MANIFIESTO FINAL DA MARCHA DE SANTIAGO
Isto foi o que Manolo Rivas leu no palco o día 1 de
decembro no Obradoiro con ollos chorosos, na manifestación máis grande da
historia de Galiza.
NUNCA MÁIS
Gracias irmáns:
Aquí está a dignidade, aquí está a conciencia libre, aquí está un pobo
vivo, aquí está a honra de Galicia.
Si, gracias irmáns:
Nós tamén invocamos hoxe aquí a protección do Santiago Apóstolo, de
Prisciliano, de Santo André de Teixido, da Virxe do Carme, nai e señora da
xente do mar, pero invocamos sobre todo a forza do pobo, a capacidade cívica,
democrática, de nós mesmos para afrontar responsablemente e con coraxe esta
situación de emerxencia, sen que se nos oculte a realidade, sen que se
secuestre información, sen que falte á dignidade pretendendo acalar as
verdades cun tintinar de moedas.
Si, gracias irmáns:
Gracias a todos os que viñestes do Eo ao Miño, gracias especialmente ás
familias do mar que están aquí, co peso da dor e destas noites de vixilia
sobre os seus ombros, e gracias tamén moi especiais a esa humanidade sensible,
alerta ao sufrimento da xente e da destrucción da natureza, que dende todo o
mundo ten enviado o seu abrazo solidario e amosa o seu noxo e horror polo que
acontece no mar de Galicia. Un mar fonte de vida, un excepcional ecosistema, o máis
precioso horto da creación, velaí o tedes, en permanente ameaza, convertido
nun vertedoiro de velenos, machacado pola cobiza duns e o desleixo, o abandono
doutros.
Convocados aquí, dunha maneira libre e unitaria, en marea cívica fornte á
marea negra do Prestige e na crise e na emerxencia en que Galicia está
asolagada: Esiximos a declaración de Galicia como zona catastrófica. Trátase
dun desastre de dimensións nacionais. Cómpre, pois, a inmediata dotación de
recursos de todo tipo para reparar as graves consecuencias económicas, sociais,
medio-ambientais e para a saúde provocadas por este sinistro. O que precisa
Galicia non son remendos paliativos senón plans a longo prazo que contemplen o
binomio tan estreitamente relacionado de protección do medio ambiente e o
emprego e benestar da poboación.
As institucións españolas, a Comunidade Europea e os organismos internacionais
deberían contemplar tamén a existencia do que poderiamos chamar unha Débeda
Histórica de Catástrofes, pois temos sufrido xa seis catástrofes deste tipo e
de gravísimas dimensións en trinta anos, e é unha responsabilidade a asumir
polas institucións galegas o demandar esas compensacións históricas. Non só
quen contamina debe pagar senón tamén quen obtivo e obtén beneficios, as
petroleiras deberían pagar.
Reclamamos para Galicia a inmediata posta en marcha de mecanismos de prevención
que impidan que a catástrofe vaia en aumento, coa posta a disposición
dilixente dos medios económicos e loxísticos para impedir a contaminación de
novas zonas, a intensificación nas xa contaminadas e a limpeza e a restauración
medioambiental da costa.
Reclamamos para Galicia a adopción de medidas determinantes, ben concretas, por
parte do Goberno central e da Xunta para que feitos como este non se volvan a
repetir nunca máis. Medidas para impedir xa, e é o momento agora, por respecto
ao loito do mar, o paso de buques que non reúnan as garantías de seguridade,
apartar o corredor marítimo e establecer un control estricto do tráfico e do
almacenamento de mercadorías perigosas.
Reclamamos para Galicia a dotación dun verdadeiro dispositivo de salvamento,
dun plan de emerxencia e dun operativo de reacción inmediata para loitar contra
a contaminación mariña, con remolcadores axeitados e con buques anti-contaminantes.
Aqueles que presumen de potencia mundial, ¿non lles cae a cara de vergoña ao
ver que aí, cunha nova marea negra nas nosas costas, non hai un só buque anti-contaminante
con pavillón español?
Reclamamos para Galicia a ubicación nesta costa da Axencia Europea para a
Seguridade Marítima.
Reclamamos que se impulse unha lexislación internacional que acabe con este
tipo de capitalismo delincuente, amparado na comenencia e nos paraísos fiscais,
que estraga a vida dos pobos e dos verdadeiros paraísos do mar e da terra.
E rematamos:
O sinistro do Prestige e o ocorrido despois, pón en evidencia dun xeito
inapelable a inexistencia de medidas de prevención axeitadas, a ausencia de
plans de emerxencia para facer fronte a este tipo de catástrofes, a improvisación
e descoordenación nas tarefas de salvamento e loita contra a contaminación e a
total escaseza de recursos técnicos e humanos para facer fronte a este tipo de
situacións.
Denunciamos as responsabilidades derivadas destas deficiencias. Reclamamos a
demisión das autoridades que coa súa ineficacia e irresponsabilidade non
souberon impedir que o accidente tivese as peores consecuencias. Dicímolo no código
do mar: Delta India Mike India Serra India Oscar November: Dimisión. É nas
situacións críticas cando os gobernantes teñen que estar a carón do pobo,
informando realmente, nos medios e no Parlamento, e activando os recursos dun país.
Polycommander, Urquiola, Erkowit, Andros Patria, Casón, Mar Exeo.... e agora
Prestige. Xa non queremos contar máis. Xa abonda. Xa estamos petroleados ata as
praias da alma. Galicia, mobilizada de exemplar, conseguiu nos anos oitenta que
se pechara o vertedoiro de residuos radioactivos, o cemiterio nuclear, fronte á
costa de Fisterra. Pois ben. Hoxe dicimos: NUNCA MÁIS. Que non se desprecie máis
este S.O.S dun pobo canso de aturar e sufrir. Que se escoite en Santiago, Madrid
e Bruxelas. Que se escoite onde se teña que escoitar.
Galicia é hoxe a humanidade que berra: ‘Nunca máis!’.
Manifesto final da marcha de Santiago. 01/11/2002.
esto me lo ha enviado al correo electronico el amigo
viguito, este colaborador dara mucho q hablar.