Lingua caucásica do grupo abxasio-adigué
A pesar do sentimento de unidade lingüístico-cultural, o circasiano, presenta dúas linguas literarias: o cabardino e o adigué, pero todos os circasianos se refiren á súa lingua como adige bze ( адыгэбзэ )
Inglés: Circassian
Ruso: Адыгейский
Turco: Çerkess
3.000.000 circasianos de orixe asentados en 52 países conforman a diáspora circasiana orixinada no 1864
Occidental:
Oriental:
POBOACIÓN
129.000 circasianos occidentais:
Área de Shapsug: entre 1921 e o 41 existiu unha área autónoma Shapsug, agora preténdese que sexa reinstaurada
Publicación:s.
Arredor de 1830 eran 300.000
61.000 Cherkés: 50.000 na República de Carachai-Cherquesia: o que representa o11'3% do total da poboación, concentrados no norte
520.000 cabardinos: 500.000 na República de Cabardina-Balcaria, o 48.2% do total da poboación.
Turquía: 1.000.000-2.000.000 circasianos de orixe ( 300.000 en Estambul ), pero só unha parte fala a lingua, concentrados en determinadas provincias as comunidades rurais manteñen ben a lingua, pero nas cidades a xeración máis nova é monolingüe en turco: 70-130.000 ata 1.200.000 (as cifras varian enormenente segundo as fontes consultadas, pero a realidade semella estar máis preto da última)
O período máis produtivo foi entre 1908-18 no que se publican varios alfabetos de base latina e árabe e se publican libros e revistas, e mesmo se chega a abrir unha escola para rapazas en Estambul. Despois da Primeira Guerra Mundial fíxose imposible manter as súas propias organizacións culturais, prensa, editoriais, ensino ata moi recentemente no que o réxime turco permitiu unha tímida apertura para as minorías nacionais, ademais a caída do Imperio soviético posibilitou o contacto cos circasianos residentes no Cáucaso- visitas turíscas aos lugares de orixe, importación de libros circasianos, actuación de grupos musicais, conferencias de intelectuais- afortalando as ataxentas entre os circasianos de Turquía e do Cáucaso
A Federación de Asociacións Circasianas é a maior organización circasiana en Turquía, agrupa a case 100 organizacións circasianas e caucásicas, dende 2004 publica Guaze, o seu órgano oficial.
Provincias nas que hai máis asentamentos: Samsun, Tokat, Sivas, Kayseri, Adana, Kahramanmaras, Hatay, Çorum, Sakarya, Duezce, Balikesir, Bursa, Ekisehir, Çanakkale
Xordania: 50.000-125.000
No 1878 chega a primeira vaga de refuxiados, shapshugs, establéceronse nas antigas ruínas de Ammán, foron seguidos polos cabardinos asentados en Ammán, Jerash, Sweileh e Russeifa, os abhaz asentaronse en Wadi-Sseer e N'aur. En total unhas 3.500 persoas.
Arredor de 1921 Amman era unha cidade maioritariamente poboada por circasianos (de feito foron eles a que a reconstruíron), o resto dos circasianos vivían maioritariamente en vilas circasianas, pero axiña se produciu unha rápida asimiliación dentro da sociedade árabe-xordana. Hoxe tan só o 17% dos mozos circasianos falan a lingua.
A Asociación de Caridade Circasiana, fundada no 1932 edita a revista Nart e rexe unha escola ( Emir Hamza) na que se estuda a lingua e cultura circasiana de xeito voluntario, os profesores son do Cáucaso, recentemente foi inaugurado un xardín de Infancia en Wadi-Sseer, co circasiano como lingua de instrución. Existen programas de radio na lingua..
Csaban Kube, creador dun alfabeto circasiano de base latina.
A garda real xordana está formada por circasianos.
Siria: 40.000,
Os primeiros exilados chegan no 1872 e se establecen en Hama, Humus e os Altos do Golán, non eran máis de 1.000. No 1878 chega a segunda vaga, 1.200 procendente dos Balcáns, tamén se asentan en Hama e Humus, diferentes grupos chegan a Siria con posterioridade chegando a ser 70.000 arredor de 1900. A mairoría son Abzah
Os intelectuais circasianos contra o 1920 fixeron unha considerable contribución para revitalizar a cultura, ao tempo que se intenta crear unha rexión autónoma circasiana na área de Kuneitra (onde hai 9 vilas circasianas). No 1927 fúndase a Sociedade Circasiana para a Educación e a Cultura, no 1928 sae o semanario Marge en Damasco empregando o alfabeto latino,no 1933 establécese a primeira escola primaria circasiana, chegando a haber 40, a maioría na rexión de Kuneitra, para as que se editaron numerosos folletos e libros de texto. Pero as autoridades sirias acabaron ilegalizando a Sociedade, so tempo que pechaba o semanario e as escolas. no 1936, aínda que o ensino da lingua nas escolas se mantivo ata 1950. A proximidade ideolóxica entre os gobernos de Siria e a Unión Soviética permitiu que libros, xornais, discos do Cáucaso fosen introducidos en Siria, sobre todo entre 1960 e 1970. Hoxe a lingua está moi viva no ámbito familiar, e no ensino secundario se estuda o circasiano na escrita cirílica, pero non hai xornais ou libros editados en Siria
Nos Altos do Golán había 12 vilas antes da guerra árabe-israelí, pero tras a ocupación israelí marcharon a Damasco, a mediados dos 70 os Estados Unidos permiten que unha parte emigre cara este país.
Iraq: 20.000
Debido á inestabilidade que vive este país non se coñece moito desta colectividade, é posible que no futuro tenten a volta ao Cáucaso.
Irán
Comunidade asentada en Tabriz
Israel: 3,000
Os circasianos vien en dúas vilas, fundadas arredor de 1870:
Ensino primario en circasiano, alfabeto cirílico
Macedonia: unhas poucas vilas
Cosova 1.000
Antes da guerra serbio-turca de 1877-8 eran 12.000, coa derrota turca a inmensa maioría dos circasianos tivo que deixar os Balcáns, no 1924-9 tan só eran 250. Hoxe arredor de 1.000 en 5 vilas: Gornje Stanovce, Donje Stanovce, Velika Reka e Milosevo
Estados Unidos: 5.000
Os primeiros circasianos chegaron aos Estados Unidos en 1923, procedentes de Turquía. Despois da guerra árabe-israelí circasianos procedentes de Siria se asentas nos Estados Unidos. Os principais núcleos onde residen son: Paterson ( Wayne: zonas deHaledon e Prospect Park): Nova Jersey, onde a lingua está moi viva entre os case 5000 circasianos, Condado de Orange, California, onde residen 200, unha pequena comunidade de 12 familia habita a cidade de Seattle.
A Circassian Benevolent Association é a gran dinamizadora cultural da comunidade.
Alemaña: 10.000
A partir de 1960 comezan a chegar emigrantes circasianos procedentes da diáspora turca, as concentracións máis importantes están en Munich, Hamburgo, Hanover, Colonia, Bremen e Wuppertal.
En 1968 os circasianos de Munich crean a primeira asociación cultural caucásica, e no 1974 créase en Schwelm a primeira asociación circasiana en Alemaña.
No 2004 créase a Federación de Asociacións Circasianas na Unión Europea.
Holanda: 1.000
Dinamarca: 150
Francia: 150
Concentrados en París e Lyon
Libia 15.000
Comunidade moi arabizada, establecida aquí despois da matanza de 1811,(matanza de 1.000 nobres circasianos por Mehmet Alí Pasha en Exipto). Perderon a lingua hai varias xeracións.
Uns 10.000 viven na denominada rexión circasiana, preto de Mısrata. Outros 5000 viven en Ra'su Abide en Benghazi.
ESCRITA E LITERATURA
Evely Çelevi inclúe na súa obra, arredor de 1640, un glosario e frases en circasiano, o que constitúe a primeira mostra coñecida da lingua, posteriormente en 1770-3 Johann Anton Güldenstädt fai una recolleita de palabras, publicadas entre 1787 e 1791
No século XIX é cando comezan os propios falantes a se preocupar por escribir a súa lingua, así o cabardino Shora Nogma (1801-44) foi o primeiro en deseñar un alfabeto, de base cirílica, para elaborar un dicionario e unha gramática da súa fala materna, pero non foi publicado ata 1956-9, polo que non tivo predicamento, e foi o alfabeto árabe o empregado nesta época, en especial no seu Dicionario da lingua circasiana publicado por Loewe en 1854, aínda que incluía transcrición latina, en 1855 Bersey Omar estableceu un alfabeto de base árabe.
As autoridades soviéticas estableceron dúas formas literarias para a lingua, un baseado no dialecto termigoi para a variedade occidental e outro baseado no cabardino para a variedade oriental, primeiro escritas con carácteres árabes, pero axiña mudaron para o alfabeto latino: o cabardino no 1924 e o adigué no 1928, e de novo cambiaron desta vez ao cirílico en 1936 o cabardino e no 1938 o adigué. No 1941 Jakovlev elaborou a gramática estándar do adigué e no 1948 a do cabardino. Os dous alfabeto son moi diferentes, e na actualidade analízase a posibilidade de empregar un alfabeto romano común, sobre todo pensando en que poida ser utilizado tamén polos circasianos de Turquía.
Os circasianos da diáspora tamén ensaiaron diversas grafías, tal fixo Harun Batequ para o dialecto Bzhedugh en 1912, usado ata 1940 en Turquía e Siria nalgunhas publicacións. En Turquía tamén Muxamed Pchegatluka (1910) e Tym Xadzhi con Edychko-Seina (1918) crearon outras escritas de base latina. En Siria, Kube Csaban Gebelli creou a súa propia escrita baseada no traballo feito en Turquía. Máis recentemente(2001) Amjad Jaimoukha usou unha nova escrita latina para o cabardino nalgunhas publicacións editadas en Xordania.
Entre 1920 e 1930 na Circasia soviética os clásicos rusos e marxistas: Tolstoi, Gorki, Marx, Lenin... comezan a ser traducidos ás dúas linguas literarias circasianas, ao tempo que se publican materiais para o ensino e se emprega a lingua en asuntos oficiais, creando as condicións para a aparición dunha literatura propia, aínda que con temas sovietizantes.Dawud Ashkhamaf (1897-1946) é o pai da literatura circasiana En 1934 fúndase a Organización de escritores adigués, presidida por Tembot Kerashev. Entre 1930 e 1943 aparecen gran número de autores novos: Yusuf Tlyusten-creador da narrativa adigué-, Asker Yevtykh, Dmitriy Kostanov, Khusen Andrukhayev, Cirimize Zhane, Adylgirey Udzhukhu, Khal Udzhukhu, Dyshech Tuguz, Safer Yakhutl, Asker Gadagatl; os temas diversifícanse, aínda que con predominio dos sociais e realísticos, típicos da literatura soviética da época de Stalin.
Durante a Segunda Guerra Mundial paralízase toda a actividade literaria, os escritores participan na guerra, algúns morren nela. Coa fin do conflito o tema central da literatura é o heroe de guerra (case un monotema), sustituído posteriormente pola monótona literatura do Kholjoz, coa súa ausencia de conflitos e o seu eterno progreso. A renovación ven da man de Tembot Kerashev, coas súas novelas sobre o pasado do pobo adigué e necesidade de compresión dos feitos humanos nos conflitos, este foi o camiño seguido por Yevtykh nos seus relatos e novelas. A fins do 1950-60 novos temas e camiños, Khazret Ashinov, Xamid Beretar, Iskhak Mashbash na poesía, este último tamén renovador da novela. Alim Keshokov (1914-) é o gran poeta cabardo, autor de máis de 20 libros de poesía.
ENSINO
Nas tres repúblicas rusas onde o circasiano é lingua oficial ensínase como materia obrigatoria para os circasianos, pero non é lingua vehicular do ensino, agás nos primeiros niveis. No krai de Krasnodar ensínase como materia voluntaria nas vilas dos Shapsugs, pero as autoridades educativas locais non teñen moito interese en aumentar o número de profesores nin as horas de ensino, polo que este é moi precario.
Ensínase na Universidade Estatal de Adigué en Maikop: 387 alumnos, e na Universidade Estatal de Cabardina-Balkar en Nalchik.
Lingua de ensino das dúas vilas circasianas de Israel no ensino primario, despois poden obtar por ir a institutos árabes ou hebreos.
Consello da lingua circasiana de Adigué,encargado da estandarización da variedade adigué.
1923 Primeira publicación adigué: Adygheh Macke, publicada en Krasnodar, só sairon 7 números
Adygheh Psewutch: fundado en 1926, con 3.000 exemplares de tiraxe, mudou de nome varias veces ata hoxe que retomou o nome primeiro, bilingüe co ruso, sae 5 veces á semana 4.250 exemplares, conta con 8 páxinas.
Actualmente hai catro publicacións periódicas con periodicidade superior á quincenal:
Адыгеньять( A Voz de Adigué) sae 5 veces á semana, monolingüe en adigué, editado en Maipok
Майкопские новости ( Novas de Maipok), sae 4 veces á semana, monolingüe en adigué, editado en Maipok
Черкес хеку:( Terra circasiana), sae 2 veces á semana, monolingüe en cabardino, editado en Cherkessk
Адыге псалье ( O Mundo dos circasianos), 5 veces á semana, monolingüe en cabardino, editado en Nalchik
Ademais as repúblicas editan publicacións con material lexistativo, e existen unhas poucas revistas xuvenís e literarias.
Na República de Adigué hai programas de radio e televisión, aínda que non hai unha canle televisiva enteiramente en adigué, as autoridades subvencionan emisións en diferentes canles privadas ou estatais.
Os Shapsug de Krasnodar contan con unha revista: Shapsugia, quincenal fundada en 1991 edita 3.200 exemplares, un programa de TV, e unha emisión de radio, aínda que bilingües co ruso
No 2004 foron suspendidos os programas en circasiano na televisión de Cabardina-Balcaria, aínda que continúan as emisións de radio.
Turquía: emisións de programas en circasiano na radio e TV pública pola primeira vez no 2004 (media hora semanal) grazas á presión da Unión Europea para mellorar a situación das minorias nacionais presentes no seu territorio.
En Xordania algunhas emisoras privadas emiten programas en circasiano
Radio Free Europe transmite dous programas diarios de vinte minutos cada un.
HISTORIA
A cultura megalítica tivo unha grande presenza na zona, con centos de restos arqueolóxicos, no seculo V a.c. aparecen as primeiras cidades e o contacto cos gregos. Arredor do século VI comeza a se introducir o cristianismo, as poboacións costeiras son cristianizadas axiña, pero o interior permanece pagán. Nos séculos XIII-XIV os xenoveses fundan colonias comerciais: Matrega, Kapa..., con poboacións mixtas: xenoveses, gregos, armenios e circasianos, a fins do XIV Tarmerlán invade o Cáucaso, aumentando a influencia do Islam a través de misioneiros tártaros e turcos, aínda que a maioría da poboación permaneceu pagá ata a segunda metade do XIX. No XVI prodúcense os primeiros contactos cos rusos, ao se estableceren os primeiros postos cosacose o tzar Iván o terrible casou cunha princesa cabardina no 1561.
Polo Tratado de Adrianópole (1829) Turquía cedeu os territorios caucásicos a Rusia, pese a que os circasianos nunca recoñeceran o protectorado turco. Houbo unha forte resistencia á penetración rusa, que rematará o 21 de maio de 1864 coa caída do último bastión circasiano: Kbadaa, defendido por Imam Schamil, 1.200.000 circasianos (xunto a outros pobos norcaucásicos) tomaron o camiño cara o exilio nas terras do Imperio otomano, aproximadamente 800.000 sobreviviron á viaxe e tan só 150.000 permaneceron en Circasia.
Despois da revolución bolchevique, en1922 fórmanse tres autonomías circasinas: o distrito autónomo de Adigue- no 1991 convertido en República Autónoma-, o oblast de Cherquesia- no 1957 entrou a formar o oblast autónomo de Carachai-Cherquesía- e a República Autónoma Cabardina no 1944- dende 1957 forma parte da República de Cabardina-Balcar.
En Adigé e en Cabardina promulgáronse leis para favorecer o retorno da diáspora, pero ata o momento non é significativo o número de circasianos que retornaron á terra nai.
RELIXIÓN
Musulmáns sunní da escola hanafí, pero o Islam é unha parte pequena do sentimento nacional circasiano.
Actualizado o 12 de setembro de 2004
Envía comentarios, críticas, suxerencias premendo neste enlace© rocastelo 2004