BALADA DA FIN DO MUNDO NA COSTA DA MORTE.

 

 

E vin un ceo novo e unha terra nova, porque o primeiro ceo e a primeira terra desapareceran, e o mar xa non existe”

(Apocalipse, XXI-1).

 

 

As ondas nos cantís de Fisterra andan estes días revoltas de máis, enloitadas por outro naufraxio naquelas augas. A Pedra de Abalar muxiá permanece inmóbil ante o asexo das sinistras ondas que todo o cubren de tebras. Na Coruña, a Torre milenaria vixía, como  nos groriosos tempos da conquista de Irlanda, as ondas do mar amigo, hoxe negras, hoxe cubertas de oprobio, hoxe sombras silandeiras que cercan ó noso país.

O “prestige” da nosa clase dirixente está fóra de toda dúbida, non por alto e limpio, senón por ausente. É o pobo quen nesta terrible hora sae ás rúas en masa para berrar “nunca máis”. Nunca máis morte nas costas galegas, nunca máis aves petroleadas, nunca máis fame para os nosos mariñeiros. Porque o noso pobo é eso, mar e campo, dorna e arado, o pobo dos fillos do vento, o finis terrae dos romanos. E porque renunciando ó mar renunciamos simplemente a algo tan sagro como a nosa identidade.

Cada cinco anos a negra sombra cae sobre a nosa costa. As aves mariñas dos agrestes cons xacen nas praias en luctuosa estampa. Son o símbolo dun país que morre, a imaxe da Galiza do mar, da Galiza asoballada. Cada cinco anos a morte, vestida de fatal petroleiro, derrama xenerosa a súa aperta mortal sobre os verxeis das rías do noso país. O país dos mil ríos ve morrer así o ecosistema que lle dou fama en todo o mundo, sustento de miles de galegos, parte indiscutible da nosa cultura. Cada cinco anos os Gobernos prometen solucións, axudas que nunca chegan, sen pensar nunca nun plan serio para facer fronte a estas desgracias que por repetidas xa non son excepcións, senón a triste e amarga regra.

                E vin un ceo novo e unha terra nova, porque o primeiro ceo e a primeira terra desapareceran, e o mar xa non existe” (San Xoán, Apocalipse, XXI-); a imaxe apocalíptica da nova Galiza que nos quere deixar en herdo Fraga, o derradeiro resto do fascismo europeo: un mar enloitado polo petróleo e o fuel, unha terra deserta a base de vacas tolas e reconversións agrarias e pesqueiras, e un ceo plúmbeo chorando as desgracias desta Terra xenerosa. ¿de que vale agora chorar?¿de que vale neste intre lamentarnos?¿a que ven invocar a Deus e Santiago para que nos quiten as pestes que provocamos?

Mar Egeo, Urkiola, Cason, Prestige,.... a lista non ten remate. Sete dos dez sinistros petroleiros máis graves de Europa son galegos. Como tampouco ten fin hoxe a nosa indignación, a nosa rabia, a nosa impotencia. ¿Para isto eliximos ó noso Goberno galego?¿para que esqueza o país?¿para isto pagamos impostos?¿para que Fraga vaia de cacería e os Ministros e Conselleiros de paseo? O clamor do país non ten fin. ¡¡¡¡¡BASTA XA!!!!!

O Delegado do Goberno metendo a pata sistemáticamente coa escasa información que suministra, o Presidente da Xunta de cacería nas estepas castelás, o Ministro de Defensa querendo xogar ós avionciños coa catástrofe, o de Medio Ambiente de paseo por Doñana, o Presidente do Goberno perdido nalgures..... ¿Acaso Galiza merece tal desprecio?¿acaso non pagámo-los nosos impostos como o resto de España?¿a que ven o desplante que nos dá Aznar logo de que lle déramos a maioría absolutista e os cartos para que casase con honores de infanta á súa filla? O VOTO É A ARMA QUE TEMOS OS CIDADÁNS PARA CASTIGAR A ESTA LISTA DE INCOMPETENTES.

 

Mentres o país, como petroleiro tocado, vai á deriva sen o seu Presidente ó timón acércanse os comicios municipais: as axudas aparecerán de súpeto en toda a Galiza costeira, alomenos nominalmente. Outros dez anos tardarán en cobralas polo menos, se vemos que foi neste terrible ano cando comezaron a cobrar os mariñeiros as axudas polo desastre do Mar Egeo. A gaivota, responsable do verquido, marea negra ou chámalle x, pretenderá sacar lucro electoral do desastre que provocu coa súa ineptitude. Mellor que apandar cos teus problemas é mandárllelos ó veciño, e así pasearon á besta ferida camiño da costa da nosa nación irmá, o verde Portugal. Pero o cruel destino cruzouse unha vez máis con Galiza e alí onde a barca de pedra deixara á Virxe tronzou a letal balea de ferro. LEMBRÁDEO.

Descansa en paz, pobre alma atormentada, como dixera Murguía ó ver no cadaleito á inmortal Rosalia. Descansa en paz, pois, Galiza, nai e señora.

 

 

“E ti, Galiza, doce mágoa das Hespañas,

Deitada rente o mar, ise camiño...”

(Celso Emilio Ferreiro, Longa Noite de Pedra)

 

Me lo envia mi colaborador mas activo, prepararos q esto es lo primero pero no lo ultimo.

1