Garda nas piñas o son da requinta, do pandeiro e da gaita, e ceiba os piñóns cos alalás, muiñeiras e aturuxos: o pino manso (Antonio Vázquez Turnes, Festa do Viño 1997)

   As buscas nesta web fanse con FreeFind
 

 

 

[O Val do Ulla]

Concellos e parroquias

A Historia As imaxes

Axenda Rutas e mapas

[Natureza]

O Pico Sacro O relevo

O río Ulla Ríos, pontes e termalismo

Clima Flora Fauna

[Camiños de Santiago]

Camiños Tradicións xacobeas

[Cultura e persoeiros]

Quén é quén A lingua Os discos A música Libros

Lendas Coplas de Entroido Refráns e ditos

Asociacións

[Monumentos]

Boqueixón A Estrada Teo Vedra

O patrimonio cultural Os pazos

[Emigración]

A emigración

[De xantares e festas]

Festas, feiras e romarías Gastronomía

[Xogos e deportes]

Xogos populares Deportes

[Economía]

Os sectores productivos

 

A música

Cando falamos de música na Ulla hai unha referencia obrigada: a requinta. O uso deste instrumento na bisbarra foi estudiado por Enrique Montero, quen afirma que ten as mesmas características físicas e de son que a frauta traveseira barroca que se tocou en toda Europa en orquestras e grupos de cámara do século XVIII. Mentres esta se tocaba no seu rexistro máis grave, na comarca utilizábase "acompañada sempre de gaitas e na mesma afinación do punteiro (Do ou Sib), e ademais tocábase a partir da segunda escala", afirma Montero, o que implica un elemento diferenciador da música da bisbarra con respecto das lindantes.
Os seus estudios sobre a requinta levárono a saber que esta frauta se usou en máis lugares de Galicia, como Betanzos ou Vigo, pero non como requinta, senón como frauta e de instrumento solista.
As primeiras frautas deste tipo chegaron posiblemente á orquestra da Catedral de Santiago no século XVIII ou principios do XIX, e poucos anos despois xa as fabrica Antonio García de Oca (1820-1872), un artesán de gaitas que viu as posibilidades deste instrumento para ser tocado xuntamente cunha gaita. Para Enrique Montero, "aquí e agora naceu a requinta", que define como "frauta traveseira barroca contralto, afinada en Fa, tocada conxuntamente coa gaita" e fabricada normalmente en madeira de buxo, tocando na mesma tonalidade que as gaitas (Re-Do-Sib), pero nunha oitava superior a elas. Está composta de cinco partes e na final ten unha chave.
A arte de Antonio García foi continuada polo seu fillo Xaquín García (1856-1934); o xenro deste, Xaquín Espiño García, (1920-1976) e o fillo deste último, Xaquín Espiño Martínez, quen, cando Montero escribiu o seu libro, seguía construíndo gaitas e requintas.
En Berres, máis abaixo do pazo de Oca, nunha antigua escola unitaria, tamén segue a fabricalas hoxe en día Carlos, un artesán que ademais fai xarras de vimbio e outras frautas. A requinta é empregada na actualidade por algúns grupos que fan música tradicional, como Durindaina.
O nome de requinta, para Enrique Montero, pode vir de que esta frauta se tanxía na oitava superior á da gaita, á que acompañaba, e para os gaiteiros "requintar" significa subir á segunda escala do punteiro.
O autor sinala no seu libro numerosos grupos de gaitas de comezos de século que empregaban a requinta en toda a comarca e inclúe ó final unha serie de partituras das que damos a continuación o nome: Miña Santiña (Irmáns Lamas, Calo, Teo), Minguiños (Irmáns Lamas, Calo, Teo), Muiñeira de Vedra, Pasodobre (Carcacía, Padrón), Rumba de Carcacía, A contiña (Albín, San Salvador de Camanzo, Vila de Cruces), Vals de Berres (A Estrada), Vals de Sarandón (Vedra), Pasacorredoiras de Albín, Muiñeira de Carcacía, Pasodobre de Carcacía e Muiñeira de Berres.
Outro instrumento tradicional é o charrasco, empregado habitualmente na primeira metade deste século durante o Antroido. Basicamente, é unha vara de madeira na cal se insertan variñas de diferente tamaño perpendicularmente a esta, e nestas variñas van pequenos aros de metal como os das pandeiretas. Desde a parte superior do charrasco ata a metade aproximadamente van uns aramios como se fosen os dun instrumento de corda. O charrasco faise soar batendo coa punta da vara no chan, ó tempo que outra vara dentada se desliza por riba dos aramios, como se se estivese tocando un violonchelo, por exemplo.
Outros charrascos, en lugar de levar pequenas variñas insertadas na vara, dispoñen na parte superior desta dun marco de madeira no que se enganchan os aramios, e pódense facer soar petando coa vara no chan ou cunha variña sobre os ferros.

Alejandro de Pereiro amosa unha antiga frauta de seis buratos en San Miguel de Sarandón. (c) D. Janeiro 1999

Música contemporánea


Polo que se refire a música non tradicional, debemos citar a celebración periódica no concello de Vedra do Festival Vedra-Rock, organizado pola asociación Crazy Cabezas, e que ten como un dos seus obxectivos principais a promoción dos grupos galegos.
Nos catro concellos que estudiamos naceron durante a década dos oitenta e noventa grupos de pop e rock, que tiveron distinta fortuna, sen chegar ningún deles polo momento a converterse nun fenómeno de vendas. A música folk está representada por grupos como Árdelle o Eixo (Santa Cruz de Ribadulla) ou Dríade (San Xoán de Calo).
Hai así mesmo numerosos grupos folclóricos, que coas bandas de música e os grupos de pop e rock contribúen a animar as festas na comarca e fóra dela. Pódense encontrar moitos deles na lista de asociacións que ofrecemos neste volume.
A mediados de 1999, o grupo Xamaraina, do concello de Teo, sacou á luz o seu primeiro disco, "Son". Un disco no que achega non só a música, senón as letras de composicións tradicionais de varios puntos de Galicia, entre eles e preferentemente o propio concello teense.
Así, encontramos pezas como o pasodobre dos Lamas, a muiñeira e jota de Cacheiras, pasodobre, jota e rumba dos Lamas, ou a muiñeira dos Enxebres de Cacheiras.

Na ponte de Xirimbao

Neste apartado pretendemos tamén dar a coñecer música creada na Ulla ou relacionada con ela. O primeiro tema que incluímos titúlase "Na ponte de Xirimbao" e pertence ó disco "Naturalmente"do grupo Muxicas. Nós ofrecemos só o primeiro minuto, aínda que a duración desta composición de Magoia Bodega é de 2'55''. Xirimbao é un lugar do río Ulla cruzado por unha ponte colgante.

Pulse aquí para escoitar "Na ponte de Xirimbao"

Ponte de Xirimbao vista desde a beira estradense. (c) A. Tarrío 1999

 


Escríbanos a comarca_da_ulla@hotmail.com

© A Ulla, Comarca Virtual 1997-2002. Tódolos dereitos reservados.
1