O AREAL

Este proxecto implica o aterramento de 208.000 m2, según o estudio ambiental remitido polo Ministerio de Medio Ambiente dentro da fase habitual de consultas. O proxecto implica o vertido de 3.189.530 m3 de material de recheo, de procedencia deliberadamente indeterminada para que sexa posible solucionar un problema acuciante na cidade, a eliminación de restos de desterros de estradas e de todo tipo de obras públicas e privadas.

Un efecto sobre o que teñen chamado a atención expertos da Universidade, do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e do Instituto Español de Oceanografía, radicados na cidade de Vigo, é a remoción e dragado de aproximadamente 35.000 m3 de fangos que require a obra. O Informe 2000 do Observatorio Medioambiental da Ría de Vigo (Fundación ProVIgo, 2001) recoñece as concentracións elevadas de contaminantes de moi diversa natureza que conteñen estes fangos (organoclorados, hidrocarburos, metais pesados, etc.) propias, por outro lado, de zonas de elevado tráfico marítimo. O informe do Ministerio recoñece que o dragado implicaría a posta en suspensión e o esparcimento pola ría de, como mínimo o 5% do material dragado, ata uns 5 km de radio de expansión. O efecto sobre a fauna mariña é moi grave, co risco engadido de que estes contaminantes de natureza acumulativa se introduzan na cadea alimentaria e cheguen ata os seres humanos que os consumimos.

A discusión que se ten xerado en torno a unha obra de tanta envergadura xira en torno a necesidade da mesma. Dende a autoridade portuaria adúcese como obxectivo a búsqueda de línea de atraque para buques de gran calado. Esta xustificación non se mantén pois en realidade perderíase un 38% de línea de atraque con respecto á situación actual do muelle transversal, que quedaría devorado polo futuro aterramento. Dacordo cos planos que acompañan a memoria do proxecto, o novo muelle disporá de dúas vertentes, unha de 710 metros e outra de 250. Estos 960 metros suporán unha perda de máis de 600 metros lineais de línea de atraque respecto ós 1.550 metros de lonxitude aproximada actual.

A maiores, a necesidade de calado para o atraque de grandes buques que aparece no proxecto, atópase dispoñible en estructuras portuarias actuais do porto de Vigo e que non están sendo utilizadas para tal fin. O impacto ambiental e social sería moito menor se se adecuasen instalacións existentes pois coa ampliación do muelle do Berbés, onde está situada a lonxa, se acada ata 20 metros de calado e ten 750 metros de línea de atraque. Só requeriría acondionar a escolleira exterior, facéndoa muelle.

Tamén afirma a autoridade portuaria que se pretende gañar superficie para zona de maniobra e almacenamento e ésta pode ser a verdadeira razón de ser do proxecto. Estando a punto de realizarse un proxecto de Porto Seco para o almacenamento de mercancías do porto de Vigo, que proporcionará 4.000.000 de m2 de superficie de almacenamento, non parece que vaia ser necesario un novo recheo co mesmo fin. Non é necesario que se establezan fábricas ou se almacenen materiais no Porto tendo a posibilidade de facelo terra adentro. Pero pode ser necesario se o que se persigue é o beneficio económico. Así, o último práctico do porto declara que o que busca a autoridade portuaria é gañar metros cuadrados na zona onde se cobran maiores tarifas ós consignatarios, pois no Porto Seco de Salvaterra o diñeiro non irá directamente ás arcas do Porto senón a un consorcio. Esto non é máis que unha continuación da línea contemporánea de actuación, na cal se ubican en instalacións portuarias empresas alleas á actividade do porto, como almacéns de construcción, conserveiras ou distribuidoras, que deberían estar en polígonos industriais pero que están ahí porque representan unha fonte de ingresos para a autoridade portuaria.

O recheo en cuestión sería dunha magnitude equivalente a 30 campos de futbol coma o de Balaídos, ocupando unha superficie similar á do centro da cidade de Vigo. Ademais, permitese almacenar ata cinco alturas de contenedores de 2,5 metros cada un, polo que un sinxelo cálculo infórmanos de que a altura total do almacenamento pode acadar os 12,5 metros. ¿Cál é a consecuencia? Que para ver o mar dende Vigo haberá que subir ó monte de O Castro, pois unha vez realizado o proxecto previsto, non será posible acceder á costa dende ningún lugar do centro da cidade.

En definitiva, non atopamos ningún argumento xustificativo da necesidade dun recheo de semellantes dimensiones e sí podemos predecir consecuencias importantes e irreversibles do mesmo. Debemos lembrar, para ilustrar a riqueza ecolóxica da Ría de Vigo que nela atópanse 5 dos 21 espacios litorais incluídos na proposta galega de espazos para a Rede Natura 2000 (Xunta de Galicia, abril de 2000). Estes son Cabo Udra (no Morrazo), Costa da Vela, Enseada de San Simón, Illas Cíes e A Ramallosa. Asímismo existe riqueza arqueolóxica importante en Rande, 31 navios fundidos hai 300 anos e aínda sen recuperar. Todo o anterior sen contar co sector pesqueiro, marisqueiro, turístico e deportivo que sufren directamente todos os cambios que no ecosistema da ría se poidan producir.

Tanto neste como nos outros proxectos en trámite, vimos esixindo dos responsables municipais e portuarios unha planifiación global, que contemple o carácter único e unitario da Ría de Vigo. É necesario un plantexamento integral de cómo queremos que sexa a nosa cidade, e que intente equilibrar o desenvolvemento económico, o disfrute social da costa e o mantemento da riqueza natural.

María Xosé Vázquez Rodríguez

INFORMES REMITIDOS Ó MINISTERIO DE MEDIO AMBIENTE SOBRE O RECHEO DO AREAL
   
Informe de ADEGA Vigo Informe da Cofradía de Pescadores San Francisco
Informe do Instituto Español de Oceanografía Informe do Concello de Vigo
Informe do Instituto de Investigacións Mariñas Documento de Voces polo Litoral de Teis
   
   
ACCIÓNS PARLAMENTARIAS DAS QUE TEMOS COÑECEMENTO
Pregunta de Guillerme Vázquez a Mesa do Congreso Pregunta de Guillerme Vázquez a Mesa do Congreso
Pregunta de Guillerme Vázquez a Mesa do Congreso  
   
   
   

 

1