|
Santa Mariña do Rosal. O Rosal (Pontevedra) Unha nena que andaba gardando as ovellas atopouse cunha señora que, ó seu lado, tiña un galiña con seis ou oito pitiños, que lle dixo: Vaite para a casa e pídelle a túa nai que che faga un pan sen sal. Se esto fai como cho pido, cando me entregues o corrolo esta galiña e estes poliños converteranse en ouro e será para ti. A nena, medio asustada e sen perder tempo foi a súa casa e díxolle á nai que lle fixera un corrolo sen sal. Pero a nai preguntoulle para quen o quería, e díxolle que non lle fora con traballos nin toleadas, pois o pan sen sal sabe mal. A nena insistiu e a nai fíxose forte, ata que a nena tivo que dicirlle a verdade. Entón, esa noite, a nai, que nese momento estaba amasando pan para a casa, da mesma masa fíxolle un corrolo, meteuno no forno e, tan pronto como estivo cocido, deullo á nena, que saíu correndo cara o lugar onde se encontraba aquela señora descoñecida. Cando chegou ó lugar onde estaba aquel gran tesouro, díxolle a señora: Canto o sinto, botaches todo a perder; non fixeches o que che mandei. E nese intre ela e mais o tesouro escaparon da vista da nena.
|