raiceiros.org

WEB DA ASOCIACIÓN RAICEIROS

 

  Buscar nesta web:

 
proporcionado por FreeFind

 
 Quén somos
 Qué facemos
 Ónde estamos

 Escríbanos

 Proxectos
 Museo Virtual

 Non deixe de ler...

 Novas

 Escoite o son da requinta

 Asine no libro de visitas

 Esta web

 Outras webs

(c) Asociación Xuvenil Raiceiros 2003. Web creada en maio de 2002  

  

Web subvencionada por:

 

NOVAS

________________________________________________________

ALGUNHAS ACTIVIDADES DE 2004 E 2005:

Xornadas arredor da requinta en Mollet del Vallès

Membros de Raiceiros acompañaron os integrantes de A Gaita de Sarandón e de A Requinta da Laxeira nas xornadas arredor da requinta que se desenvolveron os días 15 e 16 de outubro do 2005 en Mollet del Vallès (Barcelona), organizadas pola Irmandade A Nosa Galiza. Nas xornadas, de asistencia libre, proxectouse o documental Requinteiros. Músicos da Ulla” e realizouse unha mostra-concerto. Ademais, os membros de A Gaita de Sarandón e de A Requinta da Laxeira participaron na inauguración dun busto de homenaxe a Rosalía na praza de Padrón de Mollet.

A requinta en Brión e Arzúa

Raiceiros celebrou unha Xornada arredor da requinta na Casa da Cultura de Brión (A Coruña) o xoves 16 de decembro do 2004 pola noite. No acto, de asistencia libre, proxectouse o documental Requinteiros. Músicos da Ulla” e realizouse unha breve mostra-concerto. Raiceiros celebrou unha Xornada arredor da requinta na Casa da Cultura de Arzúa (A Coruña) o venres 29 de outubro pola noite. No acto proxectouse o documental Requinteiros. Músicos da Ulla” e realizouse unha breve mostra-concerto.

Raiceiros na Arxentina

A Asociación Raiceiros estivo entre o 29 de setembro e o 12 de outubro do 2004 en Bos Aires, onde desenvolveu diversas actividades.  

PROMOCIÓN DA REQUINTA

O motivo fundamental da viaxe foi a realización de actividades de promoción da requinta, unha frauta traveseira construída en madeira que se toca na zona da Ulla desde o ano 1800 aproximadamente e da que hai hoxe en día moi poucos intérpretes. A Asociación Raiceiros ten desde finais do ano 2001 en marcha o Proxecto de Recuperación da Requinta, unha iniciativa coa que se busca a recompilación de información sobre este instrumento e, ó tempo, a difusión desa información.  

Neste sentido, a Asociación Raiceiros leva xa máis dun ano celebrando por toda Galicia as súas Xornadas Arredor da Requinta, que non son senón actos nos que se imparte unha charla inicial; se proxecta o documental “Requinteiros. Músicos da Ulla”, enteiramente realizado por membros desta entidade; e se realiza ó final unha breve mostra – concerto. Raiceiros levou xa estas Xornadas Arredor da Requinta a lugares como a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, a Capela do Hostal dos Reis Católicos, a sede do Consello da Cultura Galega no Pazo de Raxoi ou o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.

Na Arxentina, o concerto final destes actos correu a cargo de membros dos grupos A gaita de Sarandón, no que se integran Pepe e Marcelino (aínda que só Marcelino foi a Bos Aires), dous dos últimos vellos requinteiros en activo; e A requinta da Laxeira, grupo dependente da Asociación Cultural San Campio de San Miguel de Sarandón (Vedra) integrado por unha nova fornada de requinteiros.

O calendario destas xornadas foi o seguinte:

  • Sociedade Parroquial de Vedra na Arxentina, sábado 2 de outubro ás 19h.
  • Teatro Castelao, pertencente ó Centro Galego de Bos Aires, o venres 8 de outubro ás 20h.

Ademais realizáronse actividades sobre a requinta en particular e a música tradicional galega en xeral cos nenos do Colegio Gallego Santiago Apóstol o venres 8 de outubro, e actuacións musicais, das cales levou o peso o grupo A requinta da Laxeira, da Asociación Cultural San Campio, nos lugares e datas seguintes:

  • Xantar anual da Sociedade de Residentes do Municipio de Vedra, o domingo 3 de outubro.
  • Ruada organizada pola Sociedade Parroquial de Vedra na Arxentina, na sé da mesma, o sábado 9 de outubro.
  • Centro Galicia, o domingo 10 de outubro.

Tamén a parte de investigación do Proxecto de Recuperación da Requinta continuou na Arxentina xa que, coñecedores da existencia en Bos Aires e arredores de requintas e requinteiros, os membros de Raiceiros realizaron entrevistas con varios informantes e tiveron ocasión de fotografar e medir varios instrumentos.  

PROXECTO GUNDIÁN

No que atinxe á labor investigadora, os membros de Raiceiros achegáronse tamén ós emigrantes vedreses coa intención de recompilar datos para o seu Proxecto Gundián, un traballo co que pretenden recadar información sobre este lugar da parroquia de Ponte Ulla por onde cruza a famosa ponte do tren que é emblemática imaxe de Vedra. Ademais de pola ponte, o lugar é coñecido pola ermida e a romaría que nela se celebra en setembro; pola súa fermosa fraga (que pronto será atravesada pola liña ferroviaria de alta velocidade); pola misteriosa pasada existencia no lugar dun mosteiro do que non quedan vestixios físicos ningúns e moi poucos escritos; e, ademais, pola inxente cantidade de contos e lendas que sobre el existen.  

O Concello de Vedra organizou, a través da Sociedade Parroquial de Vedra na Arxentina, unhas clases de requinta impartidas polo veterano requinteiro Marcelino Brey, Marcelino do Muiñeiro.

A expedición contou co financiamento da Consellería de Emigración e co da Consellería de Cultura, esta a través do IGAEM, ademais do achegado polo Concello de Vedra.  

Premendo aquí pódese descargar un documento en PDF con máis datos. .

Pódese solicitar máis información escribindo a: raiceiros@yahoo.es

 

 

Xornada Arredor da Requinta o 11 de setembro en Cambre

O sábado 11 de setembro Raiceiros celebrou unha Xornada Arredor da Requinta na sede da Fundación Wenceslao Fernández Flórez en Cecebre (Cambre, A Coruña). No acto proxectouse o documental Requinteiros. Músicos da Ulla, e actuará A Gaita de Sarandón

Actividades na Baña, Ortigueira, Carcacía e Porto do Son

A Casa da Cultura da Baña acolleu o 2 de xullo a proxección do documental Requinteiros. Músicos da Ulla, que foi seguida dunha actuación do grupo A Requinta da Laxeira, da Asociación Cultural San Campio de San Miguel de Sarandón.

As Xornadas Arredor da Requinta de Raiceiros chegaron o 10 de xullo ó Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. No salón de actos do Centro Arqueolóxico Federico Maciñeira proxectouse o documental Requinteiros. Músicos da Ulla, e actuou A Gaita de Sarandón

En Carcacía (Padrón) Raiceiros participou o 11 de xullo na homenaxe a Xosé Bello, o último integrante do grupo A Requinta de Carcacía, quen se animou a tocar unhas pezas acompañando co bombo a músicos da parroquia (na imaxe baixo estas liñas) e mais ó grupo A Gaita de Sarandón

O domingo 25 de xullo Raiceiros celebrou unha Xornada Arredor da Requinta na Casa da Cultura de Porto do Son (A Coruña). Trala proxección do documental Requinteiros. Músicos da Ulla, actuou A Gaita de Sarandón e de seguido subiron ó escenario grupos de Porto do Son e Cedeira.

Seminario sobre recollida de tradición oral

O día 29 de maio, a profesora da Universidade de Santiago Carme Hermida impartiu un seminario sobre recollida de tradición oral para os socios e socias de Raiceiros. Tivo lugar no salón de actos da Casa dos Peóns, en Picón (San Pedro de Vilanova, Vedra), cedido para a ocasión polo Concello de Vedra. 

Raiceiros en París con A Requinta da Laxeira

O pasado 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, varios membros de Raiceiros desenvolveron no Auditorio Etienne Pernet de París unha Xornada arredor da requinta en colaboración co grupo A requinta da Laxeira, da Asociación Cultural San Campio de San Miguel de Sarandón. O acto, no que se proxectou o documental Requinteiros. Músicos da Ulla, foi organizado por A Nosa Casa de Galicia en París para conmemora-lo Día das Letras Galegas. 

Membros da Asociación Raiceiros e do grupo A Requinta da Laxeira estiveron no Auditorio Etienne Pernet de París o 16 de abril do 2004, nun acto organizado por A Nosa Casa de Galicia en París. Na imaxe, pola esquerda, Xerardo, Xose, David e Anxo (c) H. Neira 2004

Raiceiros en Dodro

A Asociación Raiceiros desenvolveu o 13 de maio unha Xornada arredor da requinta no colexio público de Dodro (A Coruña), na que se lles explicou a rapaces e rapazas de varios cursos as características desta peculiar frauta traveseira e dos grupos de música tradicional da Ulla.

Actividades en Santiago

Tres membros de Raiceiros participaron o pasado 4 de maio no seminario de cultura popular organizado dentro da XX Semana da Educación Crítica, que se desenvolveu na Facultade de Ciencias da Educación no campus sur compostelán No acto explicaron as actividades da asociación e o proxecto de recuperación da requinta da Ulla, ademais de presenta-lo documental Requinteiros. Músicos da Ulla.

Doutra banda, Raiceiros presentou o pasado mércores 21 de abril o vídeo Requinteiros. Músicos da Ulla na sede do Consello da Cultura Galega. Foi no salón de actos do Consello, no compostelán Pazo de Raxoi, no marco do congreso Galicia-Irlanda. Ademais ofreceuse unha charla sobre a requinta e unha actuación do grupo de requinteiros A Gaita de Sarandón (na imaxe inferior), que incorporou varios membros do grupo A Requinta da Laxeira.


Raiceiros e A Gaita de Sarandón estiveron no Consello da Cultura Galega o 21 de abril do 2004 (c) H. Neira 2004

Raiceiros contra o terrorismo

A Asociación Raiceiros quere mostrarse contraria a todo tipo de terrorismo. Como homenaxe ás víctimas ofrece estas imaxes tomadas en Madrid os días 11 e 12 de marzo do 2004 por un membro de Raiceiros:

1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8

 

NOVAS DO 2003

________________________________________________________

Raiceiros en Madrid

Membros da Asociación Xuvenil Raiceiros participaron o 2 de outubro do 2003 en Madrid, no "Encontro Xoves en Acción" organizado polo Instituto da Xuventude (Injuve). Neste encontro participantes de toda España no Programa Xuventude compartiron as súas experiencias. Raiceiros presentou un relatorio sobre a súa iniciativa Recuperación da requinta. O encontro celebrouse no marco da Semana Europea da Xuventude, do 29 de setembro ó 5 de outubro do 2003, baixo o lema "Xoves en acción" e pretende dar a coñecer o Programa Xuventude. Pódese atopar máis información en www.jovenesenaccion.com e www.mtas.es/injuve

Centenario da morte de Marcial Valladares

No 2003 cumpríronse cen anos da morte do escritor de Berres Marcial Valladares, quen faleceu o 20 de maio de 1903. Con tal motivo, o Concello da Estrada dedicoulle o ano 2003 a este persoeiro das letras galegas, que foi homenaxeado con distintas actividades.

Raiceiros amósalle-lo seu traballo a estudiantes da Universidade de Santiago

O día 7 de maio de 2003 unha representación de Raiceiros participou nun seminario da Semana da Educación Crítica na Universidade de Santiago de Compostela. O obxecto do seminario foi explica-lo labor de Raiceiros e amosar cómo unha asociación pode traballar no eido cultural, e o máis importante, difundir despois os resultados das súas actividades e promocionar así a cultura en distintos ámbitos.

 

Presentación do vídeo sobre a requinta da Ulla

A Asociación Xuvenil Raiceiros de San Miguel de Sarandón (Vedra, A Coruña) celebrou o xoves 9 de xaneiro de 2003 no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela o acto de clausura da primeira fase do Proxecto de Recuperación da Requinta, coa presentación do documental titulado Requinteiros. Músicos da Ulla.

Trala presentación realizada pola mañá para os medios de comunicación, ás 19.00 horas empezou o acto destinado ó público en xeral, cunha explicación do realizado no proxecto, a proxección do documental e a actuación de Pepe e Marcelino (os dous últimos vellos requinteiros) acompañados por membros da A.X. Raiceiros. Tamén participou José Bello, bombeiro, que é o derradeiro membro vivo do grupo A requinta de Carcacía.

 

A ASOCIACIÓN XUVENIL RAICEIROS

A Asociación Xuvenil Raiceiros é unha organización sen ánimo de lucro dedicada non só á investigación etnográfica (fundamentalmente etnomusicolóxica) senón tamén á difusión dos coñecementos que recolle. Esta asociación pretende servir de apoio para a xente que ten interese no duro pero necesario traballo da recolleita de campo, dotándose para iso do material necesario e facilitándollelo ós seus colaboradores, servindo así como concentradora e coordinadora dos esforzos de todos eles. Nese sentido, Raiceiros vén desenvolvendo desde comezos do 2002 o Proxecto de Recuperación da Requinta da Ulla, unha iniciativa subvencionada polo Programa Acción Comunitaria Xuventude da Comunidade Europea.

 

O PROXECTO DE RECUPERACIÓN DA REQUINTA DA ULLA

O proxecto comezou coa recolleita de información acerca desta peculiar frauta traveseira da que case non quedan intérpretes e que se toca só na zona da Ulla (aínda que o termo requinta se estendeu impropiamente pasando a denominar tamén ó resto das frautas traveseiras galegas). O interese desta asociación é difundir os datos recompilados sobre a requinta e tentar así que as novas xeracións retomen o uso deste instrumento.

A requinta é unha frauta traveseira clásica que ten as medidas das frautas clásicas en Fa pero que afina en Fa # (Fa sostido) na escala na que é tocada. Este tipo de frauta chegou á zona da Ulla probablemente a inicios do século XIX desde o centro de Europa (Francia ou Alemaña son quizais os seus países de orixe) e foi integrada nos grupos de gaitas da zona a mediados/finais dese século, chegando estas agrupacións a adoptar para si mesmas o nome do instrumento (había por exemplo grupos como A requinta de Carcacía ou A requinta de Lampai). A composición máis habitual destes grupos era a de dúas gaitas, dúas requintas, caixa (tambor) e bombo, aínda que se deron moitísimas variantes.

O proxecto engloba pois actividades tan diversas como as que a continuación se detallan:
* Entrevistas cos vellos requinteiros, coas familias dos requinteiros xa falecidos, con integrantes de agrupacións nas cales se tocaba a requinta... con calquera, en fin, que poida aportar un dato acerca deste instrumento.
* Gravación destas entrevistas tanto en formato de audio como de vídeo, procurando en ambos algún tipo de formato profesional/semi-profesional.
* Confección de censos de músicos, instrumentos e pezas musicais.
* Recuperación de instrumentos antigos (en especial requintas) e medición e fotografado dos mesmos, así como confección de planos dixitais (elaborados en AutoCad) en base ás medidas tomadas.
* Recuperación, catalogación e paso a formato dixital de fotografías antigas.

Foto de 1916 da gaita do 'Pavero' de Orazo (A Estrada). Á esquerda vese un requinteiro


* Elaboración de partituras en formato dixital das pezas recollidas.
* Edición de dípticos, carteis e material diverso encamiñado á promoción deste instrumento.
* Charlas divulgativas e exposicións en colexios, centros culturais, etc..
*Colaboración estreita cos artesáns interesados na construcción de requintas e de instrumentos antigos para lle facilita-la información recollida e así promover que se retome a confección das mesmas segundo os vellos patróns.
* Elaboración do documental Requinteiros. Músicos da Ulla, e difusión do mesmo por tódolos medios posibles para a promoción da requinta.

Poden solicitarnos información escribindo ó correo electrónico raiceiros@yahoo.es

NOVAS DO 2002

________________________________________________________

I Mostra Activa de Fotografía

Os días 5 e 6 de outubro de 2002, Raiceiros organizou, en colaboración coa asociación Ullán, de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) a I Mostra Activa de Fotografía, na que se amosaron imaxes do fotógrafo desa parroquia Jesús Mougán Castelao, co obxecto de que as persoas que visitaran a mostra axudaran a identifica-las retratadas. Ducias de familias achegáronse á Casa da Cultura de Ortigueira, en Santa Cruz, nas dúas xornadas.

Xornada arredor da requinta

Data de celebración: 22 de setembro de 2002

Lugar: Centro Sociocultural da Gracia (Santiago de Compostela)

Realizouse unha mostra de fotografías e instrumentos antigos e unha conferencia co título "A requinta, un instrumento da Ulla".

Actuación na Baña (A Coruña)

O Grupo de Música Tradicional de Requintas Raiceiros participou o pasado 7 de setembro de 2002 no I Festival de Música e Baile Tradicional da Baña.

Vídeo didáctico

O Instituto da Xuventude (Injuve) elaborou un vídeo didáctico sobre a acción 3 do Programa Xuventude: Iniciativas de Grupos da Comunidade Europea. O título é "Toma a Iniciativa". Este vídeo amosa o traballo de diferentes grupos de mozos e mozas en proxectos xuvenís. Para a producción do mesmo, a Axencia Nacional Española escolleu un total de cinco Iniciativas de Grupo en toda España. Entre os proxectos seleccionados atópase o promovido por esta asociación, Raiceiros, un proxecto sobre "Recuperación da requinta da Ulla ".


Un equipo de profesores das universidades de Navarra e Granada visitáronnos no mes de abril, durante a Semana Santa, coa finalidade de realiza-las gravacións oportunas para a posterior realización. A este proxecto hai que engadirlle catro máis: en Boqueixón (A Coruña) para o " acondicionamento de muíños de auga"; en Valverde (Huelva ) para a"recuperación de instrumentos antigos empregados na repostería popular"; en Toledo, un "obradoiro de medio ambiente baseado na recollida selectiva de botes para trata-lo aluminio" e en Pamplona para "a elaboración de xigantes e cabezudos".


Este vídeo é unha mostra significativa do enorme abano de posibilidades que lle ofrece esta acción á mocidade que desexe "toma-la iniciativa".

 

setstats

1

 

setstats 1 1