|
Campolongo. San Salvador de Coruxo. Vigo (Pontevedra) Ía un mozo po-lo monte, cando, ó chegar ó lugar chamado Coto da Moura, viu unha muller fermosísima, que estaba a peitearse riba dun penedo. O xove, tomtalmente enamorado da beleza da moura díxolle: ¿Que fas aquí no medio do monte? Vente comigo para a miña casa. Ela respondeulle: ¡Que máis quixera eu! Pero non podo sair deste coto porque estou encantada. ¿Encantada?, ¿e que hai que facer para rompe-lo encantamento? É moi sinxelo. Vou meterme no coto e vou sair transformada nunha serpe. Subirei por ti e, se non dis "Deus", volarei para o interior, sairei como son, xunto cun carro cheo de ouro, e marcharei contigo. O mozo de contado dixolle que sí. A muller entrou no coto e, de alí a pouco, saiu unha grandísima serpe que foi subíndo po-las pernas do mozo. O xove cría afogar por momentos e, en canto lle subiu ó peito, non podendo soportar máis, dixo: ¡Ai, meu Deus! Entón a serpe a toda presa meteuse no coto. Foi entrar a transmutada moza e escoitarse un gran ruido, un grande estampido no seu interior que fixo tremer o monte enteiro. Aquela foi a última vez que se viu á moura.
|