30 de Decembro- Pleno municipal

Onte celebrouse na vila o último pleno do ano, con algún temas de interese como centro da discusión política.

29 de Decembro- A Deputación axudará a Esperanza

Despois de que a Vicepresidencia da Xunta non estivera á altura á hora de ofrecer á asociación Esperanza Salnés unha estabilidade económica dacordo cos labores que prestan, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, prometeu axudala a rematar coa inestabilidade financeira. Máis info. en Diario de Arousa

25 de Decembro- CTK reparte panfletos

Un Mini MOCIDADE EN MARCHA. Así damos en chamar ao panfleto que editamos a semana pasada e que está a ver a luz estes días nas rúas cambadesas. O folleto laranxa limítase a incorporar un artigo escrito por Hadrián Fariña e Óscar Pardo Planas no cal se denuncia a presenza das placas de recordo aos caídos franquistas na Guerra Civil que está situado na Igrexa parroquial. Podes descargalo no mesmo lugar onde podías descargar o Mocidade en Marcha de setembro. Preme aquí

20 de Decembro- Vicepresidencia e Esperanza

A asociación Esperanza Salnés, encargada de tratar con persoas discapacitadas e axudar na súa aprendizaxe e desenvolvemento, con sede na nosa vila, acaba de recibir a notificación da concesión da subvención por parte da Vicepresidencia. Porén, se a directiva demandaba arredor de corenta mil euros só foron concedidos sobre tres mil. Cantidade que din é moi insuficiente e que leva máis unha vez á asociación ao borde da quebra económica. Os Concellos que xa prestaron a súa axuda son o de Cambados e o de Sanxenxo. Esperemos que ao final a Vicepresidencia recapacite e aporte o que Esperanza Salnés merece, moito máis. Máis info. Diario de Arousa

18 de Decembro- Comisión pola vía rápida d´O Salnés

O Parlamento Galego investigará en comisión os graves deterioros que está a padecer a "vía rápida" e as posíbeis responsabilidades técnicas e/ou políticas. O exconselleiro de Política Territorial, Xosé Cuíña amosouse favorábel a compadecer en tal órgano. Máis info. en vieiros

13 de Decembro- Reunión de POLONOSO

A asociación da mocidade POLONOSO reunirase na Casa do Mar o Sábado 16 ás 16:30.

5 de Decembro- Seminario aforro enerxético no agro

O Centro Comarcal organiza un seminario sobre aforro enerxético na agricultura e na gandería. Terá lugar o próximo 9 de Decembro ás 11 horas. Se queres anotarte só tes que chamar ao Centro Comarcal (986526013) e indicar os teus datos.

19 de Novembro - Unha pista menos

Hai un ano e medio pedimos melloras nas pistas e unha gran baixada de prezos-avalados por 320 sinaturas-. Descalificáronnos e non fixeron nada. Hai un ano voltamos a pedir o mesmo e denunciamos a concesión deste servizo a unha empresa privada por máis de vinte anos. Ignoráronnos.

As pistas de tenis de Cambados teñen un aspecto vergonzoso. Cando comeza a tempada invernal as plantas nacen no "firme", as redes sempre están floxas...e seguen a cobrar algo -2,40€-por isto.

Pero o que e máis grave, a pista número 2 (no centro), que levaba xa máis de un ano cun dos postes que suxeitan a rede torcido, rematou por quedar inutilizada ao romper o citado poste. Xa hai unha pista menos.

Pensan facer algo no Concello? Seguramente despois de unha semana ninguén se enterou disto, porque tampouco hai ninguén que pase regularmente por alí ( e se o hai debe estar cego). Quizais se limiten a esperar a que rompan as 3 redes para arranxar algo.

O que está máis que claro é que xa non só valería cuns pequenos amaños. As pistas precisan unha reparación integral.

 

 

15 de Novembro - "Melloras" na Praza

O colectivo de peixeiras da Praza de Abastos de Cambados vén de denunciar o que consideran un malgasto dos cartos destinados pola Consellaría de Industria para a mellora das instalacións. Esta situación foi exposta ao Concello, que afirma que é necesario agardar até o fin das obras para avaliar o traballo.

12 de Novembro - Volve Tabuyo

Algúns medios de comunicación, como La Voz de Arousa anuncian hoxe como oficial a volta de Domingo Tabuyo Romero á política municipal, despois do seu paso pola estatal como deputado nas Cortes Españolas. Tabuyo será alcaldábel por parte do PSOE cambadés. Como obxectivos, o partido que capitanea, terá contribuir a derrota do Partido Popular, e de xeito especial superar ao Bloque Nacionalista Galego e acadar un segundo posto nas votacións que lles permitise controlar o goberno municipal no seo dunha coalición de esquerdas.

Á espera estamos do candidato do BNG, que se retrasa máis do previsto.

29 de Outubro - Reagrupación independente

O ex secretario de IPC e número 2 na anterior lista, Ramón Abal, anunciou aos medios a súa participación como, previsibelmente, candidato á alcaldía nas vindeiras eleccións locais. Esta decisión non se enmarcaría no proxecto dos Independentes por Cambados, senón noutro novo partido de corte independente.

Do mesmo xeito, Álvaro Rodríguez anunciou a súa renuncia a encabezar a lista de IPC outra vez por motivos profesionais, aínda que fontes indepententes declararon que o seu líder pordería ter quedado sen apoios despois da asemblea na que se elixira unha directiva sen Ramón Abal tralas eleccións estatais, onde, lembramos, non sentou nada ben que Rodríguez apoiara abertamente aos socialistas.

Máis info. Diario de Arousa

29 de Outubro - Xantar popular

O Concello fixo públicos no pleno os datos sobre o xantar do Albariño. Desta volta 675 persoas comeron gratis (a costa dos cambadeses, por suposto) e 165 fixérono pagando. Os datos que manexaba CTK respecto ao ano pasado eran significativamente menores (comeran gratis unhas 488 persoas) polo que cada ano o goberno popular anímase a convidar a máis xente, que non fai falla dicir de que partido son- . Ver artigo das contas do xantar do ano 2005. Máis info. en La Voz de Arousa

28 de Outubro - Infracción grave

Vicepresidencia acaba de iniciar o proceso sancionador contra o Concello de Cambados por ter operativo na gardería municipal un dos módulos sen os permisos pertinentes. Esta falta podería implicar o pago dunha multa de entre 3000 e 15000 euros e mesmo o peche temporal do centro. Onte mesmo os populares votaban no pleno municipal unha moción que pedía a dimisión do Secretario de Relacións Institucionais, Antón Losada. A oposición, previsibelmente non apoiou este punto do día. Máis info. en Diario de Arousa

21 de Outubro - Charla do Novo Estatuto

O Bloque Nacionalista Galego convida á mocidade cambadesa a asistir a unha charla-coloquio que terá lugar na Casa da Calzada (Exposalnés) o Sábado 28 ás 6 da tarde. Segundo nos remite Xoán Antonio Pillado (responsábel local) intervirán neste acto un representante de Galiza Nova e Duarte Correa, responsábel comarcal do Bloque. Para esta formación é importante que o debate sobre o novo estatuto saia do Parlamento, especialmente que cale na xente nova, que será o sector máis condicionado polo texto que vexa a luz proximamente.

21 de Outubro - unha encargada da gardería sen título

Segundo Vicepresidencia, nun novo capítulo da serie do enfrontamento Concello-Xunta encol da gardería municipal, unha das profesionais que traballan alí neste momento non posúe aínda o título de "mestra en educación infantil", faltándolle catro créditos de libre configuración por superar. Porén desde o Concello afirman que a titulación que requiren foi enviada o venres pasado dentro do prazo indicado. Máis info. Diario de Arousa

19 de Outubro - Paliza

O pasado luns en Santo Tomé, segundo consta na denuncia presentada por unha das partes, un rapaz que ía na súa bicicleta foi golpeado por un compañeiro, caendo ao chan. Pouco despois o mesmo rapaz e a súa nai seguiron a darlle patadas na cabeza. Esta versión dos feitos alertou aos achegados dos dous mozos, que pensan que poderían darse enfrontamentos entre as pandillas dos rapaces. Máis info. Diario de Arousa

13 de Outubro - A precampaña das obras

Xa arrancou o ano preelectoral, e para confirmalo só temos que ver a nova do día: O Concello anuncia que levará a cabo as obras do pazo Torrado. Esta iniciativa, que ía no programa electoral do partido e foi anunciada xa hai oito meses, demorouse até o de agora mentres os terreos do pazo se utilizaron durante estes últimos anos para celebrar as famosas comidas oficiais populares.En todo caso vanse acometer melloras no que se refire ao arbolado (xa que ao obter o pazo o Concello descuidou o mantentemento das árbores e mesmo se dedicaron a eliminalas) e vaise crear un parque infantil. Lembramos que actualmente Torrado aloxa un dos dous museus do viño da vila, dos cales falaremos moi pronto nun especial museus. Máis info. en Diario de Arousa

10 de Outubro - Outro xulgado

A Consellaría de Presidencia acaba de anunciar a próxima creación do cuarto xulgado para a nosa vila. Esta iniciativa xa fora demandada con antelación por parte dos propios funcionarios do Xulgado, como polo BNG e xa máis recentemente polos socialistas cambadeses. Máis novas en Diario de Arousa

6 de Outubro - Máis litoral

As mariscadoras, por medio de Isabel Pérez, acaban de facer público o seu malestar co alcalde Tourís por non ter atendido as súas demandas en relación co tema da renovación da fachada litoral. As profesionais están preocupadas polo futuro do banco d´O Serrido e reclaman un estudo específico ambiental. Máis novas en Diario de Arousa

30 de Setembro -A Pastora

O Secretario de Relacións Institucionais, Antón Losada, pertencente ao equipo de Vicepresidencia, aconsella aos pais a non levar aos seus fillos á gardería municipal d´A Pastora polo de agora. Os argumentos que reflicte hoxe a prensa xiran encol da seguridade dos alumnos. Segundo Vicepresidencia este centro atópase en situación irregular desde hai tres anos, ao contar con cinco mídulos cando só ten autorización para catro. Ademais, din, este feito agrávase debido á situación de obras que se vive no edificio, a falla de dispositivos detectores de fume e outras irregularidades. Culpan desde a Xunta ao Concello de Cambados por non ter pedidos os permisos a tempo e danlle a esta institución dez días para solventar os problemas. Máis info. en La voz de Arousa

27 de Setembro - O Concello pasa

Hai tres meses alumnos de primeiro de ESO do instituto Francisco Asorey enviaban ao Concello de Cambados unha carta na que demandaban a eliminación de barreiras arquitectónicas na vila, que impedían desenvolver unha vida normal a unha compañeira tetrapléxica. O Concello até o día de hoxe non presentou unha resposta que pedía o colectivo de rapaces e agora o BNG vén de presentar unha iniciativa pedindo as explicación pertinentes, algo que posiblemente será secundado polos demais grupos da oposición. Máis info. en Diario de Arousa

 

20 de Setembro - Suspendidas as clases

O ensino preuniversitario de todo o país suspenderá as súas clases mañá, despois de que a conselleira de Educación anunciara esta mañá en Pontevedra a medida preventiva. A razón, obviamente, é a chegada dos restos do furacán Gordon, convertidos en tormenta á nosa terra durante a noite do 20 ao 21.

 

15 de Setembro - Cambados rexeitou o convenio de extinción de incendios

O Concello de Cambados rexeitou a sinatura dun convenio para a dotación dunha motobomba. Este verán, como sanción, non se lle ofrecía a Cambados unha brigada antiincendios polas irregularidades detectadas no ano anterior e esta pasaba a disposición do Concello de Valga, que tamén a rexeitou. Este comportamento pode ter moito que ver coa "estratexia de dilación" que propoñían os populares n´A Coruña para desgastar ao goberno galego. Máis info. La Voz de Arousa

 

14 de Setembro - Autobuses

A Mancomunidade pedirá ante a Dirección Xeral de Transporte a mellora do funcionamento das liñas comarcais de buses. E é que desde hai anos se veñen producindo retrasos, traxectos alongados, e horarios insuficientes. Porén, esta medida tiña que ser demanda e realizada hai xa moito tempo (quizais se acordan agora por motivos políticos), e non só a mellora no verán, senón durante todo o ano. Máis info. Diario de Arousa

 

13 de Setembro - Candidatos en Outubro

PSOE e IPC anunciarion que presentarán aos seus candidatos á alcaldía o vindeiro mes de outubro. Apesar diso, os rumores indican que serán candidatos Domingo Tabuyo polo PSOE e seguirá Álvaro Rodríguez por Independentes.
EXPECTACIÓN
Por outra banda, o partido líder da oposición (BNG) segue sen dar pistas nin datas acerca da presentación no candidato, que se supón será novo, e que capta a maior parte dos comentarios e rumores nos foros de internet ou mesmo na rúa.

 

2 de Setembro - Máis desgrazas

Pois si, agora foi unha explosión nunha fábrica química en Caldas, que se saldou cun gran incendio e cun gran verquido ao río Umia. Onte pola tarde xa se podía comprobar como o río presentaba unha cor verde esmeralda, debido á presenza de sulfatos de cobre. Polo de agora, cortouse a captación de auga do río, e estase a utilizar a auga acumulada previamente nos depósitos, iso si, non chegará para moito tempo, polo que todos debemos racionalizar o seu uso.

 

1 de Setembro - Cambados zona catastrófica?

Iso é como Tourís quere que sexa declarada a nosa vila, trala vaga de incendios que asolou o país (se ben apenas tocou o noso municipio) o mes pasado.

No pleno de onte, os populares voltaron a cargar contra o goberno da Xunta pola suposta descordinación.

Outro elemento a resaltar é o voto conxunto PP-IPC á hora de decidir que se pedirá á Xunta que a cordinación dos servizos antiincendios corra a cargo do Concello. Máis info, en Diario de Arousa

 

18 de Agosto - A outra cara do Albariño

Agar nos envía as seguintes imaxes cun comentario para reflexionar. As fotos foron tomadas o día despois da fin do Albariño no parque das palmeras e na costa que o rodea. Di Agar -e con acerto- que se ben si se limpou a zona de herba do parque a basura do mar, que debería limparse rápido para que non a levara a marea, aínda se amontonaba no paseo. Iso, engadimos nós, pode ser unha das causas polas que máis tarde apareza tanta basura cando se fai un macrolimpadón.

Esta é a outra cara do Albariño, máis alá da diversión e da crítica que poidamos facer está a cara dos desperdicios que se producen despois de varias noites de esmorga.

Preme nas imaxes para amplialas

 

10 de Agosto - Imaxes de fume 3

Aquí expoñemos as imaxes enviadas por Eulogio sacadas o pasado Luns en Cambados. Preme para amplialas

 

 

10 de Agosto - Imaxes de fume 2

Aquí expoñemos as imaxes enviadas por Losada de Soutomaior e A Hermida. Preme para amplialas

 

 

9 de Agosto - Imaxes de fume

Aquí expoñemos as imaxes de Cambados eviadas por Roberto. Preme para amplialas

 

7 de Agosto - Baixo cinza

Máis de noventa incendios asolan o noso país, a maioría na nosa provincia. Cambados amenceu hoxe tras unha capa de cinza que provén de varios incendios, moi probabelmente provocados, ao redor do municipio. Máis info. en La Voz de Galicia.

4 de Agosto - Inauguración con visita

Aínda despois dos insultos do alcalde, a Xunta de Galicia quixo estar presente na Festa do Albariño. Foi Suárez Canal, conselleiro de Medio Rural, quen se achegou a Cambados para a inauguración dos postos das adegas no paseo da Calzada. A nova non agradou ao noso alcalde, quen chegou a dicir que non sabía se Canal asistía pola festa ou pola presenza de Samantha Fox.

Os concertos de onte contaron cunha asistencia notábel, destacando a actuación de Ariel Rot, que fixo vibrar ao publico de Fefiñáns. Máis info. en Diario de Arousa

2 de Agosto - Comeza a "semana" do Albariño

Pois si, aínda que nos folletos non sexa hoxe día oficial, xa temos actuación na Praza de Fefiñáns. Trátase dunha gala dos 40 principais na que intervirá Samantha Fox. Se non a coñeces pásate pola páxina de UGCH, xa que eles a describen dun xeito moi ameno e ilustrativo.

29 de Xullo - Touriño non virá ao Albariño

O Concello de Cambados recibiu unha nota do presidente de Galiza informando de que este non podería asistir aos actos oficiais da Festa do Albariño por motivos de axenda. De todos os xeitos, Touriño agradece á vila a invitación.Lembramos aos lectores de CTK que hai uns días o alcalde enviaba unha carta ao presidente da Xunta expoñendo a posibilidade de que este fose nomeado cabaleiro se se cumprían dúas condicións: asistir á festa e manter as axudas da Xunta. Máis info. en Diario de Arousa

27 de Xullo - Ocupación

O BNG de Cambados denunciou que o Concello está a construir no lugar d´O Facho (Castrelo) unha estación de bombeo nunha parcela privada. Seundo eles, esta situación poderá levar a unha indemnización aos propietarios do terreo e á conseguinte paralización das obras. Máis info. en Diario de Arousa

24 de Xullo - Confraría

O patrón Maior pretende levar a cabo unha remodelación da Confraría para dotar de aulas para cursos de formación, aumentar o espazo para a documentación e dar cabida aos novos equipos informáticos. Máis info. en Diario de Arousa

5 de Xullo - Tragobe a pique

A empresa concesionaria que está realizando as obras de ampliación do porto de Tragobe detectou un afundimento da nova estrutura por mor dos fangos acumulados no fondo. Deste xeito, a obra está paralizada hai meses e o retraso é de dous anos. O patrón maior sinala esta actuación como moi importante para o sector.. Máis info. en Diario de Arousa

5 de Xullo - Informe Greenpeace

A organización ecoloxista presenteu o seu informe anual DESTRUCIÓN A TODA COSTA, no cal resumen os principais problemas das costas peninsulares, como contaminación, construción ilegal, corrupcion urbanística... Tamén identificaron varios puntos negros, un dos cales é a nosa vila. Sobre Cambados, os ecoloxistas din " Bico da Ran: piscifactoría en LIC (en revisión). Puerto deportivo. Incumple requisitos europeos de depuración de aguas residuales " . Máis info. en Greenpeace

4 de Xullo - Verquidos, albariño e pediatría

A actualidade local pasa hoxe opr tres puntos ben coñecidos por todos. Por un lado os xa frecuentes verquidos, desta volta denunciados ante Seprona, que foman parte da problemática dos cheiros e da contaminación.
A festa do Albariño segue a ser noticia -mentres o Concello non confirma os concertos anunciados por La Unión e Huecco- porque Tourís pediu onte unha reunión con Touriño para conseguir atraer fondos para a troula cambadesa. Respóstanlle hoxe os socialistas cambadese:, se ben o alcalde se lembra agora do presidente para pedir axuda económica, hai un ano non foi convidado ao banquete a pesares de estar xa ocupando o seu posto ( e si que veu o ex, Fraga) xa que daquela aínda quedaban cartos cedidos pola Xunta "amiga" en perxuizo doutras moitas vilas non "amigas".
Por último seguen a soar voces que piden o mantemento do servizo de pediatría para O Salnés . Máis info. en Diario de Arousa

28 de Xuño - Concerto "estrela" do Albariño

Acábase de filtrar a nova na páxina de UGCH grazas a Domy e acto seguido no noso libro de visitas. E é que a páxina do artista español Huecco xa anuncia para o día 5 de Agosto (sábado do Albariño) un concerto na vila de Cambados. Este músico que xa formou parte de Sugarless ten un CD no cal podemos atopar a canción "Rumbatón pa mi guerrera"

25 de Xuño - Novo aviso de Intervención

Intervención volta chamar a atención ao Concello polos números vermellos das arcas municipais. Ademais, agora o goberno quere pedir un novo crédito para acometer obras como a pista de atletismo, a biblioteca na casa dos Fraga, a reforma do propio concello, a da fábrica de Peña...Máis info. en La Voz de Arousa

25 de Xuño - E outro enchufe máis...

O BNG acusa ao Concello de enchufar ao até decembro concelleiro popular Modesto Cores. Este edil deixara o cargo por "motivos persoais" e hoxe atópase traballando de operario no Concello de Cambados. Este é o último dunha serie de enchufes na institución local que vén dende hai tempo. Máis info. en Diario de Arousa

18 de Xuño - U-los candidatos?

Seguimos agardando declaracións dos catro partidos con representación en Cambados para que aclaren dunha vez quen serán os candidatos á alcaldía nas eleccións de 2oo7. Mentres tanto, a parte do debate no noso libro de visitas achegámosvos este interesante artigo de Serxio González de La Voz de Galicia (ollo á referencia a CTK)

17 de Xuño - Albariño e subvencións

Máis outra vez Tourís volta a atacar á nova Xunta de Galiza pola suposta discriminación hacia Cambados. Desta volta, é o Albariño o tema conflitivo. Segundo o alcalde a Xunta non subvencionará como en ocasións anteriores a festa de principios de Agosto. Como consecuencia disto non aparecerán pola vila grandes estrelas do panorama musical e quizáis por unha vez o Concello terá que replantexar a festa máis coñecida de Cambados e situarse por fin ao mesmo nivel que outras festas que si sufriron discriminación e que agora merecen a xustiza que nunca recibiron. Máis info. en Diario de Arousa

GRUPO PARA O VENRES DO ALBARIÑO (4 de Agosto)

Un grupo que si asistirá polo visto a Cambados será LA UNIÓN, formación musical nacida hai vintedous anos e que conta con discos como Lobo-Hombre en París ou La Niebla. Podes confirmar a nova na súa páxina oficial.

12 de Xuño - Selectividade

Como todos os anos, acércase o peor momento do curso para os estudantes de 2º de Bacharelato: A selectividade. Este ano terá lugar os días 14, 15 e 16, é dicir, a partires do mércores. Os alumnos do Cabanillas farán os seus exames en Pontevedra e os do Asorey irán a Compostela á Faculdade de Farmacia.

8 de Xuño - Verquidos ilegais do Concello

A consellaría de Pesca, tras recibir unha denuncia da Garda Civil, procedeu a investigar un caso de verquidos ilegais levado a cabo pola estación decantadora de residuos sólidos, dependente do Concello de Cambados. A resolución consiste nunha multa ao Concello por valor de 6o.ooo euros por uns verquidos que afectaron a unha zona de bancos marisqueiros. Segundo Pesca, o Concello non empregou até o de agora o dereito a recurrir a sanción, se ben ten un último prazo de trinta días para levar a cabo un recurso á alzada. Esta sanción é a primeira deste tipo realizada dende que entrou en vigor a Lei 8/2004 de 30 de Xullo sobre protección, control, infraccións e sancións en materia marítimo pesqueira de Galicia Máis info en Faro de Vigo

5 de Xuño - Debatindo cara as eleccións

Desde hai unha semana debátese no noso libro de visitas espontaneamente acerca do futuro candidato do BNG para a alcaldía de Cambados. Convidámosvos ao debate e animámosvos a ampliar o tema cara os outros tres partidos (PP, PSOE e IPC)...quen cres que serán os seus candidatos?
O certo é que xa vai sendo hora de que se anuncien os cabezas de lista, xa que estamos a menos de un ano dos comicios. Participa respectuosamente .no libro de visitas de CTK

31 de Maio- Vilariño levántase

As estradas e pistas que atravesan Vilariño atópanse cheas de pancartas colcadas polos veciños de Vilariño, que reclaman melloras nunha zona que aseguran é "terceiromundista". Entre outas cousas reclaman o asfaltado das pistas do lugar.A iniciativa foi promovida por Independentes por Cambados e a Asociación As Campanas. Máis info.en Diario de Arousa

27 de Maio- Fin de semana movido

Durante este fin de semana vanse levar a cabo dúas actividades significativas dentro do movemento da mocidade cambadesa.
Por un lado, POLONOSO convocou a súa primeira asemblea, onde se tratrán temas como a elección de cargos directivos e as primeiras actividades oficiais, tralo MACROLIMPADÓN.
Por outro lado, CTK convoca á marea laranxa para o sábado ás oito da tarde na Praza de Fefiñáns para sacar a foto conmemorativa do I Ano de cambados.tk. Máis info.en Faro de Vigo

26 de Maio- Malos tratos

O subdelegado do Goberno en Pontevedra confirmou a existencia e 22 casos de malos tratos na vila, na reunión celebrada coa Xunta Local de Seguridade. Tamén presentou novas medidas, que pretenden mellorar a protección das vítimas, como o é a creación dunha mesa onde estean presentes Garda Civil e Policía, así como unha mellor cordinación entre os dous corpos. Máis info.en Faro de Vigo

18 de Maio- Viño Albariño

Segundo informa hoxe Diario de Arousa, a Asociación Empresarial do Viño de Galicia vén de reivindicar perante o conselleiro de Medio Rural que se elimine o albariño da lista de bebidas espirituosas, para pasalas á dos alimentos saudábeis.

16 de Maio- Galego

Non te perdas hoxe pola noite o concerto organizado por Unha Grande Chea, toda unha oportunidade para comezar con alegría o día das Letras 2oo6. Ás 11:55 no Castriño 16. Máis info na páxina oficial de UGCH e en CULTURA.

16 de Maio- Especulación?

O BNG di que o goberno permite que unha empresa utilice o terreo cambadés para facer o aparcadoiro antes de aprobar o proxecto en pleno. Ademais, sinalan que a inmobiliaria que vende os pisos do edificio da Mercede xa inclúe na súa oferta prazas do parking que se construirá, até tal punto que inclúen na venda dun piso dúas prazas de aparcamento. Sinalan tamén que o estudo está feito en primeira persoa do plural, parecendo que foi redactado pola propia empresa construtora e que estes feitos poden constituir unha irregularidade urbanística. Máis info. en Diario de Arousa

11 de Maio- NOVO APARCADOIRO

O goberno municipal da nosa vila ultima os trámites para a construción dun aparcadoiro no antigo campo da Mercede. Campo, que como todos sabemos, foi vendido polo goberno a pesares de que fora regalado para disfrute de todos os cambadeses nunha operación de índole urbanísitica. Pois ben, este aparcadoiro súmase ao edificio de vivendas que se está a construir e mais a unha praza que irá situada de cara ao paseo marítimo. Xunto con este, xa son tres os proxectados: Mercede, Xuventude e outro no plan de remodelación da fachada litoral. Máis info. en Diario de Arousa

E falando de aparcadoiros e coches mostramos unha imaxe captada hoxe a mediodía. Sen dúbida que sería mellor que a estes non os meteran nun garaxe...

 

9 de Maio- Augas vendidas por 40 anos

O PSOE denunciou que o Concello de Cambados prorrogou a concesión das augas a Aquagest como pago dunha obra de saneamento en Corbillón e Castrelo. Dita concesión expirará en corenta anos. Recordamos que esta política de concesións de bens públicos a loguísimo prazo xa foi empregada co Concello na piscina e no "Complexo Deportivo O Pombal" (incluíndo unhas pistas de tenis en mal estado e que custan aos usuarios uns 3,5€ a hora) e tamén se plantexa como método para costear a renovación da fachada marítima. Máis info. en Diario de Arousa

8 de Maio- Problemas en CTK

A páxina que hospeda CTK cancelou hoxe ás dez da noite o espazo e borrou todos os arquivos. De momento, provisionalmente aloxáronse noutro servidor á espera dunha solución definitiva. Polo tanto, nestes días poderanse detectar erros varios no funcionamento da páxina. Sentimos as molestias. Lembramos que este é o segundo percance da páxina, xa que o seu foro foi eliminado por erro hai dous meses polo hospedador. Máis en CTK

4 de Maio- Demisión no Cambados

O presidente do Juventud Cambados, Juan Jesús Dios Pomares, e toda a directiva, presentarán a súa demisión irrebocábel. Esperan que haxa alguén que tome as rendas do clube, como pasou recentemente co Xuven, e din deixar ao cambados na mesma ou mellor situación que cando o colleron. Máis info no Diario de Arousa

3 de Maio- O retorno dos cheiros?

No día de onte percibíronse nas zonas de Triana e Santo Tomé novos cheiros, similares aos que sufrimos durante todo o verán pasado. Moitos cambadeses pregúntanse se a chegada do tempo estival favorecerá a aparición deste mal...
Nunha entrevista hai máis de unha semana no Canal Rías Baixas ( Tele Salnés) Tourís, preguntado por este tema, afirmou que é moi probábel que os cheiros retornen a Cambados nos próximos días. Máis info na rúa

26 de Abril- Estafa

A empresa de creación de páxinas web, Asix Informática, foi vítima dunha estafa. Desde hai menos dun ano tamén se dedican á venda online de material informático e a finais de 2005 recibiron un pedido por valor de 6o.ooo € desde Sevilla. Como comprobaron que todo estaba en orde enviarion o material e en Xaneiro deste ano un americano, titular desta tarxeta, comunicoulles que el non pedira nada do que se lle cargara. Porén, Asix Informática, si ten que pagar ao banco a cantidade arriba citada, por iso o seu responsábel afirma que de non obter unha solución o seu negocio terá que fechar.Sospeitan que a tarxeta coa que se pediu era duplicada ou roubada e piden axuda para arranxar o problema. Lembramos que hai dous meses ASIX INFORMÁTICA cedeu gratuitamente a Unha Grande Chea un dominio .org.es para facilitar a entrada á súa páxina. Máis info en Faro de Vigo

25 de Abril- Rehablitación

Encarna Otero, directora xeral de Vivenda prometeu onte na nosa vila que a Xunta acometerá a rehabilitación integral das chamadas casas de San Francisco. Máis info en La Voz de Arousa

23 de Abril- Parellas de feito

Independentes de Cambados pide a Tourís que acepte a súa proposición para crear na nosa vila un rexistro de parellas de feito. Despois de que o PP cambadés xa se opuxera, IPC enviou unha carta a Núñez Feijoo explicando o sucedido, e este afirmou estar dacordo na creación destes rexistros por todo o país. Álvaro Rodríguez pide ao PP de Cambados que non vaia en contra do seu partido e apoie a iniciativa.Máis info en La Voz de Arousa

21 de Abril- Novo Informativo Popular

O Partido Popular de Cambados está repartindo por todo o Concello o seu novo voceiro local. Comezan por reiterar, ao igual que no anterior número, que o PP aventaxa ao PSOE en intención de voto, pese a que as últimas enquisas tralo alto o fogo de ETA expoñen todo o contrario. Neste novo número, cargan contra os socialistas Daporta e Tabuyo cun peculiar estilo que pode definirse dun xeito: agresións verbais. Agresións que tamén empregan para referirse ao goberno galego, xa que segundo eles Touriño e Quintana gobernan países distintos: Galiza e Galicia. A contraportada segue a ser a mesma que no último número (inverno 2005) e o boletín segue a ser a toda cor e coidado canto o deseño mentres que un tanto descoidado na liguaxe.

En definitiva: O PP de Cambados segue a utilizar a confrontación (incluso chega a dicir que Tabuyo permite que o goberno dea máis cartos a Vilagarcia, empregando a tradicional rivalidade entre as vilas para descalificar ao goberno de Zapatero) para tentar recuperar a posición perdida trala crise medioambiental (cheiros). Máis info no teu buzón

18 de Abril- Hostelaría leda

A semana Santa supuxo para a hostalaría cambadesa un éxito, xa que se rozou o 90% de ocupación e nalgún día algúns estabelecementos chegaron ao 100%. Sen dúbida esta é a boa nova da semana, tralos graves accidentes sufridos na vía rápida do Salnés. Máis info en Diario de Arousa

13 de Abril- Recurre a proba de sarxento

Maximino Cid Ferro, un dos candidatos que non superou a proba para sarxento da policía local tras unha repetición doutra proba fraudulenta, recurriu o resultado do exame por considerar sospeitosa a calificación recibida no mesmo. Segundo el, os tres representantes no tribunal que estaban relacionados co Concello déronlle unha nota de catro ou inferior e os outros dous membros do tribunal, alleos ao municipio coincidiron en outorgarlle un 6. Se non se ten en conta o recurso Cid Ferro non dubidará en recurrir aos tribunais oportunos.

6 de Abril- Carreira dos institutos

A tradicional carreira dos institutos cambadeses terá lugar mañá a partires das once da mañá entre a praza de Fefiñáns e o pavillón do Cabanillas, pasando, claro está, por todo o centro.. O percorrido comprende 2700 metros, que os estudantes deberán superar Recordamos que esta carreira se leva a cabo anualmente entre os dous insitutos da vila e que cada ano ten chegada nun deles, alternativamente.

4 de Abril- repercusións do MACROLIMPADÓN

Pódese dicir que se algo tivo este evento foi un grande eco mediático, non só no medio que nos ocupa, senón nos xornais na zona, como Faro de Vigo, La voz de Arousa e Diario de Arousa. Ademais o mesmo día do macrolimpadón apareceu unha reseña no telexornal da TVG. Hoxe mesmo, Faro de Vigo volve a insistir no tema e recolle a nosa opinión acerca do sucedido este sábado e durante estes días os lectores de CTK seguiron con atención as novidades e as últimas horas.Máis info. en Faro de Vigo

31 de Marzal- O Concello ponse a limpar o día antes do MACROLIMPADÓN

Pois si, incríbel pero certo. Despois de ter durante anos abandoanada a nosa costa, os operarios do Concello puxéronse mans á obra para limpar o litoral. Como sinalan desde o colectivo POLONOSO, non é que sexa unha actividade negativa, nin moito menos, pero é que se o fan é porque saben que hoxe a tarde íase descubrir toda a basura , e nunca mellor dito, que hai en Cambados. Porén o MACROLIMPADÓN non queda suspendido, e ás 4 desta tarde temos unha cita diante do local de protección civil.Máis info. en La voz de Galicia

29 de Marzal- Desde Narón para o MACROLIMPADÓN

Na mesma semana en que se celebrará o evento, a asociación xuvenil CROIO de Narón anunciou a súa asistencia. O autobús dos convidados chegará o Sábado sobre ás dúas á nosa vila, onde comerán e pola que pasearán até a hora de empece da actividade. O portavoz da agrupación afirmou que "non todo van ser botellóns". Máis info. en La Voz de Galicia

23 de Marzal- O macrolimpadón na prensa

Despois de que a convocatoria da asociación POLONOSO saíra á luz, o Faro de Vigo onte e hoxe en La Voz de Galicia na sección de Galicia ( e en portada!!) reflectiron a proposta anunciada tamén neste medio. Lembramos aos nosos lectores que esta actividade terá lugar o sábado 1 de Abril ás catro da tarde e consistirá na limpeza do litoral cambadés e a posterior confección de esculturas a base de basura. É unha proposta que non deberías perder. Máis info. en La Voz de Galicia

22 de Marzal- Exame

Tralo anuncio do Concello de deixar deserta a praza de sarxento debido ao presunto suspenso dos dous convocados a este polémico exame, o opositor que denunciara irregularidades no proceso e ao que a Xustiza xa lle deu a razón unha vez, solicitará o seu exame a a calificación obtida en cada unha das partes - que a día de hoxe aínda descoñece-. Ademais vén de solicitar o amparo do grupos da oposición e o BNG xa llo prestou solicitando no rexistro do Concello un informe de dita oposición. Máis info. en Faro de Vigo

21 de Marzal- Cinema do Auditorio

O Concello de Cambados vén de anunciar a próxima habilitación do Auditorio como cinema para a proxección semanal duna película. Segundo Rosa Oubiña, de contar con público, estas proxeccións poderían ter lugar máis a miúdo.

19 de Marzal- Macrobotellón deslucido pola choiva

O macrobotellón convocado para onte pola noite no parque estivo condicionado pola choiva. Ás nove e media - teórica hora de empece- a auga caía en Cambados e ningunha persoa se atopaba no lugar da festa. Sobre a unha da madrugada empezou a asistir xente, mais non se logrou xuntar ao número esperado. Máis info. no artigo de M. Alonso de La Voz de Galicia.

16 de Marzal- Macrobotellón

Durante os últimos días veuse levando a cabo unha campaña de envío de mensaxes por internet por parte de xoves (e non tanto) cambadeses. Nesta misiva ínstase a participar no macrobotellón que terá lugar o sábado 18 no chamado "parque das palmeras". Nun primeiro momento a festa ía levarse a cabo en Fefiñáns pero os organizadores acordaron cambiar o lugar para provocar menos incidentes. Por outra parte o Concello de Cambados non prevé prohibir este botellón e o dispositivo policial será anunciado no fin de semana. Máis info. no artigo de M. Alonso de La Voz de Galicia.

12 de Marzo-Tourís recolle firmas

O alcalde de Cambados recollerá sinaturas para que a Xunta reinicie o proceso da concentración parcelaria en Vilariño e Oubiña. Porén o delegado provincial, Constenla, declarou que a culpa desta paralización é do anterior goberno da Xunta. Ademais o alcalde non dubidou de tachar ao delegado de sectario e partidista por , segundo el, ter acudido a Cambados e non visitar o Concello. Máis info. en Diaro de Arousa

10 de Marzo- Charla sobre a represión franquista

Os institutos de Cambados, Asorey e Cabanillas organizaron unha charla sobre a República e a represión franquista. Os conferenciantes, Leopoldo García e Concha Nogueira, son exemplos de tan macabra represión. A actividade rematou cun pequeno coloquio entre o público e os convidados.

9 de Marzo- Ence non virá a´O Salnés

O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, confirmou onte en Cambados que a proposta de translado de ENCE á nosa ría non se levará a cabo, xa que para el isto sería "transladar 12 quilómetros o problema". A Xunta, que se comprometeu a transladar a fábrica está a buscar o lugar idóneo para facelo..Máis info.en Faro de Vigo

7 de Marzo- Relevo no Colectivo Ecoloxista

O Colectivo Ecoloxista que estivera presidido durante os últimos anos por Joaquín Rodríguez Pomares (ler entrevista) eixiu á súa nova presidenta nunha asemblea á que asistiron trinta afiliados. A persoa que toma as rendas da organización ecoloxista é Marta Lois, que prometeu seguir na liña de denuncia.Máis info.en Diario de Arousa

3 de Marzo- Visita do Presidente

O presidente da Xunta de Galiza, Emilio Pérez Touriño visita hoxe a nosa vila e se reunirá con todos os alcaldes da comarca en Expo Salnés. Dada a visita, o noso alcalde Tourís aproveitará para reivindicar as obras que foron suspendidas por Medio Rural e fará novas peticións como novas estradas en Castrelo e a actuación da Xunta para a construción do complexo lúdico-deportivo-comercial en San Tomé. Máis info.en Diario de Arousa

17 de Febreiro- Crise financeira

O Bloque Nacionalista Galego de Cambados, por medio do seu representante Xosé Ramón Durán acaba de publicar un documento impulsado por Intervención, no cal se confirma a aparente crise financeira que atravesa o Concello de Cambados. Dita crise, que o BNG cifra en oito millóns de euros, podería rematar por imposibilitar o pago ao persoal do Concello. Ademais, Roque Durán afirma que o Concello levará a cabo unha contratación de persoal , entre os que destacan varios asesores para Tourís, que podería deberse á chgada de eleccións. Por outra banda o Bloque pregúntase como é que temos débeda se o Concello vendeu a Mercede. Máis info en Diario de Arousa| La voz de Arousa

17 de Febreiro- Cambados na Interviu?

Se oiches por aí que este mes a nosa vila aparece na revista Interviu, podes comezar a crelo. Trátase dunha reportaxe onde aparecen fotos do noso litoral que ilustran un tema para todos coñecido: OS MALOS CHEIROS. Ademais, segundo algunha fontes próximas á web, na revista aparece tamén Álvaro Rodríguez , concelleiro e voceiro de IPC. Podes ler o comezo da reportaxe premendo aquí.

17 de Febreiro- Pandemia en Cambados?

Trala aparición dunha gaivota morta en Tragobe desatouse a sicose. O cadáver foi enviado a Cotorredondo para analizar se é portadora do virus que provoca a gripe aviar. Chegará a España por Tragobe?Máis info. en La Voz de Arousa

14 de Febreiro- IPC declárase inocente

Trala ameaza do Concello de multar a Independentes por Cambados por unha suposta pegada ilegal de carteis, o portavoz de grupo afirma que os integrantes do partido pegaron os carteis nas zonas correctas, pero que foron algúns comerciantes e mariñeiros quen lles pediron carteis para pegalos na rúa. Ademais pide información acerca da cantidade de veces que se multou ao Concello por contaminar e verquer na nosa zona.. Máis info. en La Voz de Arousa

12 de Febreiro- Parque no Pazo

O Concello anuncia a próxima conversión do xardín do Pazo Torrado en parque infantil, para uso e disfrute de todos os cambadeses.Lembremos que esta era unha proposta do Partido Popular que levaba xa no seu programa electoral, hai case tres anos. Tamén convén lembrar que o Pazo de Torrado , que non puido ser Sede do C. Regulador Rías Baixas, é hoxendía un museo máis da nosa vila. Máis info. en La Voz de Arousa

10 de Febreiro- Esperanza Salnés

Esta entidade que se dedica a atender a rapaces con discapacidade, corre o perigo de desaparecer se os concellos non responden afirmativamente á súa petición de 3.000 euros que formularon en Novembro. Só dous concellos se posicionaron respecto ao tema: Vilagarcía, que o fixo para negarlle a súa axuda e Cambados, que subvencionará con 2.000 euros- Máis info. en La Voz de Arousa

9 de Febreiro- O Concello multa a IPC

O Concello de Cambados decidiu impoñer unha multa de 540 euros a Independentes por Cambados por un suposto incumprimento da lei de ornato. Segundo o Concello, este partido tería pegado unha serie de carteis amarelos co lema NON Á CONTAMINACIÓN!.Recordamos aos nosos lectores que os de Tourís xa amenazaran coa aplicación desta medida ao BNG trala pegada de carteis de SOLUCiÓN AOS CHEIROS XA!. Neste caso os Independentes critican a posición do Concello e afirman que a súa pegada se realizou a carón de carteis do Partido Popular.Máis info. en Diario de Arousa

8 de Febreiro- IPC critica a BNG e PSOE

Independentes por Cambados critica a falta de apoio e resposta do Bloque e do PSOE canto á súa petición dun pleno extraordinario para tratar o tema dos verquidos e da contaminación..Máis info. en Diario de Arousa

7 de Febreiro- O plan do entroido do Concello

O Concello de Cambados acaba de presentar o seu programa de Entroido para este 2006. Talleres de disfraces, concurso de filloas e un desfile de comparsas forman parate da oferta. UNHA GRANDE CHEA xa presentou hai dúas semanas o seu, que podes consultar ou ben no seu blog, ou ben no noso apartado.Máis info. en Diario de Arousa

5 de Febreiro- As Campanas

A asociación veciñal as Campanas, de Vilariño, insta ao Concello por medio dunha carta a realizar a pavimentación dos viais dos lugares de Outeiro e Patiña. Segundo eles, estes atópanse en moi malas condicións debido ao proceso de implantación dos sumidoiros por parte do Concello. Máis info. en Diario de Arousa

3 de Febreiro- Secretario Xeral do PP

Alfonso Rueda, que durante estes catro últimos meses traballou como Secretario do Concello de Cambados, deixará o seu posto para adicarse plenamente á actividade política.Rueda foi designado tralo recente Congreso do PP en Galiza Secretario Xeral do partido. Segundo Diario de Arousa todo apunta a que no tempo en que o citado ocupe a secretaría do partido será José Benito Vázquez quen ocupe o posto (que por certo xa ocupou durante moitos anos) de forma interina.

31 de Xaneiro- Día da Paz

Entre onte e hoxe os colexios do país celebraron o Día mundial da Paz. De entre os colexios da zona eliximos o de San Tomé, onde os seus alumnos, pais e profesores realizaron grullas de papel. A idea sacárona dunha historia real. Despois da catástrofe de Hiroshima, unha nena enferma de leucemia coñece por medio dunha amiga que en caso de facer con papel mil destas aves podería pedir un desexo. Mais a nena morre a causa da súa doenza cando levaba feitas seicentas delas e son os seus compañeiros de colexio os que completan a tarefa. Este motivo tan peculiar foi a maneira que tiveron en San Tomé de enfocar o día da Paz.

18 de Xaneiro- Instituto Cabanillas

Nestes últimos días o instituto Cabanillas sufriu varios incidentes a causa do mal estado das instalacións do centro. Unha foi a caída dunha cornisa do edificio, sen que esta ocasionase ningún dano persoal. A segunda, e máis acusada polo veciños, foi a rotura da caldeira e o verquido do gasoil ás tuberías da vila.Os testigos denunciaron o fortísimo cheiro. Por outra banda, o colexio de Vilariño xa conta cun servizo de limpeza para a súa pista deportiva.

17 de Xaneiro- Rañeiros molestos

A agrupación dos rañeiros cambadeses protestan ante a consellaría de pesca porque se lles prohibe traballar o fin de semana. Eles sosteñen que non queren faenar durante este tempo, pero si sair a limpar as zonas que o necesiten. Máis info. en Diario de Arousa

13 de Xaneiro- Gamberros educados

Os rapaces de 24 e 25 anos que a semana pasada foran detidos por pintar na Casa do mar e estropear as luces de nadal presentaronse voluntarios a limpar a parede. Os dous mozos xa levaron a cabo a súa tarefa e esperemos que sirva como exemplo para os demais vándalos da zona... Máis info. en Diario de Arousa

11 de Xaneiro- Máis verquidos

Onte rexistráronse en San Tomé novos verquidos. Tratábase dun líquido branco que segundo os que pasaban por alí cheiraba a peixe podre. A presidenta das mariscadoras, Isabel Pérez, voltou a denunciar a situación - grave- dos feitos, que danan o principal banco marisqueiro e que se levan repetindo durante meses. Culpa ao Concello destes fallos na rede de sumidoiros.Máis info. en Diario de Arousa

10 de Xaneiro- 518 licenzas de obra

Neste ano que pechamos, o Concello de Cambados concedeu 518 licenzas de obra, oq ue supuxo para as arcas municipais unha cantidade de 925.525 euros. A cantidade de xestións deste tipo incrementouse con respecto ás do ano pasado. Máis info. en La Voz de Arousa

7 de Xaneiro - Roubos na noite de Reis

A policía local de Cambados detectou na noite do día de Reis dous roubos na nosa vila; un na cafetería da Sociedade Cultural e outro nunha perruquería da Avenida Vilariño. no primeiro roubo os delincuentes levaron 900 euros da máquina tragaperras, e no segundo levaron varios útiles de perruquería (...?) Máis info. en Diario de Arousa

27 de Decembro- Colexios sen arranxar

Nestes últimos días do ano 2005 os colexios cambadeses constatan como os arranxos necesarios aínda non foron levados a cabo. En Santo Tomé é necesario sanear o teito por mor das continuas filtracións de auga ás clases, desde Vilariño reclaman unha revisión do sitema eléctrico dos centros, en Castrelo necesítase repoñer unhas cantas pezas de falso teito e en Corbillón demándase a pavimentación do patio. Máis info. en Diario de Arousa

26 de Decembro- o PP insulta

O último pleno celebrado na nosa vila seguiu na liña das últimas reunións: bronca e crispación. Ante as preguntas da oposición acerca de temas como a concesión por 20 anos da piscina, as obras de Medio Rural ou as fallos rexistrados no tema económico, ao Partido Popular só se lle ocorre chamar pallaso ao portavoz do BNG. Desde aquí unha chamada á calma para os señores conservadores.

17 de Decembro- Propietarios indignados

Segundo informa hoxe La Voz de Arousa, os 44 propietarios afectados pola urbanización da antiga conserveira opoñeranse a este plan, polo que non podería levarse a cabo dada a promesa de Cores Tourís. Están indignados porque poden perder a súa casa ou horta só "para que catro se fagan milonarios"Máis info. en La voz de Galicia

16 de Decembro- Urbanización e derribo

A posíbel urbanización da antiga conserveira """Arosa""" levaría consigo o derribo de dúas vivendas e varias fincas. os propietarios xa presentaron as súas reclamacións. Tourís afirma que non haberá urbanización se o 50%dos propietarios afectados rexeitan a posibilidade. Máis info. en La voz de Galicia

6 de Decembro- A voltas coas pistas

Todos os periódicos de hoxe (Faro de Vigo, Diario de Arousa e Voz de Galicia) reflicten unha vez máis o problema das pistas de tenis d´O Pombal. O Concello acaba de conceder a concesión por vinte anos á empresa que a tiña até agora dun xeito algo sospeitoso. Ademais, despois de presentado un escrito asinado por 300 persoas no que se pedía o arrranxo das instalación e unha baixada de prezos, o Concello subiu de 2,40€ a 3,50€ unha hora de xogo.

4 de Decembro- Axuste de contas

Na parroquia de Castrelo, en Cambados, apareceron 2 cadáveres calcinados de dous mozos de 27 e 30 anos respectivamente: Jose Ángel Feijoo e Ricardo Feijoo. Os asasinatos producironse na madrugada do venres ao sábado. Todos os medios de comunicación consultados parecen apuntar a un axuste de contas entre narcotraficantes como móbil do crime. Máis info. La voz de Galicia

28 de novembro- Tourís no Parlamento

O mércores pasado arredor de 200 cargos públicos do Partido Popular concentráronse na sé do Parlamento galego e intentaron acceder a el. Entre eles, e máis ben en cabeza, atopábase o noso alcalde. A presidenta do Parlamento ordeou expulsar aos militantes populares, que protestaban pola cancelación de obras no rural prometidas a última hora polo anterior conselleiro, e identificou este acto co 23F. Cores Tourís promete manifestacións no rural galego. Máis info. La voz de Galicia

 

Novas 2006
Novas 2005

 

 

 

1