| |
|
San Xoan de Lagostelle. Guitiriz (Lugo) No Boedo había unha cidade. Por ela pasou un día a Sagrada Familia pedindo comida, e non llela quixeron dar. Mesmo un zapateiro guindoulle a súa forma a Xesús Cristo. Chegaron a unha casa pobre onde os nenos estaban tra-la lareira chorando de fame. A muller da casa quixo atender a Xesús Cristo e á Virxe; delles pousada, pero non tiña outra cousa que darlles. A Virxe díxolle: Faga unha torta coa cinza. A muller ó principio resistiuse dicindo que non podía ser, que non ligaba nin formaba masa; pero á fin, fíxoo. A Virxe entón dixo Próbea, señora: é tan certo que é torta cocida de trigo como que a cidade de Boedo está asolagada: por culpa dun malo, Deus destrúe unha cidade. Dise que dende entón se escoitan campás e un ruido que foi esconxurado por un cura; pero aínda hai un sitio ó que lle chaman o "Pozo da Campá".
|