ó 90-95 %
gustaríalle ter medios audiovisuais e escritos na fala "pa adeprendela a
escribir e a falar ben”. Un 84% querería que a fala se estudiase na escola, e
mesmo estaría disposto a asistir a cursos para aprender a escribir na fala,
aínda que isto contrasta co 45 % que afirman que estas falas non son aptas para
escribir. Case todo o mundo usa a fala en función familiar e social, sobre todo
nas Ellas e San Martiño; vexamos algunhas porcentaxes esclarecedoras destes
usos familiares e sociais:
|
|
VALVERDE |
AS ELLAS |
SAN MARTIÑO |
|
Saben falar do lugar |
97 % |
100 % |
100 % |
|
Fálano a cotío |
88 % |
98 % |
94 % |
|
O home coa muller |
93 % |
100 % |
98 % |
|
O home cos fillos |
76 % |
99 % |
85 % |
|
A muller cos fillos |
73 % |
98 % |
82 % |
Os fillos cos pais |
73 % |
92 % |
75 % |
|
Cos veciños |
91 % |
100 % |
95 % |
|
Nos traballos[10] |
69 % |
93 % |
91 % |
|
Os nenos entre eles[11] |
78 % |
97 % |
84 % |
A pregunta que deita unhas respostas máis
variadas é a da consideración da adscrición da súa fala: o 22% coida que é un chapurreado de fronteira, unha mestura
entre portugués, leonés e castelán; o 21 % opinan que é máis ben unha variante
galega (curiosamente neste grupo inclúense os que mantiveron contactos con
galegos ou estiveron algunha vez en Galicia); uns poucos, o 15 %, responden que
unha fala astur-leonesa; por unha variedade de portugués aposta o 13 %; unha
mestura de galego e astur-leonés é a crenza dun 11 %; por último, un
significativo 18 % contesta que non saben o que pode ser nin de onde pode vir.
Agora
ben, todos, absolutamente todos, queren que a fala se conserve, cren que é unha
avantaxe para aprender outros idiomas e andar polo mundo, e queren tamén que os
seus fillos a falen e llela transmitan ós seus netos. A conciencia idiomática,
a conciencia de comunidade diferenciada, é forte; a conciencia de pervivencia
como tal comunidade tamén; dáse mesmo o caso de que os fillos de persoas
procedentes de fóra do Val (médicos, empregados de banca, comerciantes, etc)
-de lingua familiar castelá- aprenden a fala mesmo antes de chegaren á escola,
xogando cos outros nenos na rúa ou no campo. Para nós este val é unha especie
de sanatorio a onde levamos periodicamente alumnos galegos con problemas de
intoxicación psicolingüística, e asegúrolles que volven curados a Galicia de
doenzas tan enxebres como a diglosia e outros males semellantes. A terapia do shock ou do flash funciona.
4.- O futuro: o estatus legal.
Agora ben, como dicía ó principio, a pesar de que a
conciencia lingüística sobre as propias falas é altamente positiva, sobre todo
entre os máis novos, a non protección legal efectiva sobre as falas fai que
estas leven camiño cada vez maior dunha castelanización imparable.
Detectamos entre a fala dos maiores e a dos novos
diferencias fonéticas importantes, algunhas faltas morfolóxicas nos novos e,
sobre todo, que os novos teñen un léxico xa moi castelanizado.
O Estatuto de Extemadura dá por suposto o monolingüismo
da súa Comunidade Autónoma e non inclúe ningún artigo nin apartado no que se
mencione o apoio institu-cional ou legal ás variedades non castelás que se
falan en Extremadura (portugués en Olivença e Ferreira de Alcántara,
"galego especial" no Val do Ellas), entre outras cousas porque non as
recoñecen. A pesar de que teoricamente en Olivença estudian portugués centos de
alumnos como materia optativa na escola primaria (datos recentes do Instituto
Camoes ) isto non nos cadra cos casos de abandono lingüístico nos medios
escolar e administrativo denunciados por oliventinos na prensa extremeña. Malia
as promesas da Administración, a indiferencia e a ignorancia das autoridades
educativas é manifesta: hai algúns anos xiraba visita a un colexio do Val un inspector
do MEC, quen quedou "asustado" porque os nenos das escolas do Val
falaban chapurreado (sic) nos seus
xogos e relacións fóra das aulas; este probo funcionario recomendoulles
encarecidamente ós mestres unha maior perseverancia e celo no cumprimento
estricto de algo que el consideraba vital: "Que los niños no fuesen a sufrir fracaso escolar por culpa de no saber
bien el castellano". Está absolutamente demostrado que os nenos deben
adquirir competencia primeiramente na lingua materna ou lingua da súa comunidade,
e, cando a teñan ben asegurad, poderán aprender sen excesivas dificultades
dúas, tres ou catro linguas máis. Agora ben, negarlle ó neno na escola a lingua
que trae da casa, e máxime cando é a lingua familiar, veciñal, local, e
impoñerlle outra, por moi próxima, por moi culta, por moi falada que sexa
estoutra lingua, sempre conleva dificultades de aprendizaxe das dúas, pois non
asegura a propia e non chega a dominar totalmente a foránea.
Observo mostras de intolerancia, de desprecio dos diferentes,
con respecto ós meus irmáns de lingua de Valverde, As Ellas e San Martín. Hai
algúns anos fun convidado a dar unha conferencia sobre as falas no instituto de
Foius (ou Hoyos, como vostedes prefiran) e alí animei algunhas meniñas
lagarteiras a non avergoñarse da súa fala e a seguírena falando entre elas como
sempre fixeron, alí fíxenlles entender ós seus compañeiros de instituto que
"o chapurreau" non era tal, era un instrumento de cultura tan válido
coma calquera outro, era un diamante en bruto sen pulir aínda. E iso era porque
os valverdeiros, lagarteiros e mañegos, aínda son obxecto de burla cando saen
dos tres lugares e falan a súa lingua entre eles.
Nunha das miñas primeiras visitas ó Val e ó norte de
Extremadura, un alcalde dunha localidade próxima díxome algo así como: "Mi
abuela era lagartera y nunca supo hablar bien el castellano, la pobre, pero
cuando bajaba algunha lagartera o valverdeña aquí al pueblo enseguida se ponían
a ladrar "jau, jau, jau".
Outra mostra de ignorancia foime relatada por Antonio
Bellanco, presidente da asociación cultural e deportiva "Amigus das Ellas
i do sei castelu": Esta asociación inscribiu un equipo de futbol na liga
provincial de Cáceres; como queira que os lagarteiros, estean en As Ellas, ou
en Uzbequistán, entre eles sempre falan lagarteiro, os siareiros do Coria (ou o
equipo que fose) cando alá van xoga-los "Amigus das Ellas" animan a
cadanseus equipos berrando "España, España, España". Hai un problema
moi grande de intolerancia, de facer casar pola forza Estado Español e lingua
castelá, resquicios dunha pésima e resesa educación estereotipada que aínda se
transmite neste Estado pola prensa, a escola, a administración e as leis, cando
das dezasete comunidades autónomas só seis (un tercio delas) son monolingües en
castelán. Moitos cidadáns non castelán-falantes de tan democrático e libérrimo
Estado noso non teñen recoñecido ningún dereito nas súas falas naturais,
autóctonas. Uniformizar a machada e por decreto estas micro (e non tan micro)
áreas é un crime sen castigo e un atentado salvaxe contra un patrimonio
cultural que é de todos, que é universal.
A ignorancia e o descoñecemento só se combaten con
educación e cultura. As autoridades extremeñas teñen nas súas mans, á vista da
forte conciencia diferencial que hai neste val, propicia-la introducción
efectiva e sen excusas do estudio da fala na escola, de propicia-la reunión dun
equipo de especialistas de fóra e de dentro do val para a elaboración dunhas
mínimas regras ortográficas, da potenciación de publicacións na fala, da
consideración da legalidade bilingüe na administración pública, das rotulacións
dos concellos, etc, etc. Xa cun pé no século XXI non podemos admitir de
políticos sensibles a outras manifestacións humanas e culturais que non
lexislen e apoien decididamente a normalización lingüística da fala que emprega
o 90 % dos naturais e habitantes destas zonas,
inda que esta fala non fose filla do galego e si o fose do bantú, do
bielorruso ou do xaponés.
XOSÉ
HENRIQUE COSTAS GONZÁLEZ
UNIVERSIDADE DE VIGO (GALICIA)
BIBLIOGRAFÍA
Carrasco González, J.M.
(1996 e 1997): “Hablas y dialectos portugueses o galaico-portugueses en
Extremadura. Parte I: Grupos dialectales. Clasificación de las hablas de Jálama”,
en Anuario de Estudios Filológicos
19, 135-148, e “Parte II y última: Otras hablas fronterizas. Conclusiones”, en Anuario de Estudios Filológicos 20,
61-79. Cáceres: Universidad de Extremadura.
Costas González, X.H.
(1992): “Notas sociolingüísticas sobre os falares ‘galegos’ da Ribeira
Trevellana (Cáceres)”, en A Trabe de Ouro
11, 409-417.
Costas González, X.H.
(1996): “O galego de Extremadura: as falas do Val do Río Ellas”, en J.M.
Carrasco González e A. Viudas Camarasa (eds.), Actas do I Congresso Internacional Luso-Espanhol de Lingua e Cultura na
Fronteira I, Cáceres: Universidade de
Frades Gaspar, D. (1994): Vamus a falal. Notas pâ coñecel y platical
en nosa FALA. Serra de Gata (Cáceres): Adisgata.
Gargallo Gil, J.E. (1995):
“De fronteras lingüísticas peninsulares: paralelismos, afinidades,
peculiaridades”, en Lletres Asturianes
57, 23-40.
Gargallo Gil, J.E. (1996):
“La ‘Fala de Xálima’ entre los más jóvenes. Un par de sondeos escolares (de
1991 y 1992)”, en J.M. Carrasco González e A. Viudas Camarasa (eds.), Actas do I Congresso Internacional
Luso-Espanhol de Lingua e Cultura na Fronteira I, Cáceres: Universidade de
Extremadura, 333-356.
López Lajas, I. (1998): Seis sainetes valverdeiros. Edición e
notas de X.H. Costas González. Compostela: Edicións Positivas.
Martín Galindo, J.L. (1993):
Apuntes socio-históricos y lingüísticos
sobre la Fala de Xâlima, anexo de Alcántara
30. Cáceres: Institución Cultural “El Brocense” - Diputación Provincial de
Cáceres.
Sóñora Abuín, A. et alii (1996): “Aproximación
sociolingüística ó Val do Ríu Ellas (Cáceres): Estudio dos usos e actitudes
lingüísticas”, en J.M. Carrasco González e A. Viudas Camarasa (eds.), Actas do I Congresso Internacional
Luso-Espanhol de Lingua e Cultura na Fronteira I, Cáceres: Universidade de
Extremadura, 407-414.
<VOLVER<
ano 2002, Asociación Cultural Alén
do Val
[1] Reproducida en Frades Gaspar (1994: 71-72) e en Martín Galindo (1998: 15-16), neste último con erros de transcrición.
[2] Por exemplo Antonio Viudas Camarasa, que en 1982 publicou un artigo bastante completo desde a óptica fonolóxica nunha revista asturianista, e non sabemos se foi por isto precisamente polo que cualificou estas falas como “cruce” entre galego-portugués e astur-leonés.
[3] López Vidal, J. (1910): “Cuadro de costumbres (escrito en la fabla popular de San Martín de Trevejo)”, en Revista de Extremadura XII, 230-232.
[4] Anónimo (1929): “Cerrumíquilis sin alas”, en La Chocolatera 2, S. Martiño de Trebello. Contos anónimos van saíndo tamén no diario O Correio, da localidade beirá de Celorico da Beira, segundo nos informa Leite (1933: 212).
[5] Véxase a edición que fixemos dos sainetes en López Lajas (1998).
[6] As placas das rúas das Ellas están en lagarteiro, e as de San Martiño están en bilingüe mañego/castelán.
[7] Nos seus primeiros escritos, Frades Gaspar empregaba os grafemas para establece-las distincións entre xordas e sonoras (-s-, -ss-, -x-, j, ge, gi, etc) para posteriormente usar –s- (pasu) e –s- (casa), e x (truxu) e x (xenti). O único defensor actual das grafías portuguesizantes é o historiador Martín Galindo, aínda que, por descoñece-la realidade da fala, confunde habitualmente as grafías representativas das realizacións xorda e sonora, á parte de incorporar tamén as grafías portuguesas nh, lh, -m, etc.
[8] Foi unha sondaxe levada a cabo entre 120 veciñosen 1993.
[9] Sóñora Abuín et alii (1996): "Usos e actitudes lingüísticas do Val do Río Ellas", en Actas do Congreso internacional Luso-Español de Lengua y Cultura en la Frontera, Cáceres:UEX.
[10] Valverde é o centro do Val, con moito movemento comercial e económico con poboacións foráneas, de aí que o uso da lingua no traballo varíe en función de se se fala con xente do Val ou con xente de fóra. As Ellas e San Martiño, eminentemente agrícolas e gandeiras, non precisan diariamente de tanto contacto con individuos alóctonos.
[11] Referímonos a usos fóra do medio escolar, en actividades extra-escolares, xogos no patio da escola, xogos de rúa, etc, etc. Dentro das aulas o castelán puro e duro é o único idioma permitido e os nenos teñen isto ben interiorizado, aprenderon a convivir sen excesivos problemas con esta esquizoglosia abenzoada polo noso sacrosanto e democrático estado constitucional.