|
A Franqueira. A Cañiza (Pontevedra) Conta a tradición, aínda que sen fixar a data, que unha pobre anciá acostumaba a apacentar o su gando nun cerro daqueles contornos que desde entón recibe o nome de 'O Coto da Vella'; e unha noite, ó recoller o seu curto rebaño, un vivísimo resplandor iluminou a parte máis escabrosa do monte e, entre un forte grupo de penedos e malezas, viron os seus abraiados ollos unha fermosísima imaxe da Virxe María. Difundida rápidamente por toda a comarca a noticia do prodixioso achado, aquelas sinxelas xentes adoraron, devotamente, a imaxe que os acababa de enriquecer coa súa protección, e determinaron fabricar unha ermida no mesmo luga da súa aparición, que era, precisamente, o límite de dous termos distintos, hoxe Luneda e Franqueira. A desigualdade do terreo facía imposible calquera construcción e, engade a lenda, que esta dificultade suscitou unha disputa entre as dúas aldeas, pretendendo cada unha delas que radicaban no seu termo as pedras que servían de escano e pedestal á virxe e que lles correspondía a súa posesión. Para dirimir a cuestión acordaron colocar a santa imaxe coas pedras que calcaban as súas divinas plantas, nun carro do país e que varias xugadas de bois de distintos lugares limítrofes, cos ollos vendados e sen guía, marchasen nalgunha dirección que decidise o lugar de colocación da ermida. Naquel terreo abrupto e de difícil acceso, os animais deron varias voltas e revoltas estimulados po-lo aguillón ata que franquearon a saída e tomaron o camiño máis franco cara ó lugar que despois se denominou Franqueira. Por tradición, as xentes veñen sinalando como detalles que confirman esta lenda, a coroa da Virxe que aparece grabada no penedo que serve de teito á sagrada cova e a profunda fendedura producida po-la pegada dun carro que se observa na pena que pavimenta parte do corredor da entrada.
|