|
A Santa Compaña quizais sexa, unha das crenzas míticas máis arraigadas
no rural galego. Coñécese tamén en Galicia con varios nomes: Estadea,
Estantiga, Rolda, As da noite, Pantalla, Avisóns, Pantaruxada. Todos eles
son termos que nos indican a presencia dun colectivo de mortos no mundo
dos vivos. Só quedará liberado cando encontre outra persoa a quen lle entrega-la cruz e o caldeiro. Para se salvar desta obrigación a persoa que vexa pasa-la Santa Compaña debe trazar un círculo no chan e meterse dentro del ou ben botarse boca abaixo. Aínda que na maioría das historias sobre a Santa Compaña esta realiza a súas aparicións de noite, tamén hai casos citados nos que se fala de saídas diúrnas. A persoa viva que precede a procesión pode ser home ou muller, dependendo se o patrón da súa parroquia é santo ou santa. En definitiva, considérase a Santa Compaña como unha anunciadora da morte. A súa misión é visitar todas aquelas casas nas que axiña haberá un pasamento. Dentro nas crenzas galegas, existe tamén outra procesión moi semellante á Santa Compaña pero que se diferencia desta en que non son pantasmas de mortos os que van nela, senón pantasmas de individuos vivos. Leva o nome de "procesión das Xans. Marchan en dúas fileiras e levan un cadaleito. Canto máis á beira do cadaleito vaian os membros das ringleiras, máis axiña morren. Os que van máis lonxe poden tardar ata tres ou catro anos. Quen atopa esta procesión, vea, mais non a sente. O encontro case sempre se dá nas encrucilladas dos camiños, onde é costume deterse cos defuntos para que os cregos boten responsos. Se o que a atopa é amigo dos que van na procesión, o único que fan con el é levalo polo aire a outra parte; se é inimigo, danlle unha gran malleira e arrástrano polas silveiras. Son poucas as persoas que ven a procesión das Xans, pois para iso precisa posuír unha destas condicións: que o padriño de quen a ve, rezase mal o credo cando o bautizaron, ou que o crego cambiase os santos óleos confundindo os da extrema unción cos do bautismo. Tal erro pódese remediar bautizándose de novo. Ó impresionante culto dos mortos ou dos devanceiros únese en Galicia a crenza das almas en pena, da ánimas peregrinas, que integran a Santa Compaña; por iso en moitas encrucilladas dos camiños se erguen os cruceiros e os petos de ánimas onde se depositan as ofrendas piadosas en tributo ós que xa están na eternidade.
|