| |
|
Viana do Bolo (Ourense) O outro lobo da xente, famoso en terras de Viana, é o lobo da xente de Prado. Trátase dun mozo que nunha ocasión estaba cortando molime en compaña do seu pai e, chegada a hora do xantar, sentáronse a comer un anaco d epan, dicindo o fillo: O que eu comía de boa gana a estas horas era unha miga de carne, o pan seco non entra ben. Ó que lle contestou o pai: Nunca falto de carne te vexas. Aínda lobo da xente te volvas, para que nunca che falte. Aquel mesmo día desapareceu o maldito, comezando as súas malfeitorías aterrorizando á comarca po-lo grande número de víctimas que enguliu. Víase a miúdo en forma humana: dunha vez preparábase para envorcallarse na bosta dunha vaca coa intención de transformarse en lobo e devorar unha rapaciña, pero chegando o pai da moza preguntoulle que estaba a facer: Buscando unha agulla que me caeu respondeu; e cando xa estaba un pouco lonxe engadiu: sorte tiveches vir hoxe por aquí, senón íache comer a filla. Noutra ocasión en que tamés estaba en forma humana, a fame e o frío obrigárono a pedir amparo na casa dun amigo de Seoane (Viana) quen, de moi mala gana o deixou entrar na súa casa nunha fría noite de inverno, para que se quentase e comese. Pasaban as horas sen que saíse da casa e o temor do amigo ía aumentando, porque non facía caso ós rogos e razóns que se lle facía para que marchase, véndose na necesidade de bota-lo case á forza, pechando a porta en canto pasou a soleira da casa. Isto salvouno dunha morte segura, pois no mesmo intre transformouse en lobo, rabuñando a porta en tentando tira-la abaixo. Por fin matárono cando estaba en forma humana. Para iso agardaron na ponte, logo de preparar unha pedra e unha corda cun nó corredoiro. Botáronlle a corda ó pescozo cando ía pasar a ponte e guindárono no río, onde afogou.
|