|
Desde Raiceiros buscámo-la
permanencia no tempo do noso patrimonio cultural, para uso e
goce das xeracións presentes e futuras, respectando a
especificidade de cada ben -as formas de expresión , a
tradición oral, a música, o baile, a indumentaria,
a gastronomía, a artesanía-, así como a
súa significación e os seus valores como obxecto,
documento e significado da nosa sociedade.
Organizamos actividades para que a mocidade adquira conciencia
da importancia que ten calquera manifestación da tradición
do seu pobo, do sentido que estas tradicións lle confiren
ó seu pasado, de cómo o condicionou e de cómo
condicionan o seu futuro. Consideramos que é preciso que
nos sintamos orgullosos do propio, respectémo-lo alleo
e ó tempo, coñezámo-lo enriquecedor do intercambio
cultural entre pobos.
Pretendemos motiva-lo desenvolvemento
dunha conciencia social para favorece-la conservación
e defensa do noso patrimonio cultural. Para iso, a recuperación,
o mantemento, a promoción e a renovación da nosa
cultura popular son elementos esenciais desta particular travesía.
Un dos proxectos que mellor
reflicten a filosofía de actuación de Raiceiros
diríxese cara á creación dun centro de recursos,
co fin de servir de apoio para as persoas que teñen interese
no duro pero necesario traballo de recolleita de campo, dotándose
para iso do material necesario e facilitándollo ós
seus membros e colaboradores.
Actualmente a nosa actividade
céntrase na parte de difusión do Proxecto de "Recuperación
da Requinta da Ulla", unha iniciativa de grupo subvencionada
polo "Programa de acción comunitaria Xuventude"
da Comunidade Europea. Está orientado á recuperación,
difusión e valorización deste instrumento característico
da comarca natural galega do mesmo nome.
Paralelamente trabállase
na publicación dunha guía sobre o Val do Ulla,
da que se agarda que poida estar rematada para o ano 2004.
|

Concerto con requinta en febreiro
de 2002 (c) H. Neira
|