Amar o
mar Elvira Riveiro Tobío 05/05/04
Ela deita correolas pola boca
sentada na cociña
debuxa caranguexos e o seu
nome
no vidro embazado do amencer
a xanela pendura no tendal
terríbeis muros de ladrillos
devastados
un quintal cheo de estrugas
un gato obeso
uralita nos tellados
o voo se callar dunha gaivota
Ela acolle un bígaro moribundo en cada orella
mais hai seráns
case sempre son de outono
que lle entra fame de marea
apetito de xuncas argazos lavacáns
e vai ter coa praia ás agachadas
tira bragas
sostén
engole as ondas
nácenlle pés de Alfonsina
latexo de cetáceo
devala