Grande éxito da homenaxe a Cabanillas(25/Nadal/o6)

Como cabía esperar, UGCH encheu o auditorio da Xuventude con motivo da celebración do seu primeiro aniversario en internet. Acudiron numerosas personalidades (familiares do poeta, candidatos á alcaldía, representantes da Xunta, do Concello, e outras figuras representativas da vila) pero sobre todo foi a festa do pobo. Foi, sen lugar a dúbidas, o evento cultural más importante dos últimos anos. Un evento, no que música, ensaio, cine e humor se conxugaron para ofrecer aos espectadores unha hora e media enriquecedora e amena. Unha festa que serviu para recuperar a figura deste grande autor cambadés e reivindicar unha serie de cuestións arredor da súa figura - Fernández Rei atreveuse a pedir a volta do seu sarcófago a Cambados ou no seu defecto, como xa demandara UGCH, a rehabilitación do espazo adicado a el no Panteón de Galegos Ilustres.
Destacar tamén a proxección da curta "A fouce esquencida", de Benxamín Rey, que moi pouca xente xove tivera a oportunidade de ver até o momeno e moita outra levaba anos sen saber nada dela. Noraboa Unha Grande Chea.

CTK convidada á homenaxe do 23D(20/Nadal/o6)

Cambados.tk foi convidada formalmente pola asociación Unha Grande Chea á súa homeaxe ao gran poeta cambadés Ramón Cabanillas. Desde logo, este promete ser o evento cultural do ano, algo ao que recomendamos non faltar a ningunha persoa, xa que todos os cidadáns están invitados a participar na homenaxe, que se celebra con motivo do primeiro aniversario da páxina de UGCH. Nós, dende logo, estaremos alí.

 

Venres de concertos(18/Nadal/o6)

O pub cambadés RIF ROCK organizou cada venres á noite deste mes de Nadal un concerto que non deberíamos perder. Para a vindeira semana espéranos o grupo RifRockerz Bluesband, formado por Paco Charlín, Sito Suárez e Piti "Drumz". Boa noite de venres.

 

Homenaxe a Cabanillas(16/Nadal/o6)

Como xa vén anunciando a asociación Unha Grande Chea, através da súa web e dos tres xornais escritos, o vindeiro día 23 ás oito celebrarán unha homenaxe ao "poeta da raza" no auditorio municipal de Cambados co gallo da celebración do primeiro ano de vida de unhagrandechea.org.es. A celebración constará en primeiro lugar da intervención de tres persoas: por un lado o presidente Fico amosará a vertente cómica das pezas de Cabanillas, Francisco Fernández Rei, académico da lingua, analizará a súa obra e en especial a peza a Fouce esquecida, e por último Benxamín Rei contara os detalles da rodaxe do documental da súa autoría, A fouce esquecida.
Na segunda parte desta excepcional homenaxe será o turno da música a cargo do gaiteiro Xaquín Xesteira, e tamén de Manso e Xoán e Blas, que interpretarán A fouce esquecida, tema da banda sonora do documental de Benxamín Rei. Dito documental será proxectado como peche da actividade.

 

Nazón de Breogán (15/Nadal/o6)

O Centro Comarcal Expo Salnés convídanos a visitar a mostra NAZÓN DE BREOGÁN, impulsada desde a Vicepresidencia da Xunta de Galicia. A inauguración terá lugar o vindeiro luns 18 ás oito da tarde no centro comarcal e a exposición consiste nunha serie de paneis que reflicten a historia de Galiza desde os seus inicios até os anos da represión franquista. A Xunta organiza este evento con motivo da celebración dos setenta anos da aprobación do Estatuto de autonomía do 36 e nel se repasan tamén as vidas de personaxes míticos como o bispo Xelmírez do século XII ou Prisciliano, condenado por herexe, e doutros históricos como Murguía ou Antón Vilar Ponte.

Presentación libro (13/Nadal/o6)

Segundo informa a páxina de Unha Grande Chea, o escritor galego Miguel Anxo Fernández acudirá a Cambados a presentar o seu último libro, Luar no inferno. A presentación terá lugar na adega Martín Códax o día 20 deste mes ás 20:30.

 

 

Unha Grande Chea.org.es(5/Decembro/o6)

Nin sequera os impedimentos técnicos poden deixar pasar a oportunidade de nomear en CTK o primeiro aniversario da páxina de Unha Grande Chea. Parece mentira que en só o seu primeiro ano tiveran conseguido tal volume de lectores e unha importacia como a que teñen agora; tanta que moitos dos seus eventos que anuncian na web aparecen ao día seguinte nas páxinas- ás veces portada- dos xornais escritos. Pero non son as cifras o máis importante, o espazo web más divertido de cambados, como nos atrevemos a chamalo, leva un ano de publicacións que non se ciñen só ao redor da comparsa, senón que pasan por analizar outras moitas das realidades que acontecen a diario no noso Cambados, sempre tinxidos dun bo humor que contaxia a calquera que o le.

E é que Unha Grande Chea atopou unha moi boa saída neste medio, incluso atrevendose a crear a súa primeira canle de televisión recentemente, que aumenta a filmoteca cambadesa no YOUTUBE.
Comprácenos ademais compartir con esta páxina, entre varias cousas, o carácter crítico e fortemente independente, o desexo da consecución do noso MUDAR CAMBADOS para coseguir un lugar mellor.

É unha honra para Cambados.tk poder desexar un feliz cumpleanos á www.unhagrandechea.org.es. Que cumprades moitos máis! E moi especialemnte ao seu redactor principal , que temos a sorte de ter como colaborador da nosa páxina, Xaquín Charlín (Chon).

PRESENTACIÓN(5/Novembro/o6)

O vindeiro día xoves 9 de Novembro, a Libraría Cabanillas organiza a presentación do libro A NACIÓN GALEGA EXISTE, de Francisco Rodríguez, que terá lugar en EXPOSALNÉS ás oito e media da tarde. Falarán o propio autor e Xosé Mexuto, presentados por Adela Leiro. Francisco Rodríguez Sánchez (1945) é catedrático de lingua e literatura de instituto, deputado no Congreso e membro da Executiva do BNG. Peza clave na organización frentista polo seu liderato á fronte da Unión do Povo Galego, partido hexemónico do nacionalismo galego.

POLONOSO TEN FORO (28/Outubro/o6)

A asociación POLONOSO, na súa última asemblea decidiu abrir o seu foro de internet onde se tratarán temas de interese. Podes acceder a el desde http://polonoso.1.losforos.es .

 

POR FIN POLO NOSO (20/Setembro/o6)

A recentemente constituída POLONOSO celebrará unha asemblea aberta este venres ás cinco da tarde diante da casa do mar, para transladarse logo a un lugar máis adecuado para a reunión. Como orde de día están fixados os seguintes puntos: aprobación dos estatutos e acta fundacioanl, elección de cargos directivos, previsión de novas reunións e rogos e preguntas.

TORNEO 3X3

A asociación Embaixada Prusiana e Anidega organiza para este sábado un torneo de baloncesto 3x3. Como podedes ver no cartel só é necesario pagar 15€ (dos cales 5 irán para ESPERANZA SALNÉS) no tetuán, na Leria ou no Rif Rock e poderase obtar a premios de 100, 200 e 300 euros. Preme no cartel para ampliar.

TREIXADURA EN CONCERTO (8/Agosto/o6)

A agrupación estará en Cambados o Xoves pola noite na Praza de Fefiñáns para celebrar a Festa do Viño Europeu e presentando o seu novo disco: UNHA SEMANIÑA ENTEIRA. Lembramos que CTK conversou hai uns meses cun membro cambadés desta banda, Xaquín Xesteira. Le a entrevista aquí

CINEMA NA RÚA (26/Xullo/o6)

Hoxe ás dez e media cinema na Praza de Fefiñáns. Trátase da película Charlie y la Fábrica de Chocolate, de Tim Burton, un clásico nas librarías transladado recentemente a filme con bastante acerto.

MESTURA2 ESTÁ AQUÍ(23/Xullo/o6)

Mañá Luns á noite terá lugar o concerto múltiple na Praza de Alfredo Brañas a cargo de Tenderete, Peinados rebeldes, 6 PM, Airas e Nueva Radio FM (entre os que se atopan os rapeiros cambadeses que forman Bronquitis Crónica e PK2). Non faltes a esta cita coa cultura!

MESTURA (2/Xullo/o6)

O festival Mestura, que xa se celebrou o ano pasado con moito éxito, voltará a levarse a cabo este ano. O acontecemento estenderase durante toda a última semana de Xullo ( do 21 ao 28, aproximadamente) e contará de novo con actuacións en Alfredo Brañas xunto con diferentes mostras audiovisuais e pictóricas. Uns días para non marchar de Cambados. Un boísimo precedente ao Albariño o6. [Colabora Embaixada Prusiana]

-----------------------------------------------------

E O DÍA 8 DE XULLO: FESTIVAL RETROUSO

Unha proposta de fin de semana que chegou ao noso buzón, organizado por unha asociación do lugar que ten boa pinta. Reproducimos o seu texto:

Chans encherase de xogos e música este sábado, 8 de xullo. A Asociación
Cultural Retrouso prepara para esta data o Chanscontro, unha
xornada de convivencia que rematará ben entrada a noite, despois de
celebrarse a V edición do Festival Retrouso.

As actividades empezarán ás 11 da mañá. Ás 12 empezará A Busca do
Tesouro
, un enredo no que, mediante pistas, han ter que atopar tres
tesouros nas inmediacións. Pola tarde haberá outros campionatos con premios:
carreiras de sacos, dos tres pés, a culler e a pataca, a cachiza, a ra, a
chave… Tamén se ha recuperar, adaptada, a tradicional Corrida do
Ghalo
, un evento que se celebraba hai máis de medio século na parroquia
o día de san Xosé.

Ás 21 horas dará comezo o V Festival Retrouso. Actuarán os
organizadores, seguidos doutros dous grupos de baile tradicional: o do CEAR
de Castromao (Mondariz) e Ledicias de Valadares. Arredor das 22.30 h. será o
tempo da música folk, primeiro da man do quinteto do Hío Sachadiço e,
por último, o recoñecido grupo Ardentía de Vigo.


LUMINARIAS (19/Xuño/o6)

A policía local, tal e como fixo o ano pasado, insta aos cambadeses a pedir permiso para prender as súas fogueiras de San Xoán. Por suposto, estas non poderán ser alimentadas por substancias inflamábeis, ser demasiado altas, estar sobre os asfalto, cerca de vivendas, de vexetación...De ser como en ocasións anteriores, para pedir dito permiso bastará con pasarse polo local da policía e cubrir un papel onde se especifique o lugar da luminaria con exactitude e o responsábel da mesma.

 

NOVO DISCO DE TREIXADURA (12/Xuño/o6)

Segundo informa a web de Unha Grande Chea, o grupo de música galega tradicional, Treixadura, acaba de poñer á venda o seu cuarto traballo: UNHA SEMANIÑA ENTEIRA. Esta formación leva a tocar e a difundir a cultura e música galega desde hai máis de quince anos. Un dos seus compoñentes, Xaquín Xesteira, é cambadés e hai uns meses tivemos o pracer de conversar con el nesta entrevista. Máis info. na páxina oficial do grupo

 

PRESENTACIÓN (5/Xuño/o6)

A Nosa Terra presentará hoxe no instituto Asorey de Cambados un libro sobre as árbores de Galicia. O acto contará coa presenza de Víctor Caamaño e Manuel Núñez, autores xunto con outros mestres da nosa vila. Ás oito da tarde

ARRANCA POLONOSO (24/Maio/o6)

Este fin de semana a asociación da mocidade POLONOSO celebrará a súa primeira asemblea. Nela elixirase a directiva da asociación e se esbozarán as actividades que seguirán ao seu arranque. A pesar de que oficialmente acaban de nacer, este grupo de xoves xa organizou en Abril o sonado MACROLIMPADÓN - do que demos conta desde estas liñas- e se espera que sigan mobilizando á sociedade cambadesa, que parece que comeza a despertar dun sono que durou demasiado. O noso apoio a POLONOSO, que terá moito que dicir a partir de agora.

 

 

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O día 17 de Maio é o día das Letras, este ano dedicado a Lugrís Freire, e na nosa vila vanse celebrar diferentes actividades conmemorativas. Repasámolas segundo o organizador ou promotor do evento.

 

 

LIBRARÍA CARRO

Neste libraría terá lugar o Venres 19 ás 2o:3o a presentación do libro A Terra Cantada, de Camilo Nogueira. No acto intervirá o propio autor, presentado por Francisco Trigo. Camilo Nogueira naceu en Vigo en 1936 e é enxeñeiro industrial e economista. Desde 1999 a 2oo4 foi eurodeputado polo BNG tendo sido anteriormente deputado no Parlamento Galego. A Terra Cantada é unha antoloxía de oitenta textos políticos: artigos, discursos, intervencións parlamentarias... e está artellado en catro capítulos onde se trata a cuestión nacional galega, o papel de Galiza, Catalunya e Euskadi en España e a situación europea e internacional.

 

UNHA GRANDE CHEA

- CONCERTO DAS LETRAS GALEGAS.

Esta activa asociación anuncia o concerto que se vai levar a cabo o día 16 de Maio ás 11:55 da noite do Pub Castriño 16 (antigo Carallo) con motivo do Día das Letras. Actuarán Xoas Silva e Blas, o Eclipse de Paraguay e a banda de gaitas, tambor e bombo Unha Grande Chea. Para máis info. voltámosche recomendar a súa páxina.

O ambiente na Concerto de UGCH foi festivo ao máximo. A troula alargouse até altas horas da madrugada.

 

CONCELLO

Desde a web oficial anuncian unha serie de propostas para estes días:

O Domingo 14 ás 17:00 festival folclórico organizado pola asocicación Con de Xido no auditorio.

A partir do Luns 15 exposición no Paseo da Calzada dos paneis feitos polos rpaces dos diversos centros educativos cambadeses.

Martes 16 e Xoves 18, teatro dos colexios no auditorio da Xuventude.

O Mércores 17, concerto das Letras a mediodía.

 

IES ASOREY

O instituto cambadés elaborou un programa de actividades para a Semana das Letras, do cal resaltamos un acto aberto. Será o Luns 15 no Salón de Actos do centro, onde se levará a cabo un debate sobre o futuro novo Estatuto de Galiza coa presenza e intervención dee representantes dos tres grupos con representación parlamentar. Trátase de Pilar Rojo (PP), ex conselleira de Familia, Abel Losada (PSOE), Viceportavoz do Grupo Parlamentar e Carme da Silva (BNG) deputada e membra da Executiva nacional do BNG.

Ademais ese día haberá no centro unha feira do libro con postos das librarías cambadesas.

 

BNG

- OFRENDA

O Bloque Nacionalista Galego de Cambados realizará unha ofrenda floral o Martes 16 ás 20:30 no Paseo da Calzada, diante do monumento a Cabanillas.

 

-----------------------------------------

 

- EXPOSICIÓN DE DOMÍNGUEZ "CAMBADOS A TRAVES DUN LLIN" NA LERIA , unha mostra de máis de corenta caricaturas feitas polo mestre, actor, unhagrandecheísta e coñecido Domínguez. Ditos debuxos móstrannos a diversos personaxes de Cambados que "coincidiron con el tomando un quinto Estrella Galicia". Se te preguntas que demos é un "llin", accede á páxina oficial da comparsa, unhagrandechea.org.es e descúbre esta nova palabra.

FOTOS INAUGURACIÓN

 
Domíguez (cun llin) conversando con Roque Durán. Unhas das caricaturas no Pub A Leria
 
A caricatura de Paco Daporta e o Paco real con Dama nos brazos
 
O Pub A Leria encheuse. No centro o reporteiro da páxina amiga unhagrandechea.org.es, Chon posando para CTK
       
     
Fotos de Marina Martínez Pillado para CTK

Anteriores

ARTE(10/Maio/06)

GALERÍA BORRÓN 4

O artista Barcelones Antonio Mateos, que expón nesta galería cambadesa, pertence á vangarda catalana. Esta mostra componse de paisaxes de praia onde prima o contraste e a cor sobre o detalle.

EXPOSALNÉS E ESPERANZA

Desde o 16 até o 30 de Maio Exposalnés vai expoñer nas súas dependencias obras de artistas como Manolo Paz, Francisco Pazos, Eduardo Baamonde, Manuel Busto, Javier Aragunde ou Alberto Falcón. Esta actividade encádrase nas II Xornadas solidarias destinadas a recaudar fondos para a asociación benéfica Esperanza.

NOVOS TEMAS DOS RAPEIROS CAMBADESES

Tanto Bronquitis Crónica como PK2 nos presentan os seus novos temas a través da rede de forma totalmente libre. Bronquitis Crónica acaba de actualizar este espazo e engadiu novos temas que compoñerán a súa maqueta (INSOMNIO), que verá a luz o próximo Xuño xunto coa de PK2. Manterémosvos informados.

Bronquitis Crónica ---- PK2

 

TEATRO CARACOL (20/Abril/o6)

PODES LER A ENTREVISTA A OLGA GONZÁLEZ VILAS PREMENDO AQUÍ

A famosa compañía Caracol, composta por pais e nais de Cambados, estreou a súa 13ª obra o día 25 de Abril. Trátase de "Bicos para a Bela adormecida", unha adaptación da Bela Durminte que será vista pola maioría dos alumnos dos colexios de toda a comarca.

GRAZAS CARACOL E ATÉ O PRÓXIMO ANO

 

 

MACRO-LIMPADÓN------------->>>>[REPORTAXE GRÁFICA] (1/Abril/o6)

Consistiu basicamente na limpeza do litoral cambadés. Verdadeiramente, o tempo non chegou a nada, porque aínda que o día anterior o Concello se esforzara en limpar toda a basura dos últimos anos para desacreditar á mocidade, o certo é que a limpeza daría para varias xornadas porque os operarios municipais deixaron moito por recoller.

Esta primeira actividade da asociación POLONOSO só pode calificarse dunha forma: ÉXITO. Primeiro pola grande asistencia de xente á que habemos de sumar a presenza da asociación CROIO de Narón (agradecemento especial para eles). Segundo, porque serviu de reflexión crítica que fará pensar a máis de un os vindeiros días: Cambados é un verdadeiro vertedeiro de basura e os responsábeis de que o noso litoral fora conservado non fixeron nada nos últimos anos. Terceiro, tras este MACROLIMPADÓN constátase a recuperación do asociacionismo en Cambados e a forza da súa mocidade, que xa non se conforma con sair de festa (aínda que está claro que non deixará de facelo), quere e esixe un cambio na vida da vila, únese, quere participar e facerse oir. Está en marcha.

ENVÍA AS TÚAS FOTOS

Cambados.tk só puido estar presente nun dos grupos que participou na limpeza, polo que só contamos con fotos desa zona.

Nos vindeiros días iremos engadindo fotos á reportaxe fotográfica que todos vós nos mandedes. O noso correo é cambadostk@gmail.com

 

 

NOVO NÚMERO DO FANCINE

A Embaixada Prusiana vén de sacar o seu Fanzine número 7, no cal atoparemos unha entrevista ao grupo coruñés MEU, en portada ao "intérprete sen método" Borja Fernández, un cómic de Roi Fernández, un poema de Augusto... en fin moitas cousas que merecen a pena ler. Lembramos que se pode atopar esta revista nas librarías de Cambados polo módico prezo de 2€.

Para máis info, recomendamos a blog de Embaixada Prusiana

 

 

 

NOVO APORTE Á PÁXINA

Agora en CTK Tópicos e (pre) textos, un repaso á historia da vila que non deberías perderte. Luis Rei, que publica estes textos no Faro de Vigo, comparte tamén connosco os seus tópicos, que podes ler seguindo este enlace:

 

 

Embaixada Prusiana presentará o Fancine número 6

 

Esta asociación cambadesa convócanos o vindeiro venres a unha festa no bar Continental (rúa Hospital), onde terá lugar a presentación do seu fancine número 6. Este número conta con entrevistas a Manu Paz e Mariña López, así como unha reportaxe sobre os colectivos LUDD e Pulso. Na festa que convocan para o venres ás once actuará un trío de jazz.

Para máis info, recomendamos a blog de Embaixada Prusiana

 

 

XA VEN, XA CHEGA, A SELECCIÓN GALEGA!

O día 29 de Nadal de 2005, os galegos puidemos, despois de moitos (demasiados) anos, celebrar un pase, unha boa xogada, ou un gol da nosa selección: A SELECCiÓN GALEGA. E como non podía ser doutro xeito, os cambadeses quixeron ser partícipes deste gran acontecemento. Oficialmente, dous grupos de persoas non acercamos ao campo, a parte de quen o fixo individuealmente. Estes dous grupos fomos Unha Grande Chea e Cambados.tk. Como se dí na súa páxina "Houbo “fusión” entre os golfiños de UNHA GRANDE CHEA e www.cambados.tk"

O grupo U.G.Ch fletou ademais un autobús para eles e quen quixese, e un cámara da TV1 na Galiza os acompañou desde Cambados a San Lázaro.

O encontro podería calificarse cun dez, ademais Galiza resultou vencedora contra Uruguai pr 3 a 2.

Invitámosvos a visitar a páxina de Unha Grande Chea (que conta con fotos) e tomámonos a liberdade de ofrecervos unha imaxe deles:

 

Dous xoves cambadeses posan para a Televisión Española coa camisola laranxa

Representantes de CTK posan coa bandeira de Castelao

Momento do encontro

Xa de troula coa mellor pancarta

Fondo

 

...........................................................................................................................................................................................................................................................

CONCERTAZO

Se queres ver unhas fotos do concerto do Luns 5 de decembro, que tivo lugar na Leria e no Ficos, preme no cartel.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

1