| |
|
Loureses. Os Blancos (Ourense) Había alá en tempos, en Castela, un pai que tiña moitas fillas; unha delas comía moita carne: canta máis lle daban, máis comía. Un día o pai díxolle: Inda vaias comer carne cos lobos ó monte. Foi palabra maldita di o noso informante, que naquela noite desapareceu se saber que foi feito dela. Saíu e envorcallouse na area e volveuse unha fada. e unhas veces andaba de lobo e outras de muller. Foi desandando, desandando ata que chegou ó Cebreiro e ás Canellas de Agras de Tosende (Ourense). Por estes montes andou moito tempo de capitana dos lobos, facendo moitos estragos na facenda e na xente (esto cando estaba de lobo). O paradoiro era no monte do Cebreiro. Cando estaba de muller acendía o lume e xuntábanse os lobos darredor dela, e non lles deixaba facer mal ningún a ninguén. E unha vez que viñan os do sal de Portugal, cando o sal estaba estancado, os lobos quixéronse botar a eles para os comer, e ela non os deixou, dicíndolles: Quietos, deixádeos pasar.
Pois esas aldeas coñecíanas eu ben, e coñezo o Cebreiro e as Canellas de Agra. ¿E logo, como é para as coñecer? Pois tiven que andar por alí de fada, e fixen moitos estragos e por ningún tiven tanta pena como por un rapaz que comín, e eu estábao despedazando e el rindo cara min. E, pois, aínda se fala por alí desa fada e agora que se estaban moi a gusto dende que ela faltara.
|